Finca Villadangos: Unha gandería líder en xenética de Rubia Galega

José Antonio Ferreiro Palacios é un gandeiro de Sabarei, en O Corgo (Lugo), que apostou por lograr a mellor xenética dentro da raza Rubia Galega. Hoxe a venda de xovencas e de embrións xa é unha importante fonte de ingresos da súa explotación

Finca Villadangos: Unha gandería líder en xenética de Rubia Galega

José Antonio cun dos exemplares da súa gandería

Finca Villadangos é una referente en Galicia en xenética da raza Rubia Galega. Isto foi posible grazas a que esta gandería familiar de Sabarei, no concello lucense do Corgo, leva traballando na mellora en pureza desta raza dende hai máis de 40 anos.

José Antonio Ferreiro Palacios, terceira xeración á fronte desta granxa, recorda que “o meu avó xa tiña un rabaño de Rubia Galega e o meu pai, cando tomou o relevo, foi un dos fundadores de Acruga”, a Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega. “E eu canto decidín continuar no ano 2000 tiven claro dende un primeiro momento que quería seguir apostando pola mellora da raza, pero sempre mantendo a pureza”, engade.

Hoxe o seu rabaño, composto por 50 vacas reprodutoras e un touro, é un referente para aqueles gandeiros que buscan os mellores exemplares de Rubia Galega. De feito é unha das poucas explotacións desta raza que vende embrións e unha das 50 ganderías que participa no mantemento e actualización do libro xenealóxico da raza. “Pero para chegar aquí tivemos que facer un traballo moi constante, serio e rigoroso, mantendo un control do pedigree de cada animal”, subliña.

“Buscamos animais largos, con facilidade de parto e aptitudes leiteiras e maternais”

Asi, en Finca Villadangos contan cunhas 7 liñas xenéticas distintas, pero en todas elas buscan o mesmo obxectivo: lograr animais largos, con facilidade de parto, aptitudes maternais e que dean leite.

“E logo a nivel estético o meu ideal é unha vaca fina de oso, con cabeza feminina e cornos elegantes, boa cola e un animal largo e coas costelas largas e arqueadas e bos aplomos”, engade José Antonio.

“Os problemas de partos aparecen en animais que son cruces de Rubia Galega con outras razas”

En canto aos partos, descarta que a Rubia Galega teña dificultade á hora de parir. “Ese é un problema que aparece cando se cruzou a raza con outras e acaban aparecendo estas complicacións como becerros que nacen con 80 quilos, que non maman, e vacas que precisan cesáreas no parto. Pero nas granxas que apostamos pola pureza racial non hai eses problemas, e de feito eu non me acordo da última vez que veu un veterinario á granxa para asistir un parto. E iso é así porque nas miñas vacas case ningún becerro supera os 50 kilos ao nacemento, pero maman e desarrollan moi ben, chegando a unha media ao sacrificio, con entre 8 e 9 meses, de 270 kilos canal nos machos e de 240 kilos nas femias”, asegura José Antonio .

“A base primordial dunha xenética é que o becerro non naza con moito peso e logo que teña un bo desarrollo para lograr altos rendementos no sacrificio. E non está reñido que no caso das nais teñan boas formas cárnicas, para que se valore logo á hora de mandala a matadoiro, e que sexan boas reprodutoras con facilidade de parto e con aptitude leiteira. É falso o mito de que as vacas anchas non dan leite e iso lógrase coa mellora xenética e co manexo”, subliña.

 Colaboran con Embriovet e xa venden embrións de Rubia Galega en Francia ou Australia

Precisamente, a inquietude deste gandeiro por aplicar as últimas técnicas de mellora xenética do sector lácteo tamén no vacún de carne levouno a colaborar dende hai uns anos coa empresa galega Embriovet para extraer e vender embrións das mellores reprodutoras do seu rabaño.

“Levamos anos traballando con Embriovet e xa mandamos embrións para Francia, Australia, e por suposto para Galicia e tamén para o resto de España. E a calquera gandeiro que estea interesado vendémoslles embrións sen problema dos animais que el elixa”, asegura.

Recoñece que a venda de embrións é un ingreso adicional para a explotación que no caso do comprador presenta tamén a importante vantaxe de mellora xenéticamente o seu rabaño por un prezo moito menor que se tivera que mercar animais e en menos tempo. “O seguinte paso é lograr en Acruga seme sexado para que podamos vender embrións asegurando o sexo”, avanza.

Para garantir unha boa implantación na vaca receptora, José Antonio recomenda que “os animais teñen que estar ben alimentados e os embrións hai que poñelos en vacas fértiles e con boa facilidade de preñez”.

Por suposto, xunto a venda de embrións outra importante vía de ingresos é a venda de xovencas. “Das 20 xatas que nacen ao ano de media, máis do 50% véndense directamente para vida a outros gandeiros e o resto son para mellora xenética da nosa gandería. O que nos piden os nosos clientes son animais largos, con boa facilidade de parto e sobre todo que teñan boas ubres, que se volva recuperar a aptitude leiteira das nais”, destaca.

En canto ao futuro, José Antonio Ferreiro asegura que “o meu traballo será seguir mellorando a xenética, intentando abrir o máxime posible o mercado dos embrións, unha opción de facer algo máis rendibles as explotacións de gando vacún”.

“Os gandeiros de ACRUGA temos que ser serios e non realizar cruces coa Rubia Galega”

José Antonio Ferreiro é un gandeiro activo en ACRUGA, sendo a súa unha das 50 explotacións, das arredor de 1200 do censo, que participa no programa de mantemento do libro xenealóxico.

Neste sentido, defende a necesidade de preservar a pureza racial, polo que considera unha medida acertada a creación dun rexistro auxiliar cos animais que non sexa puros aos 100%. “Incluso na miña opinión impediría que os animais dese rexistro puidesen volver ao rexistro definitivo pasadas cinco xeracións, porque a xenética do cruce sempre permanece, e é algo que provocou problemas de parto e outros que se lle atribúe inxustamente á Rubia Galega”, subliña.

“Hai gandeiros que meten touros de raza Blonda ou Limousin coas vacas de Rubia Galega e deses cruces non acaba saíndo nada positivo, ao contrario, á larga aparecen os problemas”, engade.

Neste sentido, anima aos gandeiros das explotacións de vacún de leite a que elixen a raza Rubia Galega para os cruces de carne, “porque grazas aos que apostamos pola pureza, hoxe é unha raza igual ou mellor que as de fóra, con facilidade de parto e menos días de xestación”.

Os animais de Finca Villadangos en imaxes:

Unha explotación pioneira en vender animais baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia

Gandería Finca Villadangos conta con 50 nais reprodutoras e 44 hectáreas de base territorial, das que 32 son en propiedade e 12 en arrendo. A herba é a base da alimentación do rabaño, con pastoreo diúrno durante todo o ano, agás nos días de invernía. Das pradeiras sae tamén o silo de herba e a herba seca coa que se alimentan ás vacas e ás xovencas nos momentos de pouco pasto.

Os becerros véndenos dende hai anos a un carniceiro co que pactan un prezo anual. Comercialízanos baixo o selo da IXP Ternera Gallega Suprema, pois o leite e a forraxe son a base da alimentación. “Durante os 3 primeiros meses os becerros só se alimentan do leite materno, e logo comezan a comer unha mestura de cereais, composta fundamentalmente por millo, e que está supervisada e aprobada pola IXP Ternera Gallega, e herba seca”, explica José Antonio.

Os becerros seguen mamando leite da nai á mañá e á noite ata o momento do sacrificio, cando teñen unha idade de entre 8 e 9 meses, logrando un peso medio canal de 270 kilos no caso dos machos e de 240 nas femias.

Ademais, Finca Villadangos vende unhas 5 vacas ao ano para matadoiro e neste 2018 foron dos primeiros en comerciar esta carne co selo da recentemente creada Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia.

“As vacas véndoas directamente a un intermediario, co que teño un prezo estable para todo o ano, ao igual que os becerros. Das 5 que vendo ao ano cebo 2 ou 3, aquelas que vexo que teñen maior capacidade de facer quilos e de ter graxa infiltrada. Chegan a unha media de 1200 e ata 1300 kilos de peso vivo e uns 700 kilos canal. Páganme entre 5.000 a 6.000 euros brutos por cada un destes animais”, explica este gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información