Finca Azureira, unha explotación avícola ecolóxica en pastoreo

Silvia Durán, unha moza de Xermade, pon en marcha unha explotación de produción de ovos de galiñas araucanas en liberdade mediante un sistema de galiñeiros móbiles

Finca Azureira, unha explotación avícola ecolóxica en pastoreo

Silvia Durán, nun dos galiñeiros móbiles para as súas galiñas araucanas.

Na parroquia de Roupar, no concello lucense de Xermade estase a montar a primeira explotación avícola de galiñas araucanas que se crea en Galicia. A súa promotora é unha moza que pretende comercializar os ovos azuis que pon esta especie orixinaria de Chile e polos que se chegan pagar 20€ a ducia.

Cando o can da súa nai lle matou á veciña a súa galiña dos ovos azuis Silvia Durán púxose a investigar sobre esta especie para repoñerlle o animal. Nada sabía até entón das coñecidas como galiñas araucanas ou mapuches, por ser orixinarias desta zona da cordilleira do Andes. Logo de moito buscar, Silvia conseguiulle outra galiña á veciña e, de paso, trouxo varias para ela.

Animais de cría de galiñas araucanas.

Animais de cría de galiñas araucanas.

Así comezou esta aventura na que se atopa inmersa desde hai dous anos, cando mercou as primeiras 24 poñedoras. “Gastei case 1.000 euros e matoumas un can de caza, así que tiven que volver a mercar. Son unha raza moi cara, unha galiña desta especie xa poñendo custa 40 euros, catro veces máis que unha galiña normal”, explica.

Pero malia o tropezo inicial non se deu por vencida e con 24 anos decidiu investir 120.000 euros e montar a primeira explotación avícola para comercializar ovos de galiñas araucanas en Galicia. Pretende chegar a 1.500 galiñas poñedoras desta raza e será unha das máis profesionalizadas de todo o Estado.

“Só hai un criador en Cantabria que se dedica a vender ovos, véndeos en Madrid a 20 euros a ducia, pero non é unha explotación tan profesional como vai ser a miña”, indica. En todo o Estado hai só 39 criadores dados de alta na asociación Araucana Club, deles 8 están en Galicia, pero a maioría crian como simple afección ou venden unicamente pitas poñedoras que eles mesmos incuban, pero non están centrados na venda de ovos para consumo.

Gallinas-araucanas_-Finca-Azureira-

Unha rulote para galiñas

Coma quen viaxa en caravana para poder gozar da vida en liberdade en plena natureza pero sen ter que renunciar ás comodidades, neste caso dun moderno galiñeiro ao que non lle falta de nada: camas individuais, comedeiro, bebedeiro, poñedeiro e mesmo un poleiro a tres alturas onde distraerse e pasar o tempo. Así será a vida das 1.500 galiñas araucanas que Silvia quere ter na súa finca do Concello lugués de Xermade.

“Ao comezo iamos ir en galiñeiro fixo de cemento pero ao ser tan grande a parcela teriamos que ir cambiando de sitio as galiñas e movelas moita distancia con respecto ao galiñeiro, así que en vez de mover as galiñas pola parcela decidímonos por un modelo de galiñeiros móbiles coma os que xa existen en Andalucía, pero máis pequenos”, explica esta moza.

Coa axuda de Carlos Brea, enxeñeiro técnico agrícola e impulsor da cervexa Toupiña, idearon un galiñeiro móbil construído en Lalín e completamente metálico para facilitar a súa limpeza e desinfección. O primeiro prototipo foi instalado en Roupar no mes de setembro do ano pasado. Hoxe xa hai dous máis na parcela.

Cada un deles ten capacidade para 108 galiñas, que habitarán unha superficie de 18 metros cadrados (6 metros de longo por 3 de ancho) para cumprir cos estándares mínimos que estipula a normativa de benestar animal para a cría de galiñas en ecolóxico (un máximo de 6 animais por metro cadrado). Cada galiñeiro, construído con panel sándwich para reducir as oscilacións térmicas, incorpora un depósito de auga de 3.000 litros, con autonomía para unha semana. O seu custo é duns 6.000 euros e Silvia precisa cando menos unha ducia para completar o seu proxecto.

Esta especie de galiña resiste moi ben tanto o frío coma a calor e aínda que prefiren durmir no prado antes que no galiñeiro e pasarán o día fóra, pacendo en liberdade pola finca, pola noite Silvia terá que metelas por culpa dos depredadores que hai na zona (raposo, xineta e xabarín). Para evitar que entren, tivo que pechar todo ao redor a parcela con malla metálica de 2 metros de altura.

Galiñas en pastoreo en dúas hectáreas de terreo

A de Silvia non deixa de ser unha gandería ecolóxica en pastoreo, aínda que de galiñas. As primeiras 300 completan a primeira fase do proxecto. Coa axuda dun tractor, os galiñeiros vanse cambiando de sitio dentro da finca para que as galiñas sempre teñan pasto dispoñible. O proxecto é tan novidoso que mesmo a Xunta lle deu moitas voltas antes de subvencionalo cunha axuda por incorporación e un plan de mellora.

Facerse cunha finca de 2 hectáreas nunha única peza foi tamén toda unha aventura. Unha hectárea era de seu avó e unha superficie similar permutoulla a tres veciños do lugar. “Faltábanos unha lingua que non sabiamos de quen era e acabei atopando o propietario por Facebook en Cuba, a onde emigrara fai décadas. Merqueille ese cacho desde aquí”, conta.

O proxecto inclúe unha horta e invernadoiro para alimentar ás galiñas e unha incubadora para 300 ovos

A metade da superficie total que logrou xuntar estaba plantada a piñeiros e eucaliptos. Silvia cortou as árbores, desbrozou a finca e plantou ourego e tomiño, especies que as galiñas usan como solución natural contra insectos e piollos. Tamén haberá horta e un invernadoiro para cultivar verduras coas que alimentar ás galiñas. “A idea é que coman o menos penso posible para que sexan ovos ecolóxicos e campeiros”, explica.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha incubadora para 300 ovos. Co prezo que ten cada unha destas galiñas, para chegar a ter 1.500 habería que facer un investimento moi importante, así que Silvia vai incubalas ela mesma a partir de ovos propios fecundados. Isto fai que o medre da explotación vaia ser máis lento. Calcula que precisará un ano para completar as 1.500 poñedoras, xa que desde que o ovo entra na incubadora até que ese exemplar eclosionado comeza a poñer pasan 6 meses.

Menos produtivas que outras razas

As galiñas dos ovos de ouro son de cor branco, azulado ou pardo, son aves de menor tamaño e sen rabo e poden ter barba ou aretes. A principal diferenza destas galiñas de procedencia americana con respecto ás especies europeas é a cor azulada dos seus ovos, que teñen tamén a cáscara máis grosa, o que aumenta a súa conservación pero dificulta a eclosión dos pitiños trala incubación.

Ovos de galiña araucana.

Ovos de galiña araucana.

O tamaño dos ovos é similar ao das galiñas convencionais pero poñen menos, arredor de 150 ovos ao ano. “Poñen un día si e outro non pero os ovos son de máis calidade”, explica Silvia, xa que teñen máis proteína e menos colesterol que os ovos que habitualmente atopamos nas tendas e supermercados galegos.

A produción limitada que obtivo até agora Silvia como produtora artesá serviu para dar a coñecer o produto a través da venda directa ao consumidor en feiras da zona de Ferrol e Lugo. A medida que aumente a produción e xa coas autorizacións como produtora ecolóxica de ovos, ten pensado vendela baixo o nome de Finca Azureira a un prezo de 4 euros a ducia en supermercados delicatesen, restaurantes que apostan pola calidade e tendas especializadas.

O da comercialización de ovos venlle a Silvia de familia. “A meu avó gustábanlle moito as galiñas e vendía ovos na feira. El xa faleceu, pero o proxecto tamén o quero sacar adiante por el”, recoñece. “Pensei botarme atrás moitas veces porque son moitos cartos, pero sen esforzo non hai nada. Empezamos tres co proxecto e dous botáronse atrás polo investimento necesario pero eu decidín seguir adiante”, conta.

Esta moza decidida estase a formar facendo cursos específicos das distintas fases do proceso de cría e produción, como por exemplo para o manexo dos ovos e das crías. Leva un ano criando e incubando na casa da súa nai e da súa avoa ovos das súas propias galiñas fecundados cos tres galos que ten (un de cada unha das variedades araucanas: un branco, un azul e un silvestre). Calcula que precisará 7 anos para lograr a raza pura araucana nos seus animais.

Una idea sobre “Finca Azureira, unha explotación avícola ecolóxica en pastoreo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información