A Festa da Androlla de Navia de Suarna cumpre 30 anos

O 23 de febreiro, Domingo de Entroido, repartiranse de balde nesta localidade da montaña de Lugo máis de 200 quilos deste produto da matanza típico da zona que agarda desde o 2008 pola súa propia IXP e do que se fabrican anualmente unhas 30 toneladas

Publicidade
Momento da degustación gratuita de androlla na praza da vila

Momento da degustación gratuita de androlla e rosca de Navia na praza da vila

A Festa da Androlla de Navia de Suarna está de celebración. A cita de exhaltación deste produto da matanza típico da zona cumpre 30 anos, nos que este embutido logrou darse a coñecer dentro e fóra de Galicia e serviu de base para o asentamento de empresas de transformación cárnica neste concello da montaña de Lugo.

A celebración desta festa gastronómica, unha das primeiras de Galicia, que se comezou a facer no ano 1991 e está organizada polo Concello de Navia de Suarna coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, ten lugar todos os anos o domingo de Entroido, que este ano cadra o 23 de febreiro.

Ese día a praza da vila da localidade reunirá ao numeroso público que acode a esta celebración que xira en torno a un dos produtos típicos deste concello da montaña luguesa nunha cita que contribúe á dinamización local e a manter viva esta tradición naviega da elaboración deste embutido de porco.

A Festa no seu conxunto move a unhas 2.000 persoas ao longo do día e xera un volume de negocio superior aos 15.000 euros

O programa de actividades dará comezo ás 10 da mañá cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e coa apertura media hora máis tarde da feira que acollerá a carpa ubicada na praza. Nela venderanse as androllas tanto de empresas de transformación cárnica como de numerosos produtores caseiros desta zona dos Ancares que as elaboran expresamente para esta cita.

Contra a unha do mediodía terá lugar un dos actos centrais do día, a tradicional degustación gratuita de androlla entre os asistentes. As androllas cocíñanse na propia praza, á vista dos asistentes, e repártense de balde acompañadas de viño, pan e mesmo de postre, unha torta de pasas tamén típica desta zona.

Poranse á venda 3.000 quilos de androlla e repartiranse 200 de balde

Un dos postos de venda na pasada edición da Festa da Androlla

Ofreceránse 200 quilos de androlla de xeito totalmente gratuíto e poranse á venda uns 3.000 quilos de de androlla a un prezo medio de 6 euros, ademais de 1.000 quilos doutros embutidos. Entre os expositores tamén haberá vendedores de pan, doces, queixos, licores e todo tipo de produtos galegos, así como un amplo surtido de artesanía.

A feira e a música continuarán despois do xantar oficial e até media tarde. A praza do Concello estará chea de postos, uns 30, nos que ademais de produtos cárnicos, destacan os de produtos como a tradicional rosca de Navia, queixos, cerámica, ourivaría, mel, navallas, artesanía e outros produtos da montaña luguesa. Cada ano, son máis os artesáns e produtores que quedan en espera pois o espazo existente énchese sempre ao 100% e en paralelo á celebración da Festa da Androlla organízanse outras actividades complementarias.

Dinamización da economía local

A celebración desde fai 3 décadas desta cita gastronómica animou a recuperación da produción a nivel local deste embutido e o xurdimento en Navia da empresa Embutidos Suarna, que fabrica e comercializa durante todo o ano tanto androllas como outros derivados do porco e contribuíu a consolidar a produción anual de androlla no municipio, que supera os 30.000 quilos, véndose incrementada nas datas previas á celebración da Festa.

Embutidos Suarna é unha empresa local pioneira na comercialización de androlla e que elabora ademais durante todo o ano todo tipo de embutidos e produtos cárnicos

A Festa da Androlla é tamén unha oportunidade única para promover a economía do municipio xa que, como destaca José Fernández, alcalde da localidade, a androlla e a súa cita gastronómica estanse a converter nun recurso económico para esta zona dos Ancares, xa que “ademáis de xuntar con notable éxito desde hai anos a milleiros de comensais, serve para atraer cada ano a novos visitantes que descobren a beleza da nosa vila”. Navia conta con interesantes atractivos turísticos, como a Ponte Vella, de orixe romana, ou o castelo medieval dos Condes de Altamira, ademais de pallozas e numerosos castros.

Un produto diferente do butelo que se elabora en 29 municipios da montaña de Lugo e Ourense

Aínda que semellantes, a androlla diferénciase do botelo (coñecido como butelo ou pigureiro nesta zona dos Ancares) en que só leva costela de porco e coiros, mentres que no botelo permítese ademais soá, carne magra de porco, ósos da cabeza e outros ósos con carne. Ademais, o botelo embútese en cegos, estómagos ou vexigas de porco, polo que o tamaño e o peso da peza é maior que o da androlla, que acostuma estar en torno ao medio quilo. O tipo de tripa empregado condiciona, ademais do tamaño, o aspecto diferenciado de ambos produtos: a androlla preséntase con forma cilíndrica e alongada, mentres o botelo é sempre moito máis grande que a androlla e toma a forma da tripa en que se embute, normalmente máis redondeada.

De cor vermella intensa debido aos condimentos empregados, a androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado e curado. Ten un sabor moi agradable, en parte picante e en parte doce, que poderán comprobar de balde todas aquelas persoas que se acheguen a Navia o vindeiro 23 de febreiro.

Elaborada ao xeito tradicional con costela de porco e coiros

Androllas nun dos postos de venda da Festa da Androlla 2018

Androllas e botelos nun dos postos de venda da pasada edición da festa.

A androlla é un produto cárnico elaborado de xeito artesanal resultante da mestura de costela (mínimo 90%) e coiros, que lle dá ao embutido graxa e xelatina que se traduce en sensación de xugosidade na boca). Convenientemente adobado o recheo durante uns tres días con allo, sal e pemento doce e picante é embutido en tripa natural procedente do intestino groso de porcino ou de vacún e posteriormente sométese a un proceso de afumadura con leña de carballo e de curación. O seu consumo realízase habitualmente logo de cocción.

A Xunta de Galicia iniciou o camiño da protección deste produto en setembro de 2008 e, unha vez superada a fase galega, falta a aprobación dos organismos comunitarios e a inscrición da IXP no rexistro de denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas. A zona xeográfica de elaboración da IXP Androlla de Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, que constitúen unha estreita franxa que se estende, de norte a sur, na parte máis oriental de Galicia, abarcando a área máis montañosa da comunidade. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.

PROGRAMA COMPLETO:

programa_festaandrolla2020v2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información