A fenolaxe en rotopacas: Unha técnica para darlle máis valor á herba

A fenolaxe é unha técnica de conservación da herba intermedia entre o ensilado e o henificado. Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), fai un resume dalgúns resultados e recomendacións do grupo de investigación en valoración nutricional de forraxes e produción de leite do CIAM para lograr rotopacas de feno da máxima calidade

A fenolaxe en rotopacas: Unha técnica para darlle máis valor á herba

A conservación da forraxe, unha práctica necesaria

Nas condicións agro-climáticas de Galiza a produción de pasto non é estábel ó longo de todo o ano, senón que ten un forte pico na primavera e outro máis suave no outono con baixas ou mesmo nulas producións nas partes centrais do verán e do inverno.

Nos sistemas de produción animal baseadas no aproveitamento mixto (pastoreo/conservación) da herba, esta variabilidade estacional obriga á conservación dos excedentes de forraxe na primavera-comezos de verán para ser utilizados nos momentos de carencia de pastos frescos. Nos sistemas de animais estabulados continuamente, a utilización de forraxe conservada é a base de alimentación dos animais durante todo o ano.

En ambos casos, o ensilado é a forma de conservación predominante da herba nas ganderías galegas, se ben a maior parte delas segue a facer herba seca, preferentemente dos rebrotes das pradeiras en segundos cortes. O manexo habitual dunha pradeira para conservación é a obtención dun primeiro corte para ensilar a principios-mediados de maio (ou ben pastorear ate esas datas), co fin de poder dar un segundo aproveitamento para herba seca aos 50-60 días aproximadamente, a finais de xuño ou principios de xullo.

Ensilado vs. fenificado da herba

O proceso de ensilado é relativamente independente das condicións climáticas, toda vez que a conservación da herba se produce a traveso do proceso de fermentación láctica dos azucres da planta picada, compactada e illada do aire no silo e no mantemento das condicións de anaerobiose até o seu consumo.

Pola contra, no curado da herba para feno requírese a rápida deshidratación no campo da forraxe tras a sega, para o cal é necesario contar con condicións de elevadas temperaturas do aire e do solo e unha baixa humidade relativa. O obxectivo desta técnica é reducir a humidade da forraxe desde valores do 75-80% a niveis próximos ao 15-18%, co cal se logra a estabilidade da masa de forraxe impedindo a proliferación de fungos e outros microorganismos aerobios durante o almacenamento.

En ambos casos debe ser tido en conta que a calidade dunha forraxe conservada nunca será superior á do material orixinal. Polo tanto, para obter unha ensilaxe ou unha herba seca de alto valor nutricional será preciso realizar a sega da forraxe nun estado pouco avanzado de madurez, cunha alta relación follas/talos, estando as gramíneas nun estado anterior ou a comezo do espigado e as leguminosas ao inicio ou metade da floración.

“Unha boa herba seca debería ser abundante en follas, ter uns talos finos e conservar parte da súa cor verde”

Unha boa herba seca debería ser abundante en follas, ter uns talos finos, conservar parte da súa cor verde e presentar o típico aroma característico a mazás maduras. As condicións climáticas de Galicia durante a primavera e comezos do verán fan que sexa virtualmente imposíbel curar adecuadamente a herba para obter un feno de calidade nesta época, o cal obriga a retrasar o corte até mediados de xullo. Neste momento, sen embargo, é frecuente que a calidade da herba sexa mediocre, xa que perdeu grande parte do seu valor nutricional debido ao avance da madurez.

Os fenos de herba utilizados nas ganderías galegas son de baixa calidade nutricional

Resultados analíticos de mostras de fenos procedentes de explotacións galegas analizados no CIAM mostran que un feno medio ten a seguinte composición:

-materia seca (MS) 87.3%

-materia orgánica (MO) 92.4%

-proteína bruta (PB) 8.0%

-fibra ácido deterxente (FAD) 41.2%

Evidénciase unha calidade mediocre, posta tamén de manifesto por unha dixestibilidade da materia orgánica (DMO) que non supera o 52%. Atopamos tamén unha certa variabilidade no valor nutricional pero en xeral os fenos empregados na alimentación do gando nas explotacións galegas agrúpanse na parte baixa da escala de valoración nutricional de alimentos para ruminantes.

A fenolaxe: As vantaxes do ensilado en rotopacas

A conservación da herba presecada mediante ensilado en rotopacas proporciona flexibilidade na colleita da forraxe para o inverno, permite obter un alimento de mellor calidade e reduce as perdas na conservación, comparado co secado da herba.

A técnica de ensilar herba de alto contido en materia seca denomínase fenolaxe, e está especialmente referida ao ensilado en rotopacas de herba suficientemente presecada no campo durante un breve período (polo xeral de 24 ou 48 h como máximo), con bo tempo. Posto que o contido en humidade da forraxe apta para rotoempacar e encintar sitúase no rango 70-40% (30-60% MS) comparado cun 18-15% de humidade (82-85% MS) requirida para facer herba seca, na ensilaxe de herba presecada necesítase menos tempo de secado no campo e pódese conservar a forraxe en épocas que aínda non é posíbel facer herba seca debido á climatoloxía.

Por tanto, podemos aproveitar o pasto cando a sua calidade nutritiva é alta, incluso dando varios cortes en condición favorábeis. Por outra parte, dado que o proceso de secado é máis breve na fenolaxe comparado co curado da herba para facer feno, a perda de follas dos trevos e leguminosas en xeral vese moi reducida, co conseguinte aumento comparativo de valor enerxético e proteico da forraxe conservada. Isto reflíctese na boa palatabilidade do alimento para o gando e na redución da proporción de alimento rexeitado durante o seu consumo.

Atención a evitar a entrada de aire nas rotopacas

A entrada de aire, aínda en pequenas cantidades, provocará o deterioro da forraxe e o crecemento de fungos. En condicións de alta temperatura e humidade, este proceso acelerarase, provocando o quecemento da masa de herba pola acción dos microorganismos presentes na forraxe. Este proceso conleva, en maior ou menor medida, unha perda apreciábel do valor proteico do alimento, causada polas chamadas “reaccións de caramelización”, onde se producen compostos nitroxenados indixestíbeis para o animal. As pacas de fenolaxe unha vez abertas deben consumir-se con rapidez, en dous días como máximo, polo que o tamaño das pacas debe adecuar-se ás necesidades do rabaño que temos que alimentar.

Sen embargo, a principal preocupación no manexo das rotopacas encintadas de fenolaxe, desde o punto de vista da saúde do rabaño é evitar o risco de listeriose. Esta enfermidade está causada por unha bacteria (Listeria monocytogenes) que pode contaminar a forraxe presecada durante su estancia no campo e multiplicarse na masa ensilada cando se dan condicións de infiltración de aire por un defecto no selado da rotopaca. A bacteria causante da listeriose non sobrevive en ensilaxes con pH superior a 5.5, podendo sobrevivir e multiplicarse en zonas onde se infiltra aire, que sufrirán un deterioro e alcanzarán valores de pH perigosos.

Por esta razón recoméndase efectuar un bo selado das rotopacas, con 4-6 capas de film estirábel, e reparar inmediatamente os orificios que ocasionalmente se puideran producir na cuberta.

Débese agardar unhas 4 semanas como mínimo antes de utilizar as rotopacas

Tamén é moi importante cubrir as rotopacas con malla para evitar os danos na envoltura por paxaros e outra fauna silvestre e arredar, na medida do posíbel, os animais domésticos da zona de almacenamento.

Outra medida importante é deixar fermentar a forraxe como mínimo unhas 4 semanas antes de utilizar as rotopacas, para permitir que a baixada do pH que ten lugar na masa da herba (desde 6.2-6.5 até aproximadamente 5.0) evite a proliferación das listerias. Con estas precaucións o uso do fenolaxe na alimentación de ruminantes é perfectamente seguro e recomendábel.

Utilización satisfactoria da técnica do fenolaxe no CIAM

Durante os anos 2010 e 2011 empregouse no CIAM a técnica do fenolaxe para conservar herba de pradeiras de raigrás inglés e de distintas especies de leguminosas pratenses, aproveitadas en diversos cortes realizados nos meses de maio a xullo. O presecado no campo durou, de media, 48 h nos cortes realizados en primavera e 24 h no verán. A herba foi cortada coa segadora cos deflectores abertos ao máximo, e deixada no campo sen virar até que, finalizado o prazo previsto de presecado, era encarreirada para rotoempacar.

No cadro seguinte recóllese a evolución da materia seca da forraxe no corte de mediados de maio de 2010, desde a sega até as 48 h de presecado. Evidénciase que foi doado superar o 40% de MS no raigrás cun presecado curto con bo tempo e que, para o trevo violeta, debido á sua alta humidade natural, se requiren 48 h de presecado nesta época para chegar ás proximidades do 50% MS.

Saliénta-se que por razóns operativas este ano a sega fíxose cunha rotativa sen acondicionador, se ben é moi recomendábel o uso de segadoras acondicionadoras para acelerar o presecado da herba (rolos de caucho para leguminosas e de martelos para as gramíneas, se ben se ten utilizado con éxito este último sistema en pradeiras mixtas de raigrases e trevo).

Evolución do contido en materia seca de un corte de raigrás inglés e de trevo violeta realizado a mediados de maio, entre a sega e as 48 h de secado no campo:

FENOLAXE CIAM 1

O encintado con film estirábel constou de 5 voltas de plástico, cun estiramento do 60-70% e as rotopacas, situadas sobre unha superficie uniforme de formigón, deixáronse fermentar un mínimo de dous meses antes de ser utilizadas. As ensilaxes utilizáronse para formar parte de racións unifeed de vacas de leite que estaban no último terzo (ano 2010) ou a mediados (ano 2011) da lactación. A dieta diaria constaba de fenolaxe de herba nun 50% da MS ofrecida diariamente, estando o resto constituído, a partes iguais, por ensilaxe de planta enteira de millo e concentrado do 25% PB.

Os resultados foron moi satisfactorios en canto á conservación obtida e á facilidade de manexo das rotopacas. Antes de introducir estas no carro mesturador eran partidas á metade coa serra dunha desensiladora. Non se observou visualmente presenza importante de deterioro aeróbico nas rotopacas, polo que as perdas totais en conservación foron moi baixas e principalmente debidas á fermentación, estimando-se que non deberon superar, de media, o 5-8% da materia seca ensilada.

Os valores medios de MS das mostras tomadas con sonda nas rotopacas antes da sua apertura oscilaron entre 29.3 e 49.9% (valor medio 39.7%) e os de pH entre 4.17 e 5.15 (valor medio 4.61). Ningunha mostra superou o pH de 5.5, marcado como límite para a proliferación de listeria.

O ensaios de alimentación desenvolvéronse de forma satisfactoria, sendo moi ben consumida a ración polo gando sen observar-se problemas derivados do uso das forraxes presecadas como fenolaxe. No cadro seguinte móstranse os valores medios das analíticas das mostras de rotopacas procedentes dos diversos cortes e especies pratenses.

Materia seca, pH e valor nutricional de mostras de rotopacas de fenolaxe:

FENOLAXE CIAM 2

Os valores medios de inxestión voluntaria de MS, a produción diaria de sólidos (graxa e proteína) e a produción de leite (axustada ao 3.5 % de graxa) no ensaio de alimentación foron lixeiramente superiores para as racións baseadas en fenolaxe de leguminosas pratenses, comparadas coa de raigrás inglés, tal e como se indica na seguinte táboa.

Resultados do ensaio de alimentación de vacas de leite con fenolaxe de raigrás inglés e con trevo violeta:

FENOLAXE CIAM 3

Como puntos a salientar indícanse:

a) Unha satisfactoria conservación das rotopacas de fenolaxe en tódolos casos.

b) Alta dixestibilidade e baixo contido en proteína da fenolaxe de raigrás inglés.

c) O alto contido en proteína e dixestibilidade media da fenolaxe de trevo violeta.

d) Un rendemento lixeiramente superior para as vacas que consumiron a ración con fenolaxe de leguminosas.

Os resultados serven, adicionalmente, para poñer en evidencia a necesidade de analizar as mostras de forraxe a fin de realizar un correcto racionamento do gando, dada a variabilidade do valor nutricional da forraxe dependendo do tipo de herba, a data de corte e as condicións de ensilado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información