Felisindo Prieto, toda unha vida entre cepas

A denominación de orixe Monterrei entregoulle este verán unha distinción a este viticultor de Guimarei pola súa antigüidade na denominación. Entrevistámolo para falar da evolución e presente do sector

Publicidade
Felisindo Prieto, toda unha vida entre cepas

Felisindo Prieto, baixo unha parra ao pé da súa casa, en Guimarei (Monterrei).

Felisindo Prieto comezou a traballar a viña desde pequeno, aínda que foi ao volver de Alemania, onde estivo dez anos, cando comezou a facer o seu propio viñedo. Era o ano 1979 e desde aquela leva Felisindo traballando de xeito ininterrumpido no viñedo, primeiro no tempo libre que lle deixaba a súa ocupación laboral principal, de albanel, e os últimos anos como pasatempo da xubilación. Felisindo, que vive en Guimarei (Monterrei), ten agora 74 anos e leva os últimos 25 inscrito na denominación de orixe Monterrei, desde o seu inicio.

Como lembra o traballo na viña cando vostede comezou?
– Era moi malo, moi malo. Había que traballar todo a mao e con caballerías, non había tractor como agora. E logo a clase de viño tampouco tiña a calidade de agora, aínda que eran viños ricos. Antes na mesma parcela tiñas 10-12 variedades, dona blanca, alicante, tinta gorda… moitas. Estaba todo atrapallado, pero ao ter moitas variedades, lograbas un viño máis suave e redondo.

O que pasa é que agora esíxese máis. Esíxese o grao, a acidez, o azucre. É normal que se faga así. Agora por exemplo, se te achegas á vendima e unha cepa ten moitas uvas, pois hai que quitarlle algo para que as uvas maduren mellor.

Daquela buscábase máis a cantidade que a calidade…
– Antes faciamos viño para consumo da casa e vendíase o sobrante por olas. Vendíase pouco e mal porque non había adegas nin promoción. Cada casa facía o viño. Tiñamos lagares, prensas e potes para augardente. Eu aínda sigo facendo algo de viño para a casa, uns 300 litros ó ano, pero polo demais, véndolle todas as uvas a unha adega.

“Agora trátase de vender calidade, non cantidade; vender poucas uvas, pero boas”

Agora trátase de vender calidade, non cantidade; vender poucas uvas, pero boas. O que sucede é que tiñan que pagar mellor as uvas, pero pouco a pouco. O consello regulador está traballando ben, gastando cartos en promoción, e o viño noso é precioso, está á altura de calquera.

Cando comezou vostede a traballar no viñedo dun xeito máis profesional?
– Eu cando vin de Alemania, comecei por mercar fincas, que non tiña. Fun comprando un cacho hoxe, outro mañá e despois, a partir do 1980 veu a concentración e xuntoumo todo. Daquela fixen unha viña en Albarellos (Monterrei) de 7.000 metros cadrados, que é pequena, pero vai dando algo.

Comezábase a falar moito entón do godello e da mencía. Eu da mencía xa tiña idea de como era e entón, como queriamos meter cousa boa, plantamos a finca metade a godello e metade a mencía, cunha pequena parte tamén de treixadura. Plantamos a finca a inicios dos 80 e hoxe está en pleno apoxeo. A uva que sae de aí é boa. As cepas están plantadas modernamente, en espaldeira, co cal a uva madura mellor que antes; e a finca lábrase perfectamente en tractor. Faise o traballo moito mellor, máis a gusto.

Felisindo, coa distinción do consello regulador.

Felisindo, coa distinción do consello regulador.

Do traballo no viñedo, que é o que máis lle gusta?
– Tratándose do viño, gústame todo, agora a poda faime bastante gracia, andar entrecollendo as vides, seleccionando a boa, desbotando a mala. Podo facer ata unhas 150 cepas ó día, pero é un traballo para o que hai tempo. Comezamos en decembro e ata abril hai tempo. Co tractor tamén me defendo ben, é algo que me gusta.

O viñedo dá moito traballo, moito. Hai que sulfatar, labrar co tractor dúas ou tres veces, marfoñar a cepa cando comeza a brotar, porque se non a marfoñas en dous ou tres anos quedas sen viña. A cepa desde o pé comézache a botar gromos e eses gromos hai que quitalos e deixar a cepa limpa.

Logo hai que recortar tres ou catro veces porque a vide medra moito e pasa dun lado a outro, polo que haina que recortar para que poida pasar o tractor. Unha semana antes da vendima tamén quitamos follas para que madure mellor e para que os que vendiman vexan ben as uvas, que se non quedan alí (risas).

Este ano veu un tempo complicado para o viñedo. Como se foi desenvolvendo o seu?
– Co mildeu tivemos bastante traballo este ano. Eu por exemplo din oito mans de sulfato e se viñera un ano normal, con catro ou cinco mans arranxabamos. O malo que temos é que gastamos moitos cartos nos sulfatos e despois a uva págase mal. Cada man de sulfato que boto cústame 40 euros.

Peor foi o ano pasado, que polas xeadas tardías collemos só 3.000 quilos, cando o normal tiñan que ser alomenos 8.000. O bo o ano pasado é que a adega coa que tiña contrato pagoume ben a uva, hai que dicilo, pero este ano non ha ser así a cousa.

“O viñedo normalmente ímolo traballando a xente maior porque a xente nova non o ve rentable”

Van facendo contrato de ano en ano?
– Imos cambiando de adega e facemos contrato cada ano. Veñen ofrecéndoche, a como vendes as uvas?. A tanto. Pois eu págoche a tanto. Pois lévaas. É normal que se faga así. O que pasa é que en Galicia a agricultura non é rentable, funciona mal. Aquí o viñedo normalmente ímolo traballando xente maior porque a pouca xente nova que temos non ve a agricultura rentable.

Ve difícil o relevo xeneracional?
– Eu de momento non teño na casa quen siga porque non queren. O día que falte eu, probablemente quede a viña abandonada; pero non se sabe, o mundo dá moitas voltas.

Se eres un pequeño colleitor non fas nada, se eres grande, recompensa. Eu, ao non ter gasto máis que o sulfato, compensa facer algo. Pero para alguén novo que se queira adicar a isto, para ser rentable, en lugar dunha hectárea, había que ter 5-6 hectáreas de viñedo, que aquí en Monterrei tamén temos casos así, de xente que ten bastantes parcelas.

Claro que se eres pequeno, a parte do viñedo, podes facer outra cousa, como eu cando vin de Alemania, que traballaba de albanel e as horas libres ía para a viña. E agora, o viñedo axúdame a recompensar a xubilación. Paso alí o tempo. Que me canso, séntome un pouco, bebo un vaso de auga. Téñoa porque me axuda a pasar o tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información