Feiraco recibe o premio á mellor cooperativa de España en igualdade para as mulleres

Feiraco recibe o premio á mellor cooperativa de España en igualdade para as mulleres

José Montes recollendo o premio entregado pola ministra de Agricultura

O proxecto Mulleres de Seu, impulsado por Feiraco desde 2013, foi recoñecido co Premio de Cooperativas Agro-Alimentarias de España na categoría de Igualdade de Oportunidades, por fomentar o empoderamento feminino, desenvolvemento profesional e liderado das mulleres, dignificando o seu papel no medio rural.

O presidente de Feiraco e vicepresidente de CLUN, José Montes, recibiu este xoves en Madrid o galardón, durante a clausura da Asemblea de Cooperativas-Agroalimentarias, presidida pola ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina.

O premio de Cooperativas Agro-Alimentarias distingue o labor de Feiraco, que agora herda CLUN despois da integración de Melisanto e Os Irmandiños, polo seu compromiso pola igualdade e a integración das mulleres na cooperativa e a súa participación en órganos de goberno..

Dentro desas medidas destaca Mulleres de Seu, que desenvolve un intenso programa desde 2013 grazas ao impulso de Feiraco, coa colaboración de AGACA. Ao longo destes anos, foi madurando nestes tres anos de percorrido, implicando a 450 socias en preto dunha vintena de accións formativas e xornadas de traballo, e será unha das liñas prioritarias das Políticas de Responsabilidade Social en CLUN.

Entre estas actuacións, destacan xornadas de motivación, como “Atrévete contigo mesma” dirixida a impulsar o empoderamento tanto a nivel persoal como profesional das socias cooperativistas, talleres para fomentar a capacidade de decisión nas contornas profesionais, a celebración do Día da Muller Rural o 14 de outubro con outras cooperativas e o I Encontro Mulleres de Seu, que reuniu en Santiago o pasado 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, ás socias de CLUN.

CLUN adhírese ao programa “Máis mulleres, mellores empresas”

No marco da política de Responsabilidade Social de CLUN, destaca ademais a recente sinatura do convenio de adhesión á iniciativa “Máis mulleres, mellores empresas” co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un compromiso para aumentar a presenza feminina en postos directivos, comités de dirección e consellos reitores.

Pola súa banda, o Ministerio comprométese a asesorar á cooperativa en cuestións de igualdade de trato e oportunidades así como facilitar formación de alto nivel, programas de coaching e mentoring, e/ou en programas de sensibilización específicos dirixidos a persoal directivo ou predirectivo.

O acto público de adhesión á iniciativa “Máis mulleres, mellores empresas”, que tivo lugar o 30 de maio, estivo presidido polo secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés e contou coa presenza de José Ángel Branco, presidente de CLUN e Sonia González, directora de Persoas e RSC da cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información