Presentan o proxecto Ruraltivity, que busca fomentar o emprendemento feminino

Presentan o proxecto Ruraltivity, que busca fomentar o emprendemento feminino

A presidenta de Fademur, Rosa Arcos, xunto con Lara Fuentes e Mª Carmen Vila, implicadas no proxecto, na presentación.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), un colectivo ligado a Unións Agrarias, está a desenvolver un proxecto de emprendemento estatal, Ruraltivity, co que trata de reducir a fenda de xénero no rural. A iniciativa, que xa puxeron en marcha no 2018, continúa este ano con novas beneficiarias. “Este tipo de iniciativas é un xeito de fixar poboación, crear riqueza e promover un verdadeiro desenvolvemento rural”, reivindica a presidenta de Fademur, Rosa Arcos.

Ruraltivity trátase dunha lanzadeira para axudar á crear emprego feminino e, ó mesmo tempo, conseguir diversificar as actividades desenvolvidas no medio rural. “Non se trata só dun proxecto de negocio propio senon que remata sendo un proxecto vital que revitaliza o rural e favorece o relevo xeracional”, apunta Arcos.

O 42% dos proxectos postos en marcha por mulleres no rural seguen activos 2 anos despois

O programa proporciona asesoramento personalizado dende as fases iniciais, pasando polos procesos de creación e desenvolvemento da iniciativa e a súa posta no mercado.

“Emprender en feminino no rural é unha opción de éxito que aporta dinamismo”, reivindica a presidenta de Fademur en base ós datos que amosan que o 42% dos proxectos postos en marcha por mulleres no rural seguen 2 anos despois, cunha taxa de éxito de 10 puntos por encima dos homes.

Fenda de xénero no rural galego

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) presenta un estudo no que advirte, en clave feminina, sobre o envellecemento e a despoboación do rural. O colectivo pon tamén o foco na fenda de xénero que se evidencia nas políticas agrarias da PAC.

O estudo incide na relación que existe tanto entre o envellecemento da poboación como na dispersión xeográfica e a muller no rural galego. Así o poñen de manifesto datos como que na provincia de Lugo o 43% das mulleres vive en zonas pouco poboadas mentres que en Ourense a porcentaxe chega ó 44%.

“As provincias do interior concentran o maior número de mulleres viviendo en zonas menos poboadas e, polo tanto, menos desenvolvidas social e económicamente”, apunta Rosa Arcos, presidenta de Fademur.

Lugo e Ourense concentran unha maior poboación feminina envellecida que vive en zonas pouco poboadas

Outro dos indicadores que recolle o informe da federación fai referencia ó índice de envellecemento, onde de novo Ourense e Lugo concentran o maior número de mulleres maiores. Por cada 100 menores de 20 anos na provincia de Lugo contabilízanse 422 mulleres maiores de 65 anos mentres que en Ourense chega ás 503.

“Estes datos dannos idea do importante que é reverter o envellecemento nas zonas rurais e para iso unha das principais ferramentas é a política agraria de axudas da PAC, xa que é a que conta con maior orzamento da UE e incide de xeito directo nas zonas rurais e menos poboadas”, concreta Arcos.

Porén, Fademur advirte de que en 5 anos, Galicia viu reducido un 2,13% o número de perceptores e recibiu un 9,35% menos do orzamento (13.123.138 euros menos). “As zonas rurais ademais de estar a sufrir unha crise demográfica están nunha crise de apoio por parte das institucións”, sintetiza Arcos.

Fenda de xénero na PAC

Aínda que a Políticas Agrarias Comunitarias poidan ser unha ferramenta importante para a dinamización do rural, tamén evidencian unha fenda de xénero debido a que, pese a que “a PAC é a política máis antiga da UE, é tamén a única que non contempla a perspectiva de xénero e non ten ningunha liña na que se traballe para favorecer a presenza igualitaria da muller en ningún dos ámbitos que abarca”, recrimina a presidenta de Fademur.

Así o evidencian algúns dos datos recollido no informe do colectivo onde se observa que pese a que o número de mulleres que percibe as axudas da PAC (15.545 beneficiarias) é maior ó de homes (11.812 perceptores), o aporte que reciben elas é menor.

Pese a que hai máis mulleres beneficiarias da PAC, perciben un 39% menos destas axudas agrarias que os homes

Deste xeito, de media os homes reciben uns 5.403 euros por explotación agraria ou gandeira, mentres que as mulleres perciben de media uns 3.292 euros. “A diferencia é que as mulleres cobramos un 39,07% menos da PAC que os homes”, concreta Arcos.

A situación é similar se, no canto das axudas directas se avalían as subvencións para o desenvolvemento. Neste caso, o número de perceptores é similar pero de novo as mulleres perciben preto dun 25% menos con respecto ós homes.

Detrás desta fenda de xénero, como apuntan dende o colectivo, escóndese que as mulleres contan con explotacións más pequenas, cunha base territorial máis reducida e que, en boa parte dos casos, non son titulares xunto co home, pese a que estean a repartir as responsabilidades, xa que a titularidade compartida é aínda mínima en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información