Expropiar terras no rural, barato, barato

Unións Agrarias denuncia que as valoracións do Xurado Galego de Expropiación depreciáronse ata un 60% no último lustro no caso das parcelas afectadas por servidumes. Critica ademais os custos de recurrir ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Expropiar terras no rural, barato, barato

José Antonio Diéguez e Jacobo Feijoo, hoxe en rolda de prensa.

A expropiación de servidumes en propiedades rústicas é cada vez máis barata. Hai só cinco anos, o Xurado Galego de Expropiación obrigaba ó pago do 75% do valor da parcela en caso de servidumes, pero xa na anterior lexislatura decidiu baixar esa porcentaxe ó 50% e nos últimos meses constatouse que os pagos descenderon ó 30% do valor da parcela, segundo denuncia Unións Agrarias. “¿Cal é o motivo desa baixada discrecional?”, pregúntase José Antonio Diéguez, de Ventonoso, un colectivo de propietarios afectados por parques eólicos ligado a Unións.

A decisión do Xurado Galego de Expropiación de abaratar as expropiacións no rural contrasta co criterio que seguen os xurados provincias de expropiación, que manteñen o pago dun 75% do valor da parcela no caso de servidumes. O primeiro, o Xurado Galego, encárgase das expropiacións autorizadas pola Xunta, en tanto os segundos, os catro xurados provinciais, ocúpanse das expropiacións relativas ó Estado.

O criterio seguido polo Xurado Galego de Expropiación repercute directamente no peto dos propietarios rústicos. “As leiras e prados valóranse normalmente no entorno dos 4 euros por metro cadrado. Se por unha servidume, por exemplo polo paso dunha liña eléctrica, se pagaba ata hai catro anos o 75% do valor da finca, é dicir uns 3 euros por metro, agora estase pagando arredor de 1,20 euros”, compara José Antonio Diéguez, de Ventonoso. Por hectárea, o cambio representa 18.000 euros que se aforran as empresas.

Parques eólicos e liñas de evacuación
Unións amósase en especial preocupada polo proceso de construcción de novos parques eólicos e das súas liñas de evacuación. “De aquí a finais do 2019 van instalarse máis de 500 megawatios eólicos, polo que é previsible que en breve comece unha vaga de expropiacións”, destaca José Antonio Diéguez, que compareceu hoxe en rolda de prensa acompañado polo secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

“As empresas promotoras de parques eólicos están ofrecendo acordos de arrendamentos á baixa, con cláusulas abusivas, polo que é probable que en moitos casos non haxa acordo cos propietarios e se chegue á expropiación das fincas” -valora o responsable de Ventonoso-. “Preocúpanos que para esas expropiacións non haxa un criterio claro. Hai empresas que expropian só 1,5 hectáreas arredor de cada aeroxenerador e outras 10 hectáreas, agora a moi baixos prezos”, critica.

A normativa obriga a manter unha servidume sen árbores de ata a 200 metros de distancia arredor de cada aeroxenerador, segundo sinala José Antonio Diéguez. “No caso das expropiacións de 1,5 hectáreas por aeroxenerador, está claro tamén que hai unha expropiación encuberta que non se lle paga ó propietario, que se ve afectado sin cobrar o que lle corresponde”, cuestiona Diéguez.

Distancia a vivendas e granxas

Ventonoso tamén cuestiona que a Xunta modificase o ano pasado a normativa que obrigaba a separar os aeroxeneradores un mínimo de 500 metros de vivendas e granxas. “Aproveitaron a lei de acompañamento dos presupostos do 2018 para modificar a regulación, de xeito que agora só se esixen os 500 metros de distancia a solo de núcleo rural consolidado, cando sabemos que hai multitude de vivendas e de aldeas en Galicia que están asentadas noutro tipo de solos”, advirten.
“Temos casos de novos parques eólicos, por exemplo en Paradela, no que haberá vivendas que queden a menos de 100 metros dos aeroxeneradores”.

Petición de vías para recurrir as valoracións das expropiacións

Unións Agrarias demanda unha vía que permita recurrir de xeito económico as valoracións do Xurado Galego de Expropiación. “A única vía que temos é recurrir ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero ó non permitirse a presentación de recursos de fincas agregadas, os propietarios vense obrigados a afrontar de xeito individual uns custos que en ocasións superan o valor das propias fincas”, advirte o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

A organización agraria chama a atención sobre a inseguridade xurídica na que se atopa a propiedade rural e pide novas políticas que “deixen de castigar ós propietarios de parcelas rústicas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información