Expertos en alimentación animal analizan as novas normas da fabricación de pensos

Expertos en alimentación animal analizan as novas normas da fabricación de pensos

Coñecer as principais novidades lexislativas na fabricación de pensos compostos para animais, os cambios na etiquetaxe ou as medidas de control implantadas pola Administración foron os principais temas abordados este venres na XI Xornada Técnica para Responsables de Calidade dos Operadores e Fábricas. O foro celebrouse no Porto de Marín (Pontevedra) e asistiron máis de medio cento de persoas.

A xornada, organizada por Galicia Alimentos Seguros (Galis) -o sistema de control creado en 2005 por fabricantes de pensos de Galicia- e patrocinada polo Porto de Marín, contou coa colaboración do Grupo Nogar. Durante o encontro abordáronse os cambios lexislativos no marco da Unión Europea, moitos dos cales, explicaron os expertos, xa se implantaron en España malia que a entrada en vigor de normas como o Regulamento de Pensos Medicamentosos está prevista para 2022.

O director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) e xerente de Galis, Bruno Beade, foi o encargado de abrir as xornadas nas que Patricia Vázquez Chas, de Imasde Agroalimentaria, presentou os resultados do Proxecto GALAC baixo o título “Tecnoloxías para a detección rápida e control sectorial do impacto da micotoxinas na nutrición animal en Galicia”.

Controis da Xunta

Pola súa banda, José Antonio Varela Señaris, do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta de Galicia, expuxo as principais liñas de actuación que o Goberno galego levará a cabo respecto ao control en seguridade alimentaria.

A xornada tamén contou coa presenza de Ana Hurtado, directora técnica da Confederación Española de Fabricantes de Animais Compostos para Animais (Cesfac). Hurtado centrou o seu relatorio nunha das novas normas: o Regulamento de Pensos Medicamentosos que afectará a todos os países da Unión Europea e que introduce numerosas novidades en aspectos como a contaminación cruzada.

A certificación no sector, como as normas ISO e GlobalGAP, ou os cambios na etiquetaxe foron outros dos aspectos analizados no foro, que concluíu con visitas guiadas ao Porto de Marín e á fábrica de Extrunoga.

Sobre Galis e Agafac

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos de Galicia (Agafac) é unha organización profesional creada para defender os dereitos dos fabricantes de pensos galegos da que forman parte 27 e empresas con 36 centros de produción que representan máis do 85% das toneladas de pensos que se elaboran en Galicia. A entidade ten un sistema de seguridade alimentario propio para controlar as materias primas (soia, millo…). É o sistema Galis, creado no ano 2005 e pioneiro en España, que conta co aval da Xunta de Galicia. Na actualidade, en Galis están integradas un total de 56 fábricas que representan o 96% da produción de pensos de toda a comunidade autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información