O vacún de carne galego prepárase para crear organizacións de produtores

O sector confía en que as OPs sexan a ferramenta para equilibrar as relacións e a vía para unha maior profesionalización

O vacún de carne galego prepárase para crear organizacións de produtores

Gandería de vacún de carne. / Arquivo.

En Galicia xa se están sentando as bases das organizacións de produtores (OPs) de vacún de carne por medio de asociacións sectoriais que se foron creando nos últimos anos, como é o caso de A Vaca ou Agrigga Carne SCG. Abordamos co sector cales son as expectativas para estas OPs e os obxectivos que se marcan.

Incrementar a capacidade de negociación

Unha das reclamacións que se repite dende distintos colectivos céntrase en outorgarlle unha maior capacidade de negociación ós produtores, o que permitirá vertebrar e equilibrar o sector, segundo coinciden en destacar. “É preciso que se reduza a debilidade dos gandeiros para conseguir un sector onde non se impoñan as posicións dos máis fortes”, apunta Alberto Lema, de Agrigga.

Buscan que as OPs lles permitan gañar peso ós produtores e facilitar a comercialización coa industria

Tamén para José Ramón González, de A Vaca -a mesa sectorial constituída no seo de Unións Agrarias-, o principal obxectivo é incrementar a capacidade de negociación dos produtores para facilitar a comercialización coa industria. “Precisamos facer fortes ós gandeiros, xa que agora mesmo hai unha gran descompensación, onde as grandes empresas que hai crean unha gran dependencia para os produtores”, concreta González.

“Hai moito interese por saber como se van desenvolver as OPs e se realmente se van converter nunha ferramenta práctica e útil para dar maior presenza ós gandeiros”, valora pola súa banda Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Fortalecer ós gandeiros

Máis alá de que a Organización de Produtores lle outorgue capacidade de negociación ós gandeiros, no sector tamén agardan que isto se traduza nun fortalecemento dos produtores. “Os gandeiros teñen que ser autónomos e loitar contra os impedimentos que lle están a poñer constantemente en contra do desenvolvemento da súa actividade. As OPs son a ferramenta para que os gandeiros poidan dirixir e establecer as súas directrices”, reivindica Lema.

“Hai interese por ver como se van desenvolver as OPs e por comprobar se realmente van ser unha ferramenta útil para os gandeiros” (Higinio Mougán, Agaca)

Lema tamén apunta que estas organizacións poden sentar as bases para que haxa unha maior profesionalización das explotacións. “Non podemos seguir entendendo isto como unha segunda ou terceira actividade, hai que ser cada vez máis profesionais”, defende.

Suplir as eivas do mercado actual

Outra das reivindicacións atende á propia estrutura que actualmente rexe este sector. “En Galicia temos un sector de vacún de carne moi delicado, que conserva prácticas de hai 50 anos, e que non lle ofrece garantías ós produtores. Modernizáronse as feiras e cambiáronse polos mercados, pero boa parte das normas que os estruturan seguen sendo as mesmas que hai anos, onde todo se tramita de palabra”, analiza González.

O reto pasa por adaptar e modernizar este sistema e “non vai ser doado”, recoñece, aínda que apunta a que outros sectores como o vinícola xa afrontaron recentemente unha transformación similar con éxito.

A Vaca: “En Galicia temos aínda un sector con prácticas de hai 50 anos que é preciso modernizar”

Dende A Vaca, alertan de que esta transformación do mercado debe darse con control e evitando que sexa levada a cabo por outros actores que non sexan os produtores. “Debemos evitar que haxa a tentación de que algunha industria se poña ó fronte deste cambio”, apunta González. “Toda a organización dos gandeiros ten que partir en liberdade dende os propios gandeiros, non se pode permitir que a industria veña a organizar aínda máis a produción”, defende.

A actualización do mercado tamén a reclaman dende Agrigga, denunciando que existen distintas eivas que afectan especialmente ó gandeiro e que é preciso atallar. “Hai moitos baleiros que cubrir e rexistrar. En Galicia, aínda se están a dar os prezos en canal só en quilos, mentres se obvian os decimais, e os gramos tamén suman”, exemplifica Lema algunhas destas deficiencias.

Agrigga: “No mercado galego aínda hai moitos baleiros que cubrir, como equilibrar o primeiro e o segundo semestre”

Outro dos retos que debe afrontar o mercado galego pasa por equilibrar o primeiro e o segundo semestre en canto a consumo e volume de carne. “Non hai tanta diferencia en consumo de carne como nos queren facer crer. Non se pode permitir a disparidade de prezos que hai entre un semestre e outro”, cuestionan dende Agrigga.

Cumprimento dos contratos 

Dentro dos obxectivos que se fixan para as OPs encadran tamén o uso dos contratos de longa duración como unha ferramenta que axudaría a organizar o mercado, como explican dende Agrigga.

“As OPs daranlle a capacidade ós gandeiros para negociar os prezos e poder cumprir a lei de cadea e que se materialicen os contratos obrigatorios entre industria e produtores, dende unha posición de liberdade, e non dende o dominio que pode exercer a industria”, apuntan tamén en A Vaca.

Organizar as producións

Para Agrigga “as OPs son a ferramenta necesaria para concentrar oferta, conformar un volume determinado, homoxeneizalo e reunirse co mercado para poder optar a unha mellor negociación coa industria”, defende Lema. Deste xeito, agardan que a OP posibilite unha organización das producións que contribúa a amortecer a crise de prezos e permita orientar a produción á demanda do mercado.

Resposta dos gandeiros

Aínda que as OPs están por desenvolver, os gandeiros mantéñense expectantes ante esta figura e as posibilidades que lles oferta, como recoñecen tanto dende Agrigga como en A Vaca. “En canto os gandeiros coñecen as posibilidades que lles poden brindar as OPs, interésanse por estas organizacións”, explica Lema. “As OPs nunca van ir en contra de ningún produtor, so permitirán sumar esforzos e ser máis competitivos, como está ocorrendo noutros países como Francia, Italia ou Alemaña, onde están ofrecendo resultados moi positivos e onde xa se están empezando a facer organizacións de OPs” reivindica Lema.

Noutros países europeos estanse creando xa organizacións de OPs

As primeiras organizacións sectoriais que se perfilan como xermolo das OPs en Galicia dan boa conta xa do interese que suscita esta fórmula, aínda que a falta de lexislación ó respecto déixaas sen posibilidade constituírse formalmente en OPs polo de agora. “Agardamos que neste 2019 xa se poida contar con elas”, reclaman dende A Vaca. Porén, en Agaca, Mougán explica que “namentres non se concrete esta ferramenta e as posibilidades reais que LLE pode ofrecer ós produtores, tampouco se ve gran interese, aínda que o sector está á expectativa do que poidan aportar”.

Á marxe da petición unánime para que se desenvolva a lexislación que permita artellar as OPs, o chamado ‘Paquete da Carne’, dende o sector tamén reclaman a implicación da Administración na regulación do mercado para lograr un equilibrio entre todas as partes das cadea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información