Éxito da xornada do CRAEGA en Láncara con 130 asistentes

Publicidade
Éxito da xornada do CRAEGA en Láncara con 130 asistentes

Malia que o tempo semellaba non acompañar, o interese pola produción ecolóxica de alimentos conseguiu que se achegasen este mércores ata Trasliste (Láncara-Lugo) unhas 130 persoas para participar nas xornadas sobre comercialización de produtos ecolóxicos, unha actividade organizada polo CRAGA. Nunhas instalacións xunto ao Museo Integrado da Maquinaria Agrícola (en Casa de Vázquez) a xornada comezou ás 11:00 da mañá e rematou sobre as 17:30 da tarde.

O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López Valladares, deu a benvida facendo un repaso á traxectoria dunha organización que o ano pasado cumpriu 20 anos reunindo hoxe a máis dun milleiro de produtores cunha facturación que supera os 60 millóns de euros. López Valladares lembrou que España é o primeiro país da UE en superficie adicada a esta produción e que Galicia ten máis de 32.000 hectáreas certificadas, tendo un oco despois para sinalar o labor de Casa de Vázquez non só por manter o museo de maquinaria, senón pola súa notable produción de carne de vacún ecolóxico, ademais de mazá. 

O produtor  e  dono de Casa de Vázquez, Marcos Vázquez Marey,  foi o seguinte en intervir dando a benvida aos asistentes da mellor maneira: con música. Como gaiteiro que tamén é tocou o himno galego, para pasar a contar despois a historia desta explotación familiar comezada polos seus avós e que hoxe asume como propias as melloras tecnolóxicas, malia que mantendo o mesmo espírito co que naceu. Ademais, este produtor lucense é un firme defensor da vida en comunidade  e procura o apoio de veciños e familia nos traballos convidado, por exemplo, a un xantar aos que lle axudan a apañar mazás.

Dende botar unha man aos pais co gando ata dar o salto á administración, José Mouriño Cuba, Enxeñeiro Técnico Agrícola e ex-xefe de Servizo na Consellería do Medio Rural, lembrou a súa traxectoria. Concentración parcelaria e controis de calidade centraron o seu traballo ata que en 1988 deu cunha persoa que animouno a abrir as portas da Xunta á agricultura ecolóxica ata que en 1997 naceu o CRAEGA.

O presentador e director dos coñecidos programas da CRTVG “O Agro” e “Labranza”, Manuel Cruz Rodríguez, leva 25 anos traballando co que veu nacer a produción ecolóxica en Galicia. Contou aos asistentes como ao comezo semellaba que era algo foráneo e que os primeiros produtores tiñan unha imaxe “alternativa” pero que, aos poucos, mouta xente comezou a apostar por este xeito de producir. Grazas e eses pioneiros os estereotipos foron derrubándose.

Un dos convidados que respondeu a máis preguntas dos asistentes foi o nutricionista e adestrador persoal Santiago Carro, especializado en alimentación e saúde gastrointestinal. Xente con problemas dixestivos de todo tipo pasa pola súa consulta, e Carro asegura que todos eses problemas teñen o orixe na forma “perversa” de comer. Deu consellos: hai que comer os alimentos o máis “puros” posibles pero sabendo que hai algúns que é mellor procesar. Por exemplo, machucar o allo para facelo máis dixerible, ou mesturar xema e clara de ovo para que tamén se dixiran mellor. Incidiu en que as industrias lácteas galegas están a aproveitar pouco as proteínas do lacteosoro, moi valoradas polos afeccionados ao culturismo e a nutrición deportiva en xeral. Páganse moito por elas pero é un subproduto do leite ao que queda sacarlle proveito comercial, como aos péptidos: antiinflamantorios, edulcorantes e saciantes.

Finalmente non puido asistir Francisco Sineiro García, o ex-Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes; pero no seu lugar estivo na clausura o director de AGACAL, Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez Vázquez, que defendeu a vinculación entre a administración e o sector, recordando que o traballo da axencia é titorizar alimentos con calidade diferencial.

Tras o descanso do mediodía foi a quenda dun entretido percorrido polo museo de maquinaria agrícola, o peche a unha intensa xornada para todos os asistentes aos que o CRAEGA agradécelles a súa presenza e participación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información