Éxito da poxa de Gandería Nodi, a primeira por peche celebrada en España

A gandería NODI, no concello lugués de Barreiros, vendeu este sábado a outras explotacións de Galicia e Asturias a metade dos seus animais nunha subasta que alcanzou un volume de negocio duns 80.000 euros e un prezo medio por animal de 2.587 euros.

Éxito da poxa de Gandería Nodi, a primeira por peche celebrada en España

O prezo máximo foron 4.300 euros por NODI ATWOOD SUBLIME, adquirida por unha gandería de O Páramo

A piques de botar o peche pola xubilación dos seus titulares, Alfonso e Josefa, a gandería NODI de Barreiros subastou esta fin de semana as súas mellores vacas nunha iniciativa pioneira a nivel de todo o Estado español, xa que era a primeira vez que unha explotación que abandona a actividade se desfai deste xeito dos seus animais de elite, algo que noutros países como en Canadá é moito máis frecuente e que recibe o nome de dispersal (en referencia á extinción da granxa).

Na provincia de Lugo xa se tiñan celebrado con anterioridade subastas noutras explotacións, como a que fixo a gandería Outeiro de Chantada cando decidiu cambiar o modelo produtivo das súas vacas hosltein cara o pastoreo con raza jersey, pero é a primeira vez que o fai unha granxa que desaparece co conxunto dos seus mellores animais.

NODI vendeu todos os animais que subastou, 31, por un prezo medio de 2.587 euros

Foi unha maneira de transmitir valor xenético a outras explotacións e evitar que o traballo de tres décadas de mellora neste campo levado a cabo por esta gandería da Mariña se perdese. E o resultado non puido ser máis positivo. NODI vendeu todos os animais que subastou, 31, por un prezo medio de 2.587 euros e un volume total duns 80.000 euros. Foi unha maneira de recuperar unha parte do investido desde o ano 1985 que se creou esta gandería en seme de alta calidade, embrións e adquisición de animais de elite.

Ás 31 vacas e tenreiras vendidas na poxa hai que engadir outra ducia de animais que, fóra de subasta, tamén foron adquiridos polos gandeiros participantes, polo que sairon xa da explotación a medate das 87 cabezas que había na granxa.

En Gandería Nodi recoñecen que a poxa cumpriu “con creces” as expectativas fixadas

O interese que suscitou o evento foi tal que xuntou a máis dun cento de persoas e a ganderías de toda Galicia, Asturias e mesmo Portugal. Os artífices da iniciativa, os irmáns Noel e Diego Balsa Amor, fillos dos titulares da granxa, recoñecen que a poxa cumpriu “con creces” as expectativas fixadas.

Cun punto de nostalxia por desfacerse dos seus mellores animais pero contentos non só co resultado, senón tamén por ser capaces de organizar un evento deste tipo nunha aldea dunha ducia de casas, agradecen a axuda doutros gandeiros que lles botaron unha man nos preparativos e na organización da poxa, que foi dirixida polo xerente de Africor Lugo, Ramiro Fouz, e contou tamén en pista coa axuda de dous xuíces nacionais de CONAFE, Javier Freije e Javier Álvarez Lastra.

A profesionalidade foi máxima, a mesma coa que en todos estes anos melloraron a súa cabana na gandería NODI. Os animais, que foron preparados nos últimos días, ían saíndo un a un da explotación cara unha carpa colocada a poucos metros, no campo da festa, onde desfilaban por unha alfombra verde á vista do público que agardaba a carón da pasarela cun catálogo na man a toda cor onde se mostraban as características de cada un dos 31 animais subastados. Os organizadores decidiron fixar prezos de saída baixos, agás para os mellores exemplares, para deste xeito animar a poxa e de media lograron 900 euros máis por animal do que marcaba o prezo mínimo de venda.

O prezo máximo foron 4.300 euros por NODI ATWOOD SUBLIME

A vaca que alcanzou maior prezo foi NODI ATWOOD SUBLIME, de primeiro parto con 86 puntos e avalada por 10 xeracións con cualificación MB ou Excelente, descendente dos primeiros embrións traídos pola gandería NODI de Canadá da familia SUPRA. Foi vendida por 4.300 euros para a gandería Pena Guisande do Páramo (Lugo), que adquiriu outros tres animais na subasta.

A outra das vacas insignia da granxa, a barrreirense neste momento, NODI XF MERIDIAN RENEE, de segundo parto e que está considerada a vaca número 7 de España no ránking de CONAFE con 88 puntos MB e ten realizadas probas xenómicas en tres países (España, Estados Unidos e Canadá), foi vendida en 3.500 euros a Casa Raposo de Frades (A Coruña). A novilla que alcanzou maior valor na subasta foi NODI BWAY SUPREMA e marchou para Asturias, adquirida pola gandería Venturo SC en 3.050 euros.

NODI XF MERIDIAN RENEE

Barreiros queda sen unha das súas ganderías de referencia

Co peche da gandería NODI o concello de Barreiros perde unha das súas granxas máis laureadas, que apostou pola mellora xenética como o seu sinal de identidade e acumula un currículum e un palmarés neste campo ao alcance de moi poucas ganderías galegas.

NODI ten tamén ten desde o ano 2007 o título Maestro Criador, un mérito outorgado pola Confederación de Asociacións de Frisona Española (CONAFE) en base ás producións, conformacións e lonxevidade das vacas. Para a obtención deste título, que só se pode obter cada 10 anos, todos os animais deben ter nacido na explotación. NODI logrou tamén varios premios como mellor criador de Galicia e mesmo mellor criador internacional.

Noel e Diego non continuarán coa explotación, pero seguirán vinculados ao sector agrario

A filosofía da explotación tivo precisamente desde o seu comezo na mellora xenética e no coidado da recría a súa estratexia para muxir cada día as mellores vacas. Nodi logrou o ano pasado unha media de 13.116 litros por vaca con 3,51 de graxa e 3,26 de proteína, situándose como segunda explotación de Galicia e sexta de España na categoría de 17 a 75 reprodutoras con 2.460 puntos de ICO e 83,69 de media.

Con Alfonso xubilado, a explotación deixará de muxir e producir leite e manterá por un tempo a recría mentres Josefa non chega aos 65 anos. Noel e Diego non continuarán coa explotación, pero seguirán vinculados ao sector agrario, transmitindo o seu coñecemento a outras granxas a través das empresas de servizos agrarios nas que traballan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información