Exemplos de ganderías galegas que producen leite a baixo custe

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrou este venres unha mesa redonda sobre produción de leite a baixo custo. Reducir carga gandeira, aumentar a base territorial e alimentar as vacas en base a forraxes propias e de calidade, sobre todo herba, son algúns dos puntos comúns

Exemplos de ganderías galegas que producen leite a baixo custe

Gandeiros participantes na mesa redonda

A crise de prezos que viven as explotacións lácteas galegas e europeas dende hai máis dun ano está facendo abanear varios paradigmas case incuestionables ata o de agora. Especialmente o de que para seren competitivas as explotacións de vacún de leite deben ter grandes producións e seren moi intensivas. Esta idea dominante está mudando nos últimos tempos pola máxima da “rendibilidade”, un novo enfoque máis aberto, no que ganderías que producen leite máis en base a herba e cun bo manexo están a dar a sorpresa polos seus baixos custos de produción.

Así se puxo de manifesto o pasado venres nunha mesa redonda organizada en Lalín pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, con motivo da súa segunda reunión de primavera. Baixo o título de “Produción de leite a baixo custo”, catro gandeiros expuxeron as súas distintas estratexias para lograr reducir os custos de produción. Baixar a carga gandeira, aumentar a base territorial e alimentar as vacas en base a forraxes propias e de calidade, sobre todo herba, son algúns dos puntos en común.

SAT Margá (Guitiriz-Lugo)

A estratexia desta gandería de Guitiriz, con 170 vacas en muxido e un rabaño de 220 cabezas, pasa por reducir os custos de alimentación pasándose ao pastoreo, por aumentar as calidades do leite, e reducir produción por vaca e reposición de xovencas.

Óscar Morado, un dos socios desta SAT, explicou que “estamos nun proceso de redución de carga gandeira, de aumento da base territorial e de pasarnos a un sistema de pastoreo día/noite para baixar os custos de produción”. Deste xeito, dende o ano 2013 comezaron a incorporar a raza Jersey para ir substituíndo progresivamente á Holstein, “porque a Jersey está máis adaptada ao pastoreo e é máis rústica”.

Na actualidade xa practican, entre comezos de marzo e finais de novembro, o pastoreo en 50 das 110 hectáreas coas que conta esta SAT, nas que pacen unhas 100 vacas e o resto permanecen estabulas. “A nosa estratexia de alimentación é de pastoreo ad libitum, suplementando con silo nos meses que non poden saír a pacer, pero coa base territorial que temos queremos reducir a carga gandeira, pasando a un rabaño dunhas 130 vacas, da que en torno a 100 estarían en muxido”, explica Óscar.

“Queremos aumentar a base territorial e baixar carga gandeira”

Ademais, cun sistema de pastoreo aumenta a lonxevidade das vacas, polo que é necesaria unha menor reposición, con menos gasto en recría. “En intensivo a taxa de reposición anda polo 40%, pero en pastoreo baixa a un 15-20%, polo que temos animais que agora queremos vender”, asegura este socio de SAT Margá.

Os resultados ata o de agora do cambio de sistema nesta gandería foron unha baixada da produción ata unha media de 23/24 litros diarios por vaca en pastoreo -e de 1,2 millóns a 0,9 millóns de litros anuais-, pero tamén nun descenso dos custos de produción. En concreto, pasaron de empregar unha media de 500 gramos de concentrado por litro de leite a 150 gramos, e a unha importante redución dos gastos sanitarios: “Practicamente deixamos de ter problemas de mamites, de coxeiras ou de retencións de placenta”, destaca Óscar.

Tamén incrementaron as calidades do leite -en parte polo cambio de raza a Jersey-, acadando unha media de 4% de graxa e 3,4% de proteína, algo que valora e paga a industria á que lle venden o leite, neste caso Queserías Entrepinares.

De cara ao futuro, Óscar Morado asegura que a estratexia de SAT Margá “pasa por baixar a carga gandeira, aumentar a base territorial e por ir a un sistema de pastoreo día e noite para seguir reducindo os custos de produción”.

Gandería Outeiro (Chantada-Lugo)

A estratexia desta histórica gandería de Chantada para producir leite a baixo custe pasa tamén pola desintensificación. “A nosa idea é reducir os custos de produción apostando pola herba e polo pastoreo como fontes principais de alimentación do gando, e tamén por producir menos”, explica Ricardo Gómez, copropietario de Gandería Outeiro.

Cun rabaño de 60 vacas en muxido, esta explotación conta cunha base territorial de 45 hectáreas, das que en 12 practican pastoreo diúrno e o resto dedican a herba para cortar en verde ou para ensilar. O pastoreo iniciárono o pasado outono, “e os primeiros meses -recoñece Ricardo Gómez- foron de inseguridade, pero as vacas adaptáronse moi ben, sobre todo as Jersey, que representan o 30% do rabaño, mentres que ás Holstein custoulles un pouco máis pasar do sistema de estabulación permanente a pastoreo”.

“Non metemos no mercado leite que non nos dea ganancia”

En canto ao manexo, dende Gandería Outeiro recoñecen que “agora o que prima é traballar con sentido común, enviando a maquinaria a ensilar soamente ás fincas cun tamaño e cunha distancia rendibles”. Así, nas fincas de tamaño rendible e máis distantes da explotación só ensilan o primeiro corte, o que ten máis proteína bruta, mentres que o segundo destínano a feno, para reducir o peso e aforrar custos de transporte. “A nosa estratexia é que as vacas coman a dente ou en verde no pesebre o máximo de herba posible e por tratar de non meter no mercado leite que non nos dea ganancia”, subliña Ricardo Gómez.

Os resultados provisionais destes meses foron unha gran redución do gasto en concentrado, pasando dunha media de 12 kilogramos por vaca e día a 3,8 kilogramos, así como dos custos forraxeiros de segado e de ensilado. Tamén baixou a produción media de 38 a 24 litros por vaca e día, aínda que cun aumento das calidades.

Como conclusión, Ricardo Gómez asegura que “aínda que levamos poucos meses con este sistema e os datos non son concluíntes, comparando o primeiro trimestre deste ano e o primeiro do ano pasado, e a pesar de que agora cobramos o leite a 2 céntimos menos por litro, os beneficios aumentaron este ano en 1.000 euros, co cal a peor non imos”.

Gandería “Patalarga” (A Pastoriza-Lugo)

Esta gandería de Miñotelo (A Pastoriza) apostou hai anos por un sistema de alimentación baseado no pastoreo, na redución do uso de concentrado e polos ingresos procedentes da venda de becerros de cruce industrial.

Daniel Veiga Legaspi, fundador desta gandería, explica que “a ración diaria componse de pasto, máis 4 kilogramos diarios de concentrado por vaca en lactación, palla e 1,5 kilogramos de polpa de remolacha, que se complementan con silo de herba cando non poden saír a pacer”.

O paso dun sistema intensivo a outro de pastoreo notárono tamén na mellora do estado sanitario do rabaño. “Pasamos dunha media de 72 anotacións no libro a 31, coa redución de gasto que iso supón; coa dieta de herba o nivel de fertilidade mellorou moito e as vacas son moito máis lonxevas, co que necesitamos tamén gastar menos en recría”, explica Daniel Veiga.

Ademais, en Gandería Patalarga optaron por cambiar de raza Holstein a Normanda, “un animal máis rústico, dócil e manexable en pastoreo”. Outra vantaxe que lles aporta é a facilidade para parto, que aproveitan para inseminalas con becerros de cruce industrial, que venden a entre 300 e 350 euros, supoñendo un ingreso complementario.

 “Vainos ben con este sistema, malia que fomos presionados para abandonalo”

E como se reflicte todo isto en datos económicos? Segundo os datos do grupo de xestión no que está esta gandería, en 2015 produciu algo máis de 448.000 litros, cunha media de 7.295 por vaca e uns custos de produción de 25,68 céntimos por litro de leite.

“No noso caso, co sistema de produción de leite en pastoreo foinos e vainos ben, a pesar de que fomos moi presionados para abandonalo e seguir en intensivo”, conclúe Daniel Veiga.

Gandería Rivas S.C. de Silleda

O sistema de produción de leite a baixo custo desta gandería baséase, segundo explica Manuel Iglesias Rivas, o seu propietario, na máxima de “realizar investimentos para ter amortizacións pequenas, altamente rendibles e rapidamente amortizables”.

Deste xeito, nesta gandería, na que traballan dúas persoas, limitaron ao mínimo imprescindible o investimento en maquinaria e instalacións. Para o seu rabaño de 39 vacas, das que 31 están en muxido, dispoñen dunha base territorial de 18 hectáreas, das que 8 destinan a millo e o resto a herba. Grazas á optimización da base territorial e a realizar mínimos investimentos, os custos de produción desta explotación situáronse no ano 2015 en 21,5 céntimos por litro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información