A excelente previsión de vendima en Rías Baixas contrasta co resto de DO´s

As xeadas de abril provocan que se prevea unha colleita de uva sensiblemente inferior en Galicia, agás na Denominación de Orixe Rías Baixas, onde as se prevé vendimar un 12% máis de uva.

Publicidade
A excelente previsión de vendima en Rías Baixas contrasta co resto de DO´s

Vendima na DO Monterrei en 2016.

As previsións apuntan a que este ano se recollerá unha cantidade de uva notablemente inferior á pasada vendima 2016 en case todas as Denominacións de Orixe de Galicia, agás en Rías Baixas Baixas, onde os técnicos prevén que a colleita sexa un 12% superior á do pasado ano.

As razóns deste descenso -que nalgunhas DO´s como Monterrei ou Valdeorras todo apunta a que roldará o 40%- están nas xeadas do 26 e 27 de abril, que queimaron gran parte dos viñedos do interior de Galicia. Os tratamentos de poda posterior, recomendados pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), permitiron que gran parte das cepas volverán agromar e mesmo a dar acios, arredor dun 30% do rendemento normal da cepa. Esta colleita serodia obrigará a alongar a vendima case un mes, e aínda é unha incógnita as calidades que ofrecerá esta uva.

“En Valdeorras, Monterrei e o Ribeiro a vendima realizarase en dúas etapas debido ás xeadas”

Nas cepas que non foron afectadas polas xeadas as previsións tanto de cantidade como de calidade son excelentes. E é que a primavera seca e solleira permitiu que fose mínima a afectación de enfermidades fúnxicas, fundamentalmente o mildiu e o oidio. Ademais, o bo tempo tamén adiantou a maduración da uva e, polo tanto, a vendima entre dez e quince días, de forma que algunhas adegas de Ribeira Sacra e Valdeorras teñen previsto comezala a finais de agosto.

Deste xeito, a vendima 2017 será lembrada como unha colleita longa, que nalgunhas zonas se realizará en dúas quendas separadas por máis de 15 días, e de fortes contrastes, entre as DO´s que non foron afectadas polas xeadas e as que si.

Resumimos a continuación como se presenta a vendima 2017 nas cinco denominacións de orixe vitícolas de Galicia:

Rías Baixas: Un 12% máis de colleita e unha calidade excelente

O director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Agustín Lago, adianta que “a nosa estimación actual é que se recollerán na DO uns 37 millóns de quilos, o que suporía un 12% máis que a vendima do 2016”.

En canto ao estado sanitario da uva destaca que “é excelente, xa que non houbo pragas nin enfermidades fúnxicas, grazas a que a primavera foi cálida e seca”. “Esta climatoloxía benigna tamén provocou un adianto da maduración de entre 12 e 15 días, de forma que entre finais de agosto e comezos de setembro temos previsto iniciar a vendima”, explica Agustín Lago.

Ribeira Sacra: Certificarase a mesma cantidade de uva que o pasado ano

Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra a previsión é certificar a mesma cantidade de uva que a pasada campaña; é dicir, uns 4,5 millóns de quilos. “Aínda que a xeada afectou a arredor do 25% do viñedo da DO, sobre todo na subzona de Quiroga e nalgunhas partes de Sober, compensarase destinando a adegas unha parte da uva que tradicionalmente vai para autoconsumo”, explica Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador.

No que si tamén vai variar a vendima vai ser na duración: “Contamos que se alongue, de forma que se iniciará a finais de mes nos viñedos das ladeiras do Sil e irá continuando ata finais de outubro, cando esperamos vendimar a uva que deron os viñedos danados polas xeadas”.

En canto ao estado sanitario e de maduración da uva, Beatriz Soto coincide en que “é excelente”.

Valdeorras: Entre 3 e 4 millóns de quilos, arredor dun 40% menos que nun ano normal

A Denominación de Orixe Valdeorras foi a segunda máis afectada polas xeadas de abril, que afectaron a arredor do 60% dos seus viñedos. Santiago Pérez, técnico do Consello Regulador, explica que “nas zonas onde non xeou a vendima vai ser extraordinaria, con uva abundante e unha calidade excelente, e uns 15 días de adianto”.

“Nos viñedos danados polas xeadas, tras as operacións de repoda, volveron agromar os conos secundarios e deron un 30% de uva, pero é un froito que está atrasado 27 días, de forma que aínda están os acios duros e sen enverar, polo que é unha incógnica como será a calidade e a vendima finalmente”, asegura o técnico do Consello Regulador.

“É difícil estimar como será a vendima, pero en todo caso situarase no rango baixo, de entre 3 e 4 millóns de quilos, fronte aos 6,55 de 2015, un ano que se pode considerar normal”, conclúe Santiago Pérez.

Monterrei: A metade de colleita que en 2016

Na Denominación de Orixe Monterrei, a que resultou máis afectada polas xeadas, co 90% dos viñedos danados, as estimacións, moi aventuradas debido ao estado das vides, é que se poderían acadar os 2 millóns de quilos de uva, menos da metade dos 4,4 millóns vendimados en 2016.

A vendima realizarase en dúas fases: primeiro nas viñas que non foron danadas polas xeadas, e que se realizará con adianto debido ás temperaturas, e posteriormente a das videiras afectadas polas xeadas.

Nestas últimas as tarefas de recuperación desenvolvéronse de forma positiva durante estes meses, e as estimacións apuntan a que a segunda agromada podería producir arredor do 35% da colleita dunha campaña normal.

Ribeiro: Colleita inferior e maduración adiantada

Por último, na Denominación de Orixe Ribeiro, a segunda con maior produción de Galicia, con 11,6 millóns de quilos na vendima 2016, as previsións apuntan a que será unha colleita inferior á do ano pasado debido ás xeadas, que danaron arredor do 50% dos viñedos.

En todo caso, dende o Consello Regulador subliñan que “vemos complicado facer unha previsión da cifra que se recolectará nesta vendima porque non sabemos como responderán os acios trala recuperación da cepa tralas xeadas, aínda que a colleita si será inferior”.

“Neste momento as cepas atópanse nun bo estado sanitario e hai unha maduración adiantada nas cepas que non foron danadas pola xeada con respecto ás colleitas habituais”, engaden. Deste xeito, prevén que “a finais de agosto ou a principios de setembro se dará comezo á vendima deste ano”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información