Exame para as organizacións de produtores nos novos contratos do leite

A negociación dos acordos anuais entre granxas e industrias, que se ten que abordar este outono, permitirá comprobar se se implanta unha cultura do diálogo no sector

Exame para as organizacións de produtores nos novos contratos do leite

Larsa, da asturiana Capsa, é unhas das principais firmas en volume de recollida en Galicia.

As organizacións de produtores (OPs) de leite creáronse a partir do 2012 co obxectivo de aglutinar ás granxas para negociar en conxunto coa industria. En Europa tiveron certo éxito en países como Alemania ou Francia, pero en Galicia e no resto de España, as experiencias saldáronse ata agora cun rotundo fracaso. As industrias lácteas sempre se negaron a negociar coas OPs, unha cuestión que en teoría debería cambiar agora, pois a reforma do Paquete Lácteo aprobada este ano obriga ás empresas a sentarse coas organizacións de produtores, quedando prohibido que lle ofrezan contratos individuais ás granxas socias de OPs.

O resultado do cambio da normativa comprobarase este outono, cando haxa que afrontar a renovación dos contratos anuais entre ganderías e industrias. O 86% das granxas galegas ten subscritos coas empresas lácteas acordos anuais, que vencen maioritariamente nos primeiros meses do 2020. Dado que as industrias teñen que entregar unha oferta de novo contrato con dous meses de antelación, espérase que nas próximas semanas arranque o proceso.

Peche de Aprolact
En Galicia, ata agora existían dúas organizacións de produtores, Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolact, creada polas cooperativas. Xuntas aglutinaban arredor do 40% dos produtores de Galicia, se ben nunca tiveron capacidade de negociación real coas industrias. Esa situación levou este outono a que Aprolact decidise suspender a súa actividade, a pesar do cambio normativo que en teoría podía proporcionarlle maior operatividade.

Así as cousas, a única OP agora existente en Galicia é Ulega, que conta con máis de 1.800 granxas e con arredor dun 25% do leite producido na comunidade. Desde Unións Agrarias teñen prevista a constitución de comités negociadores conformados polos propios gandeiros para abordar o diálogo coas industrias. Polo de agora, en Ulega só tiveron confirmación do interese dalgunhas pequenas industrias por sentarse a negociar, se ben as grandes firmas do sector gardan silencio.

Perspectivas
O momento de relativa estabilidade que atravesa o mercado lácteo é interpretado desde o sector como un bo intre para implantar a cultura de negociación. Unha nova negativa das industrias ó diálogo poría ademais outra vez o foco nas súas prácticas, trala recente multa dictada por Competencia contra as industrias lácteas por pactar prezos do leite entre elas.

As incógnitas céntranse precisamente nas grandes industrias multadas este verán por Competencia, como a francesa Lactalis – Puleva, con dúas plantas na comunidade (Lugo e Vilalba); ou a asturiana Capsa, unha sociedade de base gandeira (Clas) que en Galicia é propietaria das dúas plantas de Larsa (Outeiro de Rei e Vilagarcía).

Paralelamente ás negociacións que poida emprender Ulega, as cooperativas primeiro compradoras de leite abordarán tamén pola súa conta as correspondentes conversas coas industrias, aínda que dun xeito individual e sen o paraugas de Aprolact.

Cambios futuros
De cara ó futuro, se o Ministerio reduce a esixencia dun mínimo de 200.000 toneladas de leite para crear unha OP, é posible que en Galicia xurdan novos proxectos, tanto desde a parte cooperativa como desde granxas independentes. “Quizais fose interesante crear OPs máis pequenas, que ademais poderían estar asociadas entre elas, tanto para negociar como para ter capacidade operativa de retirar leite do mercado en fases de crise” -valora Higinio Mougán, da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias-. “O que as cooperativas teñen claro é que o actual funcionamento das OPs non é eficaz e decidiuse cancelar Aprolact, en lugar de continuar con ela sen que tivese unha operatividade real”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información