Evolución, situación e perspectivas de futuro das explotacións lácteas

O director dos servizos agrogandeiros de Clun, Ángel Miranda, analiza o percorrido e marxes de mellora das granxas a partir dos datos das ganderías que participan no grupo de Xestión técnica e económica dos Irmandiños

Evolución, situación e perspectivas de futuro das explotacións lácteas

O coidado da calidade das forraxes é unha das vías para optimizar a rendibilidade das ganderías.

¿Van as explotacións lácteas polo bo camiño? Sobre esta cuestión reflexionou o director de servizos agrogandeiros de Clun, Ángel Miranda, nas recentes xornadas técnicas da Semana Gandeira de Mazaricos. Miranda analizou a evolución das granxas, a partir dos datos das explotacións que están no grupo de xestión técnica e económica dos Irmandiños, e apuntou posibles liñas de traballo para optimizar a rendiblidade das ganderías.

Evolución das granxas
A evolución das explotacións lácteas nas últimas décadas seguiu un camiño coñecido, que se reflexa nas medias históricas das granxas que participan no grupo de xestión técnica e económica dos Irmandiños, homologables á tendencia que seguiron o resto das explotacións de Galicia.

A estratexia das explotacións centrouse en medrar en produción para reducir os custos fixos

No periodo 1992-2016, as ganderías do grupo de xestión case triplicaron o número de unidades de gando maior (UGM), pasando de 39 a 118 UGM. A superficie agraria seguiu unha evolución paralela, pasando de 15 a 42 hectáreas e a produción de leite case se multiplicou por cinco. De 220.000 litros por granxa chegouse a case un millón de litros/ano, e de animais nunha media de 6.500 litros de produción, pasouse a vacas de máis de 10.000 litros.

Todo ese crecemento fíxose cun aumento moderado de man de obra, pois pasouse de 1,8 persoas por explotación a 2,5, o que levou a unha suba destacada da produtividade. De producir 122 toneladas de leite por persoa e ano, chegouse a 365 toneladas/persoa e ano. Este crecemento levou consigo un gran esforzo inversor (tecnoloxía, instalacións, xenética, cota, etc, ) e unha profesionalización “que xa quixeran para sí outros sectores”, valora Miranda.

O incremento na produción de leite fíxose ademais mantendo o consumo de concentrado por litro de leite, incluso reducíndoo, pois de máis de 450 gramos por litro no 1992 pasouse a menos de 400 no 2016, se ben é certo que na última década non houbo descensos no consumo de pensos, que se manteñen en torno ós 390 gramos por litro. “Nos últimos 10 anos seguiuse medrando en litros, pero mantendo o mesmo consumo de concentrado por litro” -subliña Ángel Miranda-, “o que revela unha mellor valorización das forraxes de produción propia”.

Estratexias de custos
Os custos das explotacións incluídas no grupo de xestión divídense nun 77% de custos variables, principalmente derivados da alimentación, e nun 23% de custos fixos. Traducido a custos por litro de leite, no 2016 o custo total era de 38,4 céntimos (29,7 variables e 8,7 fixos). Estos datos incluen o IVE e o custo da man de obra familiar.

Dos datos expostos ata agora, despréndese que a estratexia das explotacións centrouse nos últimos anos en medrar en litros para reducir os custos fixos, que baixaron un 31% no periodo 1992-2016. Os custos variables experimentaron altibaixos, fundamentalmente polo prezo do concentrado, pero sumados custos fixos e variables, na última década só houbo un ano, o 2013, no que se incrementaron os custos totais en relación ó ano 2008.

“O crecemento ordenado segue a ser necesario. Cada gandería debe atopar o volume que é capaz de manexar en base a súa estrutura”

A evolución dos custos é, por tanto, positiva, pero as explotacións vense penalizadas pola evolución negativa dos ingresos, o que levou a que a marxe neta caese en 7 céntimos por litro en relación ó ano 2008.

Se se interrelaciona o prezo do leite e prezo do penso desde o ano 2010, Miranda conclúe que na metade dos meses, as explotacións mantéñense a flote con dificultades. “Agora estamos nun pico positivo, comparando prezo do leite e custos do concentrado, polo que convén gardar caixa para cando volva a época de vacas flacas”, recomenda Miranda.

Ante esta situación, ¿é seguro que as explotacións sigan medrando? “O que se fixo ata agora é medrar para reducir os custos fixos e ese crecemento segue a ser necesario. Cada gandería debe atopar o volume que é capaz de manexar en base a súa estrutura de man de obra e superficie, tendo ademais instalacións axeitadas. Estamos nun bo intre para facer algo de caixa e medrar de xeito ordenado”, valora o director de servizos agrogandeiros de Clun.

Intervención de Ángel Miranda na xornada técnica da Semana Gandeira de Mazaricos.

Intervención de Ángel Miranda na xornada técnica da Semana Gandeira de Mazaricos.

Alimentación
Unha posibilidade a considerar na xestión da alimentación radica en aumentar o índice de conversión, que non é outra cousa que os litros que produce a vaca por cada kilo de materia seca (MS) que come. Aquí, en función do escenario, temos dúas opcións: “Producir máis co mesmo ou, se temos unha limitación de entregas da industria, producir o mesmo con menos”.

“Este índice de conversión é moi sensible e ainda que pareza pouco, unha mellora deste índice nunha centésima, é dicir, pasar de que as nosas vacas produzan 1,50 litros/kg de MS a que produzan 1,51 litros/kg de MS supón, a prezos actuais do leite e do alimento, unha ganacia de 12 euros/vaca e ano”, destaca o director de servizos agrogandeiros de Clun.

En canto ó uso do carro unifeed, que agora é a norma na maioría das explotacións, Miranda considera que foi unha das ferramentas que facilitou o crecemento das granxas e representou un avance tremendo no manexo da alimentación: “Sen dúbida, o seu emprego continuará no futuro, se ben seguramente combinado con outros métodos que permitan punteos na alimentación das vacas máis produtivas. Isto deberá ser así porque en explotacións cun lote único, unha mesma ración ofrécese a animais en cola de lactación con baixas produccións e tamén a animais en pico de lactación, con altas producións e unhas necesidades nutricionais moi diferentes”.

Produción de forraxes
“A produción de forraxes non é gratis, pero axuda a estabilizar os custos do leite. Haberá anos en que os prezos de mercado da alfalfa e outras forraxes non compensen o cultivo de herba, pois non lograremos un abaratamento de custos, pero se deixamos de producir forraxe, outros anos a explotación quedará comprometida polos prezos do mercado”, advirte o director de servizos agrogandeiros de Clun.

“Haberá anos en que a produción de forraxes non implique un abaratamento dos custos, pero permítenos estabilizalos”

Nunha ración de vacas de leite, a forraxe producida na explotación representa o 70% da ración en peso e o 50% en materia seca, mentras que en valor económico raramente pasa do 35%. “A produción de forraxe e a dispoñibilidade de terra son cuestións importantes, non só pola produción de alimento, senón para a reciclaxe dos xurros e, nun futuro, pola posible contabilidade das emisións de dióxido de carbono das granxas”, destaca.

Na produción de millo e herba, hai marxe de mellora en diversos aspectos. Miranda incide na importancia dunha fertilización á carta, en base ás características das terras da explotación, e reivindica a figura do asesor agronómico: “Do mesmo xeito que hoxe en día todas as explotacións contan co asesoramente dun nutrólogo, é imprescindible contar cun técnico que asesore na producción de forraxes en estreita colaboración co nutrólogo”.

Ángel Miranda, á esquerda, na Semana Gandeira de Mazaricos.

Ángel Miranda, á esquerda, na Semana Gandeira de Mazaricos.

Tamén avoga por obter forraxes de calidade, con fibra dixestible e alta concentración de enerxía. “Precisamos un produto concentrado e dixestible, que é o que requiren as vacas de hoxe en día”, subliña.

Unha vía clara para a mellora da calidade da forraxe pasa por elevar a altura de corte do millo. “Se pasas dun corte a 15 centímetros a un corte a 45 centímetros, perdes un 15% da produción, pero logras un produto máis denso e concentrado, cun 12% máis de enerxía, máis axeitado para vacas de alta producción”.

De cara ó futuro, Miranda considera posible que haxa profesionais especializados na produción de forraxes e outras explotacións orientadas case en exclusiva á parte da gandería.

Produción de leite

¿Que leite debe producir a explotación?. Ata agora, as granxas viñan orientándose a producir leite para o principal destino da industria en España, o brik, que representa arredor do 50% do uso industrial do leite. Ese segue a ser ainda o principal destino, pero a tendencia do mercado apunta á necesidade de aumentar os parámetros de graxa e proteína. “A venda de leite para brik prima pouco a graxa e a proteína, pero hai que facer o posible na xestión da granxa para orientala a producir sólidos”, recomenda Ángel Miranda.

No curto prazo, a solución pode pasar por un cambio de alimentación, se ben no medio prazo, “a liña de traballo está na xenética e na calidade das forraxes”, incide o director de servizos agrogandeiros de Clun.

Vacas de desvelle

Ainda que pareza un factor pouco relevante, o engorde de vacas de desvelle representa unha “boa opción” para mellorar os ingresos dunha gandeiría de leite. Cada ano van a matadoiro arredor de 136.000 vacas de desvelle, un 25% do censo das ganderías de leite. “Cómpre ter unha política clara de eliminación, en función do prezo do leite e custo de alimentación”, recomenda Miranda.

“Dunhas gandeirías a outras, temos unha dispersión moi importante no valor das vacas que van ó matadoiro”

Unha alternativa que se abriu nos últimos meses é a inscripción de animais na IXP Vaca e Boi de Galicia. “Con pouco esforzo, podemos conseguir animais con conformación e grao de engraxamento axeitado para poder comercializarse ao amparo desta nova IXP”, apunta.

“Os ingresos das vacas de desvelle poden ser importantes, ata representar 4 céntimos por litro de leite, pero temos unha dispersión moi importante dunhas gandeirías a outras no valor das vacas que van a matadoiro. Así nunha mostra de gandeirías analizadas, o valor medio no 2016 das vacas que foron a matadoiro foi de 654 €, pero esta cantidade oscilou dende un mínimo de 427 €/vaca ós 1.371 €/vaca na explotación que mellor cebou os animais.”, sinala Miranda.

Pode ser polo tanto ésta unha actividade complementaria moi válida, “sempre que o feito de ter vacas en engorde non esté penalizando a produción de leite por ter unha sobreocupación no establo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información