Europa producirá máis leite no 2017

Un informe do Observatorio Lácteo da UE pronostica aumentos de produción do 0,6% no 2017. Destaca as boas perspectivas da exportación, salvo no leite en po, que lastra a recuperación

Europa producirá máis leite no 2017

Prezo do leite equivalente con varios prezos de manteiga e co leite en po en prezo de intervención. Comparación cos prezos do leite no campo. / Fonte: Observatorio Lácteo.

O conxunto da Unión Europea acumulou ata marzo dez meses consecutivos de baixadas nas entregas de leite, pero a tendencia está a virar. Un informe do Observatorio Lácteo Europeo pronostica que o 2017 rematará cun 0,6% máis de produción.

A boa evolución da exportación, unida ó aumento das cotizacións dos produtos lácteos, permitiu que nos últimos meses o prezo medio do leite en Europa se recuperase por riba dos 33 céntimos (3 céntimos menos en España). Eses niveis de valor do leite fan prever un aumento da produción, se ben no primeiro trimestre do ano continuou a redución de entregas.

A tendencia á alza das entregas presenta o condicionante da meteoroloxía, pois de non lograrse unha colleita de forraxes normal, os números poderían ser outros.

Situación internacional
O repunte da produción previsto para Europa coincide cunha recuperación en Nova Zelanda, outro dos grandes exportadores internacionais, en tanto que Estados Unidos mantén tamén aumentos das entregas de leite mes a mes. Dos grandes países exportadores, só Australia continúa nunha liña de redución.

Os altos prezos da manteiga permiten mellorar o prezo no campo, incluso co leite en po en valores baixos

Os aumentos de produción van acompañados dunhas boas perspectivas para o mercado internacional de produtos lácteos. No primeiro trimestre do ano, a UE aumentou as súas exportacións en case todos os produtos: queixo (+9%), fórmulas infantís (+11%), leite en po desnatado (+6%), soro en po (+3%), leite líquido e nata (-11%).

A actual taxa de cambio do euro permite que Europa sexa máis competitiva que Nova Zelanda e Australia no mercado internacional, aínda que segue por baixo de Estados Unidos.

Diferenza proteína e graxa
Os stocks de produtos lácteos da UE atópanse en niveis normais ou baixos, como no caso da manteiga. A excepción prodúcese co leite en po, un mercado lastrado polas 350.000 toneladas almacenadas no 2016 no sistema de intervención pública da UE. Este ano, a intervención reactivouse na primavera, pero polo de agora de xeito tímido, con apenas 7.300 toneladas adquiridas.

Os altos stocks públicos de leite en po penalizan a recuperación dos seus prezos, que se manteñen pouco por riba do valor de intervención. O Observatorio Lácteo Europeo aprecia que se está a producir un cambio estrutural, con diferenzas cada vez máis amplas entre a cotización da graxa láctea e da proteína.

A manteiga está en niveis récord de cotizacións, con 4.500 euros / tonelada, pero o leite en po non remonta. Se durante os últimos 5 anos, o valor medio do leite en po desnatado situábase nun 70% do valor da manteiga, na actualidade caíu ata o 45%. Eses altos prezos da manteiga permiten manter bos prezos no campo, incluso con baixos prezos do leite en po.

Brexit
Na última reunión do Observatorio Lácteo Europeo constatouse tamén a preocupación que existe entre os países que exportan a Gran Bretaña (Irlanda, Francia, Holanda, Bélxica) pola posible recuperación nun futuro do muro arancelario ós produtos lácteos.

Os fosfatos obrigan a Holanda a reducir a produción

A contaminación por fosfatos está a penalizar ás explotacións lácteas de Holanda, que en moitos casos se ven na obriga de reducir o seu rabaño. A gandería do país medrou en exceso, sen contar con terras suficientes para a aplicación dos xurros. En decembro do 2016, Holanda tiña un 4% máis de vacas que no mesmo mes do ano anterior.

O sobredimensionamento está a obrigar ás explotacións con menos base territorial a aumentar os sacrificios de animais. En xaneiro e febreiro deste ano, o envío de vacas ó matadoiro aumentou un 36% en relación ó mesmo periodo do pasado ano.

Durante o primeiro trimestre, Holanda produciu máis leite que no primeiro trimestre do 2016, pero espérase que remate o ano cun -5% de entregas.

No lado contrario, está o caso de Irlanda, que prevé aumentar este ano un 5% a súa produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información