Europa cuestiona as medidas contra o nematodo do piñeiro en Galicia

Unha auditoria da UE atopa “incumprimentos recurrentes” no protocolo de control da praga, que foi detectada dúas veces no sur da comunidade nos anos 2010 e 2016. Advirte de retrasos que comprometen a erradicación do problema

Europa cuestiona as medidas contra o nematodo do piñeiro en Galicia

Pés infectados polo nematodo do piñeiro en Portugal.

As medidas de control aplicadas en Galicia contra o nematodo do piñeiro presentan deficiencias significativas. Unha auditoría europea conclúe que existen “incumprimentos recurrentes” no protocolo de loita que se segue no sur da comunidade, onde se detectaron dous casos de nematodo no 2010 (As Neves) e no 2016 (Salvaterra). O informe da auditoría da UE, que vén de ser publicado este mes, fala dunha “longa historia de incumprimentos” en Galicia que dificultan a erradicación da praga.

O nematodo do piñeiro extendeuse por Portugal como unha mancha de aceite durante a última década e ameaza con expandirse cara España, onde se teñen detectado casos nas provincias fronteirizas de Cáceres, Salamanca e Pontevedra. O perigo da praga radica na alta mortandade que provoca entre os piñeiros, polo que a súa contención resulta clave para o sector forestal.

Os auditores consideran que en Galicia hai unha organización clara dos controis, pero cuestionan a súa eficacia

En Galicia, onde se detectou o último caso dun pé infectado polo nematodo en España (Salvaterra do Miño, 2016), aplícase unha vixilancia intensiva sobre as masas de piñeiro na zona demarcada das Neves, que abarca un círculo de 20 quilómetros arredor do primeiro brote do 2010, e na chamada zona tampón con Portugal, unha franxa de 20 quilómetros desde a liña fronteiriza co país veciño. O segundo caso de nematodo detectado, en Salvaterra do Miño, sitúase dentro da zona demarcada das Neves, a 3 quilómetros do primeiro brote.

Problemas detectados
As medidas preventivas aplicadas en Galicia foron analizadas en outubro pasado por unha auditoría europea, a cargo da Direción Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria. O informe elaborado polo equipo auditor, feito público este mes, conclúe que na comunidade hai unha organización clara dos controis, cunha coordinación axeitada entre os organismos implicados, se ben sinala que esa boa organización non garante a realización axeitada e a tempo das inspeccións e medidas de control pertinentes.

Os auditores consideran que as medidas de control aplícanse tódolos anos “demasiado tarde”, o que “reduce a eficacia” na erradicación do nematodo do piñeiro. Os principais problemas que detectaron son os seguintes:

Tardanza na eliminación de pés mortos ou decaídos. A normativa europea obriga a eliminar tódalas árbores mortas ou decaídas na zona demarcada antes do 1 de abril de cada ano, pois é a data na que se estima que comeza o periodo de voo do insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus galoprovincialis’. En Galicia, os traballos de eliminación dos pés mortos ou en decaimento comezaron no 2015 en maio e no 2016 a mediados de xullo, tres meses e medio despois da data na que terían que estar rematados.

A corta de pés secos comezou no 2016 en xullo, cando a normativa comunitaria obriga a rematala antes do 1 de abril

As árbores secas ou decaídas son máis susceptibles de ser utilizadas polo insecto vector do nematodo, polo que constitúen un posible foco de expansión da praga. Desde a Xunta, en contestación ó informe dos auditores, alegan que os trámites de contratación dos traballos impiden realizar antes as cortas.

A Administración galega sostén que ese problema é de “difícil solución”, pois os retrasos son consecuencia de procedementos de tramitación administrativa “ineludibles”. “Non queda máis remedio que asumir estas irregularidades”, valórase desde a Administración galega.

Os retrasos son consecuencia de procedementos administrativos “ineludibles”, polo que teñen “difícil solución”, valora a Xunta

Retrasos na actuación contra o positivo de Salvaterra do Miño. As mostras da árbore sintomática de Salvaterra do Miño tomáronse o 18 de febreiro do 2016. Desde o 7 de abril, había sospeitas de que a árbore estaba infectada co nematodo e o positivo confirmouse oficialmente o 2 de maio. Sen embargo, a árbore infectada non se cortou e destruíu ata o 9-10 de maio, o que permitiu durante ese tempo unha posible “expansión natural” da praga.

Discusións sobre a procedencia do novo brote. O informe dos auditores europeos cuestiona que o novo brote de nematodo teña chegado desde Portugal, tal e como se lles trasladou desde a Xunta.

Os inspectores opinan que é aventurado considerar que o brote procede de Portugal. As tomas de mostras que se realizan desde o 2009 na zona tampón con Portugal -unhas 300 tomas ó ano- nunca atoparon presenza do nematodo do piñeiro, polo que hai que considerar que a franxa fronteiriza está libre do nematodo con carácter xeral.

A auditoría decántase pola hipótese de que o segundo brote sexa unha extensión do primeiro, non un novo chegado de Portugal

O informe da auditoría decántase pola hipótese de que o caso do 2016 sexa unha extensión do brote declarado no 2010, xa que as dúas árbores infectadas atopábanse a unha distancia de 3 quilómetros. Os inspectores lembran, ademais, que as tres auditorías anteriores realizadas na zona detectaran “importantes deficiencias” que cuestionaban a eficacia das medidas de control adoptadas.

No documento elaborado polos auditores, advírtese de que o muestreo de árbores mortas ou decaídas na zona demarcada foi escaso, inferior ó 17% cada ano desde o 2011 ó 2014. “Non pode descartarse a posibilidade de que se teñan eliminado árbores infectadas sen ter detectado a presenza do nematodo” -sinálase no documento-. “As mostras adoitan tomarse á altura do peito, o que reduce a probabilidade de atopar nematodo en árbores mortas por motivos diferentes e que estivesen infestadas por ovoposición”.

Zona de corta arredor do novo brote. Cando se detectara o primeiro brote, no 2010, decidiuse establecer unha zona de corta e destrución de todas as árbores ubicadas nun radio de 500 metros. Co brote do 2016, ese radio reduciuse a 100 metros, alegándose motivos sociais. A excepcionalidade está permitida pola normativa europea, polo que os auditores non cuestionan a decisión. Advirten, sen embargo, de que a Xunta non xustificou de xeito correcto os motivos sociais que a levaron a reducir o radio de acción.

En calquera caso, os estudos científicos demostran que o vector do nematodo do piñeiro pode desprazarse ata 3 quilómetros durante a súa dispersión, o que pon en cuestión a eficacia das cortas a matarrasa esixidas pola UE para conter a expansión da praga.

Bótase en falta unha maior preparación do persoal para enfocar correctamente a toma de mostras

Retrasos na identificación e muestreo de árbores mortas ou decaídas. Na toma de mostras, ademais, bótase en falta unha maior preparación do persoal para a busca de síntomas da presenza do vector ou para enfocar a toma de mostras nas partes sintomáticas da copa, o que aumentaría as probabilidades de detectar o nematodo do piñeiro.

Abandono da área de vixilancia intensiva das Neves. Tras o novo brote, a Xunta optou por enfocar a vixilancia intensiva nun radio de 3 quilómetros ó redor do novo caso, abandonando o control intensivo no entorno do primeiro brote. Os auditores recomendan manter a vixilancia intensiva nun círculo de tres quilómetros arredor de cada un dos brotes, unha proposta que a Xunta xa comunicou o pasado outono que aceptaba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información