Europa advirte deficiencias en Galicia no control do nematodo do piñeiro

Unha auditoria da UE conclúe que se fan insuficientes análises sobre as árbores decaídas na zona demarcada pola praga. Destaca que se interceptaron dous envíos de madeira procedente de instalacións galegas con nematodos vivos, “o que suxire que a praga pode estar presente noutros lugares da área demarcada ou da comunidade”

Europa advirte deficiencias en Galicia no control do nematodo do piñeiro

Trampa para o insecto vector do nematodo. / Arquivo.

Galicia fixo esforzos para mellorar o control da praga do nematodo do piñeiro, pero as deficiencias persisten. Esa é a conclusión da auditoría da UE sobre a xestión da praga en España, que vén de facerse pública. O equipo auditor da Comisión Europea conclúe que Castilla y León e Extremadura, con dous focos declarados da praga, están facendo un bo traballo, pero advirte de “importantes deficiencias” en Galicia, que xa fora cuestionada nun anterior control.

A existencia de problemas na comunidade confirmouse cando no 2019 se interceptaron en Europa dous envíos de madeira e embalaxes de madeira procedentes de Galicia que deron positivo á presenza de nematodos do piñeiro vivos. A madeira interceptada fora sometida ós tratamentos de calor preceptivos para garantir a eliminación de nematodos -ou alomenos así fora marcada-, pero conservaba nematodos vivos, segundo sinala o equipo auditor.

En base a esa interceptación, o informe da auditoría conclúe que é posible que a praga estea máis extendida do que se pensa, ben na propia zona demarcada, ben noutros puntos de Galicia. Ademais, unha inspección do equipo auditor en xuño do 2019 a unha das instalacións galegas das que saíra madeira con nematodos vivos detectou a presenza de dous nematodos en madeira aínda non tratada. Esa madeira procedía en teoría da zona demarcada das Neves, se ben posteriores análises na zona das Neves non atoparon novas árbores infectadas.

A auditoría detectou nematodos en madeira que aínda non fora tratada nunha industria. A boa noticia é que a madeira tratada non tiña presenza da praga

A boa noticia é que as análises sobre a madeira tratada na industria inspeccionada non revelaron presenza de nematodos vivos. A Xunta informou ó equipo auditor de que, trala interceptación en Europa de madeira con nematodos vivos, esa industria foi suspendida ata que mellorou o seu tratamento térmico da madeira para evitar novos erros,

Controis no monte
O equipo inspector centra as súas principais preocupacións nos controis en monte, pois considera que as análises sobre árbores decaídas da zona demarcada, sospeitosas de agochar a praga, son insuficientes.

Durante o 2018, fixéronse 1.000 análises de mostras, cando o Laboratorio de Areeiro, encargado das análises, ten capacidade para 5.000 análises anuais de mostras de piñeiro. O equipo auditor sinala que en Galicia tomáronse moitas mostras de árbores decaídas que non foron analizadas. Desde a Xunta -apunta o informe- non ofreceron ningunha explicación convincente sobre o motivo de por que non fan máis análises de mostras, fóra de apelar á insuficiencia de recursos.

“A Xunta non ofreceu explicacións convincentes de por que se toman mostras en monte que non se analizan posteriormente”

A Comisión Europea conclúe que non se pode asegurar a inexistencia da praga noutros puntos da zona demarcada, sobre todo tendo en conta que en Galicia, polas súas menores temperaturas estivais, a praga pode estar presente a un nivel latente, sen cursar unha alta mortandade das árbores nun curto periodo de tempo.

Retraso na ampliación da zona demarcada
A Xunta tampouco foi capaz de explicarlle á auditoría da UE por que, tras detectar sete novos positivos do nematodo do piñeiro en agosto do 2018, non ampliou a zona demarcada ata o 28 de decembro dese ano.

O comportamento das autoridades galegas contrasta co de Castilla y León, que decretou unha zona demarcada en xullo do 2018 tras detectar un caso ese mesmo mes, ou co de Extremadura, que decretou unha zona demarcada o 15 de marzo do 2018 tras detectar un caso o 28 de febreiro dese ano.

“O retraso na revisión en Galicia da zona demarcada levou a que material susceptible continuase movéndose desde esa zona á espera de demarcación, o que puido posibilitar a propagación da praga por medio dese material”, cuestiona Europa. Os auditores precisan, sen embargo, que as sete árbores positivas en agosto xa se cortaran e eliminaran a comezos de xullo, trala toma de mostras, o que evitou males maiores.

Árbores decaídas en monte
A auditoría realizada en xuño do 2019 visitou un dos novos focos do nematodo e detectou dúas árbores decaídas nun radio de 500 metros ó caso detectado o ano anterior. Desde a Xunta indicouse que esas árbores foran mostreadas en xaneiro do 2019, pero que non se enviaran as mostras ó laboratorio. Tamén xustificou que non se cortasen ambas árbores, tal e como obriga a normativa, por traballos públicos que dificultaron o acceso ó lugar.

“Non é posible afirmar que o nematodo do piñeiro non estea máis amplamente presente en Galicia”, conclúen os auditores

Visto o escenario, os auditores reiteran que “non é posible afirmar que o nematodo do piñeiro non estea máis amplamente presente, ben en árbores que foron cortadas pero non analizadas, ben en árbores en declive no monte que non foron nin cortadas nin analizadas”.

Control sobre os movementos de madeira
En Galicia, existen 33 empresas autorizadas para o procesado de madeira procedente da zona demarcada. Parte delas atópanse fóra da área afectada pola praga, pero só poden transportar madeira durante os catro meses en que non voa o insecto vector do nematodo, que está activo entre abril e novembro. De facer movementos para fóra da zona demarcada durante o voo do insecto vector, terían que facelo en contedores pechados.

O equipo da auditoría sinala que os controis realizados semellan demostrar o cumprimento da normativa sobre o movemento de madeira, pero tamén advirte de que eses controis son insuficientes.

“Existen condicións apropiadas para o movemento de material desde a zona demarcada das Neves e a conciencia e cumprimento das industrias semella bo, pero o baixo nivel de controis oficiais e o tamaño moito maior da zona demarcada aumentan o risco de que se produzan incumprimentos”.

Como exemplo dun incumprimento, os auditores sinalan que se detectou en Castilla y León un camión con 25 toneladas de madeira queimada procedente de Galicia en agosto do 2018, época de voo do insecto vector na que esa madeira non tiña autorización para saír da área afectada pola praga. A empresa autora do envío foi sancionada con 90.000 euros.

Cómpre lembrar que no outono do 2017, o sur de Pontevedra sufriu graves incendios que afectaron a milleiros de hectáreas de piñeirais, o que dificultou o control da praga no monte, así como a inspección dos numerosos movementos de madeira que se fixeron nos meses seguintes.

Outro incidente produciuse en agosto do 2019, cando a Guardia Civil detivo a un maiorista da provincia de Ourense por enviar madeira da zona afectada a outros puntos de España falsificando a súa orixe, coma se procedese de fóra da zona demarcada.

O nematodo do piñeiro en Galicia

Zona demarcada polo nematodo do piñeiro en Galicia.

Zona demarcada polo nematodo do piñeiro en Galicia.

O nematodo do piñeiro, un verme microscópico que pode causar unha rápida mortandade das árbores, identificouse por primeira vez en Galicia no 2010, no concello das Neves. A detección da praga, que foi seguida doutros casos posteriores no 2016 e no 2018, obrigou a finais do 2018 a declarar todo o sur da provincia de Pontevedra como zona demarcada pola praga.

Esa declaración obriga a controis das árbores en monte, para eliminar tódolos pés secos ou decaídos, sospeitosos ou susceptibles de sufrir a praga, que se extende por medio dun escaravello, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

Sobre ese insecto vector, a Administración está tamén obrigada a trampeos e a análises de parte dos insectos capturados, a fin de comprobar se son portadores ou non da praga. Dos arredor de 5.000 insectos analizados no 2018 nas tres zonas demarcadas de España, ningún resultou ser portador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información