“Estou orgulloso da Rubia Galega, as críticas que se fan non veñen a nada”

O actual presidente da Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga), César Dorado, que opta á reelección, defende a súa xestión en materias como a mellora xenética da raza ou os servizos ós gandeiros

“Estou orgulloso da Rubia Galega, as críticas que se fan non veñen a nada”

César Dorado, presidente de Acruga e candidato á reelección.

A Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) celebra este sábado unhas eleccións nas que o actual presidente, César Dorado, compite pola reelección con outros dous candidatos, Antonio Núñez Torrón e José Antonio Fernández Álvarez. Falamos con César Dorado para coñecer o balance que fai do seu mandato e as súas propostas, así como para que dea explicacións sobre as críticas que se lle fan desde outras candidaturas.

Comecemos por facer balance dos últimos anos. Como valora a situación xenética da raza e os servizos que lle presta Acruga ós gandeiros?
– A raza Rubia Galega é a número 1 como raza cárnica. Síntome orgulloso da Rubia Galega, dos gandeiros e da xestión que fixemos en Acruga. No último ano, entraron 62 novos socios en Acruga, gandeiros que en moitas ocasións se desfán doutras razas e nos demandan novillas de Rubia Galega. Cada vez hai máis interese na raza e estamos preocupados por ver se este ano somos capaces de conseguir novillas suficientes para atender toda a demanda que temos.

“A Rubia Galega é a raza cárnica número 1. Cada vez hai máis interese nela, no último ano entraron 62 novos socios en Acruga”

Unha das cousas que máis valoro do meu mandato é o ter conseguido o Centro de Recría da granxa Gayoso Castro, conxuntamente coa Deputación, o que nos permite mercarlle as mellores novillas ós gandeiros e, unha vez paridas, venderlle animais a todos os gandeiros que os necesitan. Estamos priorizando ós gandeiros que entran na asociación, pero vendémoslle a todos os que o necesitan e subastamos os mellores exemplares.

Durante esta campaña electoral, díxose que priorizan a venda de animais ós “amigos”.
– Iso hai que preguntárllelo ós gandeiros. Ningún gandeiro pode dicir que cando nos chama para mercar unha novilla, lle dicimos que non.

Fala de que cada vez hai máis interese na Rubia Galega, pero as estatísticas apuntan a un descenso no número de animais.
– Ese é un problema de estatística que se viña arrastrando desde fai anos. Tiñamos censadas máis vacas das que existían, porque mandábanse animais para sacrificio que non se daban de baixa. O que fixemos agora foi un cruce de datos coas bases de datos da Xunta e por iso se produciu ese descenso aparente.

Existen tamén dúbidas sobre a pureza xenética da raza. Acúsano de que nos últimos meses Acruga tivo que dar de baixa arredor de 1.000 animais no censo por tratarse de cruces.
– Non houbo tales baixas. Nosoutros fixémoslle un xenotipado a todas as vacas e comprobamos que había animais nos que estaban mal identificados os proxenitores, pero iso non quere dicir que non sexan animais puros. Son arredor de 1.000 vacas, que pasan ó rexistro auxiliar. Tamén hai que dicir que entre un total de 36.000 animais, non é moita cousa.

“Pasamos 1.000 vacas ó rexistro auxiliar de Acruga por mala identificación dos proxenitores, pero todos os animais son de raza pura”

Cando se ve como se fixeron as cousas, aclárase a cuestión. As críticas que se me están facendo por motivos electorais non veñen a nada e van contra os gandeiros e contra a raza Rubia Galega, da que podemos estar orgullosos.

E en canto á xenética, como valora as críticas á actual situación da raza por aspectos como a dificultade de parto ou por problemas dos becerros para mamar?
– O 97% das vacas de Rubia Galega paren soas. Como candidato, non entendo como os outros candidatos fan esas críticas. Eu teño un rabaño de vacas, sobre 80, e case non hai que mirar para elas. Aparecen os becerros nados no prado e mamando perfectamente. Outra cousa pode ser cando hai cruces nunha explotación. O gandeiro que queira que o seu gando paira ben, ten que ter Rubia Galega pura.

De cara ós próximos anos, que proxectos destaca?
– Estamos traballando con Xenética Fontao en análises xenómicos dos futuros touros. Ata agora, para seleccionar touros, traballabamos só con animais probados. Criamos ós tenreiros na nosa nave de testaxe, en O Corgo, e ós 14 meses unha parte vai para Fontao, outra véndeselle ós gandeiros para monta natural e outra parte sacríficase. En Fontao encárganse de probar os touros que lles enviamos e ata que non hai un número de partos suficientes para valorar ese touro, non traballamos co seu seme.

“Estamos traballando con Xenética Fontao para introducir a xenómica na selección dos touros de inseminación. Tamén comercializaremos seme sexado”

Coa xenómica, poderemos coñecer con antelación como van parir as vacas que se inseminen con ese touro e como van ser os animais que nazan, co que poderemos avanzar máis na mellora xenética.

En mellora xenética, imos traballar nunha liña de recría e noutra de sacrificio. Tamén queremos sexar seme, para o que temos que mandar un touro a Inglaterra. Estamos en contacto con Xenética Fontao e a próxima vez que eles manden un touro frisón, mandaremos nós un de Rubia Galega para poder vender seme sexado.

Outra cousa na que xa estamos traballando desde hai tres anos é nos embrións. Calquera gandeiro pode pedirnos que lle saquemos embrións a unha vaca que reúna as condicións ou que llos implantemos.

Tamén hai que destacar o servizo que creamos para intermediar na venda de animais para sacrificio e a creación da marca ‘Carne de Rubia Gallega’. Cada vez facemos máis cousas. O que me preocupa é que veña alguén que faga volver todo este traballo para atrás. Falar é fácil, pero para facer as cousas, hai que entender algo de empresa.

“Eu estou en Acruga porque me gusta, non por interese. Levo moitos anos traballando por Acruga e sen soldo. Non cobro nada da Asociación”

Gustaríame conseguir tamén axudas para os gandeiros, para recría ou marcaxe. Son tempos complicados, pero estamos traballando niso. Eu pediríalle ós gandeiros que voten á candidatura que pensen que pode sacar Acruga para diante.

Esta campaña está a ser polémica. A vostede acúsano, entre outras cousas, de poñer ós traballadores de Acruga ó servizo da súa campaña e de presións ós gandeiros para que lle dean os votos delegados.
– O de presionar non é a miña forma de actuar e non me fai falta, pódeno dicir os gandeiros. Quen queira darme o voto, pode facelo co voto delegado ou en urna e o mesmo sucede coas outras candidaturas. O dos traballadores é unha mentira, non lle pedín a ningún traballador que fixese campaña para min.

Eu estou en Acruga porque me gusta, non por interese. Levo moitos anos traballando por Acruga e sen soldo. Non cobro nada de Acruga, a ver se outras persoas farían o mesmo. Eu son constructor desde o ano 1982, teño vacas e estou orgulloso da miña xestión, tanto en Acruga coma nos outros negocios, que todos eles saíron sempre brillantes. Quen entende sabe que a miña xestión foi boa.

Candidatura

Que buscou á hora de deseñar o equipo para a súa candidatura?
– Manteño a case todo o equipo, só renovei a dúas persoas. Busquei que houbese mulleres, homes, xente maior e xente nova. No de elixir equipo teño experiencia, gústame a xente boa, que hai moita entre os gandeiros, e que traballe só con Rubia Galega, que non teña cruces nin outras razas.

Completan a candidatura Miguel Fernández Arrojo (vicepresidente), Modesto Arias López (secretario), Bautista Pérez Deiros (tesoureiro), Adita Prados Vega (interventora) e como vogais José Luis Fernández Pérez, Jesús Varela Mourelle, Manuel Berdeal Díaz, Sandra Fernández Gandoy, José María Pérez López e Antolín Alonso Arias.


Nota: Campo Galego entrevistou ós tres candidatos á presidencia de Acruga. Esta é a terceira e última das entrevistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información