Estado da uva en Rías Baixas e coidados durante esta semana

Reproducimos a continuación o aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro para a Denominación de Orixe Rías Baixas

Publicidade
Estado da uva en Rías Baixas e coidados durante esta semana

Acio de Albariño. Autor: Estación do Areeiro.

Estado fenoloxía: N

As chuvias que se rexistraron dende a emisión do aviso anterior da Estación Fitopatolóxica do Areeiro foron, como anunciaban as previsións, escasas. Os valores situáronse en torno a 2-3 l/m2 en xeral, aínda que tamén houbo lugares con menor e maior precipitación (0.2 l/m2 en Tremoedo ou 4.6 l/m2 en Cequeliños). Pola súa banda, as temperaturas mantivéronse en xeral similares ás da semana anterior.

Con estas condicións mantéñense en xeral as datas de vendima previstas, aínda que nalgunhas das zonas máis cálidas mesmo se está a barallar iniciala a finais deste mes ou primeiros do seguinte. Na Estación do Areeiro volveron recoller uvas na visita semanal que facemos ás nosas parcelas de seguimento para coñecer o seu grao alcohólico e obtiveron os seguintes valores:

Bisbarra do Salnés: Barrantes: 9º; Castrelo: 9.80º; A Modia: 9.20º; Tremoedo: 9.0º
Bisbarra do Roseira: Eiras: 9.7º
Bisbarra do Condado: Vide: 11º; Leirado: 8.41º
Bisbarra de Pontevedra: Areeiro: 8.80º

Problemas fitosanitarios:

Mildeu:
As precipitacións (aínda que escasas) que se rexistraron, as horas de humidade foliar e as temperaturas nocturnas suaves que houbo nesta semana poderían ter dado lugar a novos síntomas da enfermidade.

De cara aos próximos días anúncianse novamente precipitacións. As máis intensas, segundo as axencias meteorolóxicas, produciranse o fin de semana, pero apenas prevese que superen os 10 l/m2. Se se cumpren estas previsións é pouco probable que apareza un número elevado de manchas nos brotes novos.

Ademais, se ata a vendima se mantén a climatoloxía como ata agora, poderá evitarse (en principio) aplicar o tratamento cúprico de despois da vendima que se recomenda en anos de maior incidencia de mera.

Botrite:
Do conxunto de parcelas da nosa rede só produciuse rachado da pel dalgúns grans da variedade Loureira na parcela do Rosal, pero sen indicios de botrite. A práctica ausencia desta enfermidade típica da maduración nesta campaña débese a que en xeral a uva está en bo estado e a que apenas choveu (polo menos de momento) nesta fase final de desenvolvemento dos acios.

Acio de Loureiro con botrite. Autor: Estación do Areeiro.

Acio de Loureiro con botrite. Autor: Estación do Areeiro.

En todo caso, convén non descoidar a vixilancia, xa que aínda poden producirse chuvias e pode acontecer que puntualmente sexa necesario tratar. Neste caso, recorden que hai funxicidas con reducido prazo de seguridade (consulte os técnicos).

E recorden: é imprescindible manter unha correcta ventilación dos acios mediante esfollados para evitar a acumulación de humidade, e eliminar os brotes sobrantes tamén para favorecer a ventilación. Pero atención: estas operacións deben realizarse moderadamente para non expoñer en exceso os acios ao sol.

Golpe de sol:
Obsérvase bastante incidencia desta alteración nos viñedos, de onde a importancia de realizar con criterio as operacións de esfollado.

Patoloxías da madeira:
Recorden que é moi importante marcar aquelas cepas que manifesten síntomas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información