Esta primavera prevese que a IXP Pataca de Galicia se amplíe a todo o territorio galego

Publicidade
Esta primavera prevese que a IXP Pataca de Galicia se amplíe a todo o territorio galego

Esta primavera prevese que entre en vigor a ampliación da IXP Pataca de Galicia a todo o territorio galego. Até o de agora estaba restrinxida ao tubérculo cultivado nas comarcas da Limia, Bergantiños, A Terra Chá, A Mariña e a Terra de Lemos. Tamén se poderá amparar baixo este selo de calidade a pataca das variedades Agria e Fina de Carballo, ademáis da Kennebec.

Estes cambios foron anunciados este venres no Parlamento de Galicia por Manuel Rodríguez Vázquez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Trala recente publicación no Diario Oficial da Unión Europea da aprobación dos cambios na IXP Pataca de Galicia, avanzou que “a partir desta primavera estes cambios, longamente demandados polo sector, van entrar en vigor e suporán un antes e un despois para a IXP”.

A este respecto, o director da AGACAL, organismo dependente da Consellería de Medio Rural, puxo en valor os datos da IXP Pataca de Galicia nesta última campaña. “Prevese acadar un récord histórico de 10.000 toneladas amparadas pola IXP, aínda que será en marzo cando teremos os datos finais. En todo caso, na Limia este ano amparáronse case 300 hectáreas, un 23% máis que a media dos últimos anos, grazas á alta rendibilidade da pataca baixo a IXP”, destacou Manuel Rodríguez.

Por último, lembrou que “Galicia produce unhas 400.000 toneladas anuais de pataca, a segunda de España por detrás de Castela e León, e con esta ampliación a potencialidade de crecemento para a IXP Pataca de Galicia é moi destacada”.

Proxecto para obter pataca certificada no Alto do Rodicio

Por outra parte, o director da AGACAL informou de que a Consellería de Medio Rural está a traballar nunha vella aspiración do sector pataqueiro de Galicia: a obtención de semente certificada no país, que actualmente hai que mercar noutras comunidades, como Castela e León, País Vasco e Navarra.

“No Alto do Rodicio, no concello ourensán de Maceda, estamos a levar a cabo, en colaboración entre a AGACAL e a IXP Pataca de Galicia, un programa experimental co que agardamos poder producir e comercializar a partir do ano 2022 semente certificada, para poder pechar así o ciclo o non ter que depender das importacións”, avanzou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información