Erros que se cometen na sementeira do millo

A calidade de como fagamos a sementeira do millo é clave para o rendemento da colleita. Resumo do relatorio do experto neste cultivo Albert Porte-Laborde, durante as III Xornadas do Rural Galego desde Curtis 

A sementeira é unha etapa a miúdo descoidada pero capital no cultivo do millo forraxeiro, pois da súa calidade depende o resultado final. “O 50% do éxito dunha colleita de millo depende da calidade da sementeira. E é que cando o tractor deixa a leira o rendemento está feito, ben ou mal e o agricultor soamente pode preservalo”, destaca Albert Porte-Laborde, experto internacional neste cultivo que o pasado mes participou nas III Xornadas do Rural Galego desde Curtis, organizadas por este concello coruñés.

“Non hai éxito na colleita de millo sen unha sementeira homoxénea”, subliña. Neste sentido chama a atención de que en visitas a varias fincas de millo de Galicia detectou falta de homoxeneidade na sementeira.

Exemplos dunha boa sementeira: 

MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_BOA_3

Foto: Albert Porte

Foto: Albert Porte

Que é unha boa sementeira?

Débese partir dunha boa preparación do solo, enterrando ben o cultivo precedente pois a presenza de moitos restos superficiais de raíces de pradaría impide unha boa sementeira.

 A semente debe enterrarse en terra húmida

-A unha profundidade moi regular: A calidade da sementeira mídese pola profundidade, que debe ser en terra húmida. Para calcular a profundidade de sementeira mídese a lonxitude do mesocotilo e engádese a metade. Velaquí un exemplo:

MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_PROFUNDIDADE

-Grans enterrados á mesma profundidade e cunha separación igual, é dicir, con distancias homoxéneas.

-Os grans deben enterrarse en terra fina e húmida.

-Con algunhas motas en superficie.

-Para garantir un arranque rápido e sen problemas do millo recoméndase empregar un insecticida contra os insectos do chan, como os vermes do arame, e un abono starter localizado a unha dose dun 130 kg/ha. Asemade, será preciso estar vixilante para tratar contra os insectos aéreos, como a rosquilla.

Requisitos que debe cumprir a máquina sementadora:

“A sementadora que sementa ben e rápido non existe. Todas en principio son boas, pero hai tractoristas máis profesionais que outros”, subliña Albert Porte.

Os requisitos que debe cumprir a máquina sementadora son:

-Pneumáticos inchados a 2 kg/cm²

-Coitelas novas

-Aspiración sen fallos

-Enterrado perfecto, con axuste dos anciños e do terceiro punto.

-O sementador debe ser coidadoso e realizar un control regular dos axustes e
da distribución.

-Respectar as densidades e a profundidade de sementeira adaptada ao solo

-A sementeira debe realizarse a unha velocidade de menos de 6 km/h coa maioría das sementadoras. E ningunha sementeira será correcta a velocidades de máis de 8 ou 10 kilómetros por hora.

¿Como afecta unha mala colocación da semente á velocidade de xerminación do millo?

A posición do gran inflúe sobre a velocidade de arranque da planta. Esta distinta velocidade de xerminación engádese ás diferencias entre plantas debido a unha sementeira irregular.

MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_POSICION 1 MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_POSICION 2

Exemplos de sementeira a velocidade excesiva:

MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_MALA_1 MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_MALA_2 MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_MALA_3

Fotos: Albert Porte

¿Cal é a velocidade de sementeira axeitada?

Existen disparidade de criterios en canto á velocidade de sementeira e intereses contrapostos: o tractorista procurará que sexa o máis rápida posible para aforrar combustible e tempo, mentres que o agricultor debería esixir que prime a calidade do traballo sobre a velocidade.

A velocidade media dunha sementadora convencional rolda nestes momentos os 8 quilómetros por hora e mesmo xa existen algunhas no mercado que alcanzan velocidades de 16 quilómetros por hora.

Porén, para Albert Porte a velocidade ideal para garantir unha sementeira óptima debe ser non máis de 6 quilómetros por hora. “Unha sementadora de 4 sucos, cunha separación de 75 centímetros entre filas e unha densidade de 95.000 grans por hectárea sementa 47 grans por segundo”, explica.

A sementeira debe realizarse a unha velocidade de menos de 6 km/h.

Apóiase en 17 ensaios realizados en Francia durante 4 anos, con 4 sementadoras distintas e a 4 repeticións. Os resultados, tal e como figura na seguinte táboa, demostran que a maior velocidade, menor é a profundidade de sementeira, maior é a porcentaxe de faltas e de dobres e menor é a homoxeneidade e o rendemento, neste caso en gran de millo.

MILLO_LABORDE_SEMENTEIRA_TABOA_2

Neste sentido, lembra que cunha sementeira de calidade:

-Todas as plantas saen o mesmo día.

-Todos os mésocotylos teñen un longo idéntico.

“O primeiro competidor dunha plántula de millo é a súa veciña, que ten media-folla de antelación e por iso é clave unha sementeira de calidade que garanta unha xerminación homoxénea”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información