Erros máis comúns a evitar na sementeira do millo

O mes de maio é o mes por excelencia da sementeira do millo en Galicia. Analizamos coa axuda de Juan Valladares, do CIAM, e do experto francés Albert Porte, algunhas das claves para obter o máximo rendemento posible nas parcelas

millo outeiro de rei delagro 2No millo a sementeira é un factor clave na productividade do cultivo. O 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta, polo que o proceso de labrado condiciona claramente o resultado final da colleita. Así pois, se a metade do resultado final depende da sementeira, para que a produción sexa homoxénea, o nacemento da planta tamén ha de ser homoxéneo. Iso está relacionado con que teña lugar unha emerxencia rápida e uniforme en toda a parcela. Ensaios da Universidade americana de Wisconsin demostraron que un retraso no nacemento de 10 días da plántula equivale a un retraso de dúas follas na súa fase de crecemento inicial, o que condiciona que esa planta poida acabar tendo mazorca ou non.

O feito de traballar mediante a subcontrata das tarefas de sementado, ben a través dunha cooperativa, unha empresa de servizos ou unha CUMA, o que permite aforrar en maquinaria propia ás explotacións, condiciona sen embargo moitas veces non poder escoller o momento óptimo para labrar, ao concentrarse a demanda en poucos días obrigando a que as campañas de sementeira se alonguen ou comecen antes de tempo. Moitas veces tamén limita a escolla da data de sementeira do millo a recollida previa da herba para ensilado nas fincas nas que se fai dobre cultivo, pois mentres non remata a campaña da herba non se pode abonar e preparar as terras para o millo.

Tanto a sementeira como a colleita e o ensilado do millo representan tamén o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite. Acadar o maior rendemento posible por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar o seu nivel de eficiencia. Facer as cousas ben e non cometer erros non reduce os gastos (os custos en abonos, semente e fitosanitarios son os mesmos, igual que os de sementeira e recollida), pero se se obtén unha maior cantidade e calidade de materia seca os gastos feitos vólvense máis rendibles ao quedaren máis diluidos e a marxe de beneficio no leite producido aumenta.

O millo é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, que concentran o 60% da superficie adicada a este cultivo en todo o Estado

O millo cultívase en Galicia desde fai máis de 5 séculos e hoxe é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, polo que se trata dun cultivo de grande importancia na nosa comunidade. De feito, Galicia concentra o 60% da superficie adicada a millo en todo o Estado e o 55% da produción.

Estas son algunhas cuestións a ter en conta para non cometer erros á hora de labrar o millo, que analizamos coa axuda de dous enxeñeiros agrónomos: Juan Valladares, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e Albert Porte, asesor internacional, membro do Tribunal Internacional de Apelación de Pau para temas agrícolas e ex enxeñeiro Instituto ARVALIS e da Asociación Xeral de Produtores de Millo de Francia.

1.- Non facer as cousas ás présas ou por rutina

Albert Porte Laborde é un dos maiores expertos europeos no cultivo do millo. Pero este enxeñeiro agrónomo francés, natural da rexión de Bearn, no sur do país, onde sementa nas súas fincas 60 hectáreas de millo en solos que son semellantes aos de Galicia, prefire definirse como un “namorado” desta planta máis que como un especialista. Nos últimos anos estivo varias veces en Galicia, onde participou en distintas xornadas técnicas, organizadas por Delagro, Seragro e o Concello de Curtis.

Facer as cousas rápidas e sen reflexionar é perigoso porque os erros non se poden correxir

Di que “facer as cousas rápidas sen reflexionar é perigoso” e fala de “calidade da sementeira” como factor determinante á hora de acadar bos rendementos de colleita. O obxectivo é simple, di: “trátase de lograr nacementos homoxéneos e regulares, non pode existir o éxito no cultivo do millo sen homoxeneidade”. A distribución e a altura das plantas teñen que ser iguais porque “tamén no millo o problema é sempre o veciño”, bromea, xa que “se a planta do lado ten unha folla máis esa outra planta máis retrasada sempre terá que soportar esa competencia até o final”.

O labor do agricultor é organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais

O labor do agricultor é “organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais”. Por iso, asegura, “cando o tractor sae da finca ao acabar de labrar o rendemento está feito, ben ou mal feito pero está feito. Xa non se poden engadir toneladas, a partir dese momento pódense preservar as toneladas que labramos na colleita final, pero engadir máis non. Os erros non se poden correxir, nin unha planta mal escollida, unha densidade mal adaptada, unha protección contra os insectos mal feita, un abono que non foi ben calculado, etcétera; todo iso non se pode correxir”, indica

Tamén aposta por evitar erros Juan Valladares e aínda que asegura que “sempre hai recomendacións que se poden dar para mellorar”, como as que periodicamente fai o CIAM antes do inicio da campaña de cada ano, “en xeral o agro galego cada vez vai coñecendo máis a cultura do millo e se de algo sabe o gandeiro galego é de xenética de vacas e de cultivo de millo”, afirma.

2.- Analítica do chan

mapa dos solos de GaliciaO éxito da plantación comeza antes de que a sementadora entre na parcela. “O primeiro é coñecer a terra que tes. Hai que facer unha analítica de terra polo menos cada 4 anos porque cambian as características. Logo, con esa analítica na man, xa podes definir o tipo de encalado e o tipo de fertilización en función do que precisa o millo”, recomenda Juan.

Unha das cousas a vixiar é o PH do chan. “O PH é o indicador máis antigo da fertilidade do solo, cun PH baixo a dispoñibilidade de abono non é boa, así que se se sobe o PH do chan pódese diminuir a cantidade de abono para igual resultado e aforrar. Cun PH entre 5 e 5,5 só se aproveita entre o 50 e o 75% do nitróxeno existente e só a metade do fósforo dispoñible pero subindo só un punto ou punto e medio o PH a utilización pasa a ser do 90 e 95%. A principal vantaxe do PH é esa, que lle dá á planta dispoñibilidade aos elementos existentes no solo”, indica, pola súa banda, Albert.

O millo tolera PH entre 4 e 8 pero o ideal estaría entre 5,5 e 6,5

“Os chans en Galicia son entre ácidos e moi ácidos e iso significa que hai que encalar para aumentar o rendemento”, di. Pero o PH hai que medilo xusto antes de botar o millo, advirte, porque “varía ao longo do ano e se o medimos en febreiro e nos dá 5 cando realmente vaiamos botar o millo no mes de maio teremos un punto menos e estaremos en 4. Hai que medilo en varios puntos da parcela e facer unha media porque as análises de PH non é como facer unha análise de sangue, que é toda igual no corpo, o PH non é o mesmo en toda a parcela”, asegura.

3.- Escolla da variedade axeitada

Á hora de botar o millo, o primeiro factor que determina o resultado final é a escolla dun híbrido adaptado ás condicións da finca. “Non se trata de escoller o máis produtivo, senón o que vale para esa terra ou o que se pode facer nesa zona”, afirma Albert. Tamén Juan recomenda “elexir a variedade e os ciclos do millo en función do lugar onde estamos”.

A variedade debe ser a idónea para a capacidade hídrica do chan e para as condicións climatolóxicas da área xeográfica na que se atope a parcela e debe escollerse en función de factores como a temperatura e cantidade de precipitacións habituais ou de se dispoñemos ou non de rego.

O CIAM publica todos os anos unha actualización do valor agronómico das variedades comerciais máis empregadas en Galicia, o que axuda a elexir o híbrido máis adecuado a cada zona

Para facer a escolla Juan pide non fiarse só dos ciclos FAO e mirar o díptico que todos os anos saca o CIAM (vén de publicar o correspondente a este ano 2020) co valor agronómico actualizado das variedades de millo forraxeiro en Galicia, unha análise comparativa anual que se realiza desde o ano 1999 co obxectivo de avaliar o rendemento e calidade das variedades comerciais máis utilizadas polos gandeiros galegos. “Os ciclos FAO están moi ben pero adaptados á nosa zona, porque non é o mesmo os ciclos FAO en Lleida que aquí”, afirma, polo que considera máis axeitado analizar o indice de produtividade (IP) en función dos días que faltan até a data de ensilado prevista.

“O mellor millo é o que florece máis rápido, canto antes floreza mellor. En cada zona hai que aplicar as estratexias e escoller as mellores variedades para lograr que unha vez sementado o millo floreza o antes posible porque é a maneira de acadar sempre os mellores rendementos”, asegura Albert, que di que “cando o millo nace mal o agricultor ou o gandeiro sempre lle bota a culpa á semente, dicindo que a semente era mala, pero ela non ten a culpa. As sementes de millo que se comercializan xerminan por enriba do 90% porque así o marca a lei, pero aínda que varía anualmente sempre é maior a esa cifra e o nivel de xerminación do ano pasado foi do 97%, polo que como moito pode perderse un 3% da densidade sementada pola calidade da semente, pero non máis”, afirma.

4.- Condicións óptimas de temperatura

Millo na Mariña

Efectos do frío o ano pasado na colleita de millo na Mariña

O proceso de nacemento do millo pasa por varias fases: o grao hincha coa humidade, sae a radícula, o xerme punza e racha a pel do grao, o millo xermina e ao chegar á superficie sae a primeira folla. Nese proceso a humidade do chan e a temperatura son factores determinantes, por iso hai que facer unha boa escolla do momento en que se debe facer a sementeira.

Cando se bota, a semente en contacto co solo absorbe auga. Esta hidratación, que é máis rápida canto maior é a temperatura do chan en contacto co grao de millo, sendo a óptima entre os 8 e os 10ºC, é a que permite que naza a planta. É por iso que esta fase de absorción activa de auga, que dá lugar á actividade metabólica e a elongación da radícula, depende en grande medida das condicións de temperatura e osixenación do chan, polo que son as condicións agronómicas e climáticas e non o calendario os que deben guiar a escolla do momento no que realizar a sementeira.

En Galicia hai que comezar a sementar o millo cando a temperatura do chan que está en contacto co grao é de 10ºC, non antes

“A integral térmica do millo mídese a partir dos 8 grados, pero en Galicia cando mellores resultados se obteñen e cando a temperatura media está por riba dos 10 grados de maneira sostida, non serve que sexa un día só e logo baixe. A partir dese momento é cando hai que comezar a sementar o millo, non antes. Os 10º son medidos no chan, o que equivale máis ou menos a un par de grados máis no ambiente”, explica Juan. Numerosas aplicacións de información meteorolóxica, como Meteogalicia, permiten saber cal é a temperatura media diaria aínda que a fórmula para calculala é tamén doada: temperatura máxima do día + temperatura mínima e o resultado dividido entre dous.

O millo é sensible ao frío, pois durante a xerminación, por debaixo de 5ºC paralízase o crecimento do millo e morre por encharcamento

O millo é sensible ao frío en tres etapas do seu desenvolvemento: no nacemento, pois temperaturas inferiores a 5ºC poden provocar a morte da plántula durante a xerminación; cando ten entre 3 e 7 follas, pois neste estadio de crecemento cando a temperatura baixa de 15ºC mingua o medre da planta e diminúe a absorción de fósforo por parte das raíces, percibíndose unha cor violeta na planta; e durante a transición floral, cando conta con entre 8 e 10 follas, aproximadamente mes e medio despois de ser labrado o millo.

5.- Preparación da terra: que estea aireada e uniforme

rural_arado_millo_2Ademais da climatoloxía, outro dos factores esenciais para lograr un nacemento axeitado e homoxéneo do millo é unha boa preparación previa do terreo, que debe estar ben aireado para que a xerminación non se vexa obstaculizada e favorecer deste xeito o enraizamento do cultivo.

“A preparación do terreo debe facerse en función do cultivo anterior. Se ven dun cultivo de inverno, a poder ser que teña leguminosas porque enriquece o terreo, hai que laborear a 20-25 centímetros de profundidade mediante volteo”, explica Juan. Non se recomenda facer un laboreo máis profundo porque estariamos empobrecendo a terra ao traer á superficie terra con menor cantidade de materia orgánica.

Hai que traballar ben a terra para desfacer as raíces do raigrás porque os terróns na superficie de máis de 5 centímetros actúan de obstáculo para o nacemento da planta

Pero que o arado non sexa moi profundo non quere dicir que a terra non teña que estar ben traballada, xa que o chan debe estar ben removido e triturado para que as raíces do cultivo previo (por exemplo de raigrás, o máis frecuente en Galicia) non entorpezan a expansión das raíces do millo. Ás veces hai pouco tempo para facer este laboreo porque se apura o último corte de herba para ensilar e hai pouco tempo a preparar as terras e ese é un erro habitual que mingua o rendemento das colleitas de millo nas parcelas.

Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro. A preparación da parcela debe facerse con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada para evitar a compactación, que diminúe o rendemento da colleita entre un 10 e un 15%

“Hai que vixiar ben a preparación do chan para que a terra estea en óptimas condicións para recibir ese grao que lle imos aportar. O millo debe nacer nunha terra sen pisar e a calidade do traballo de labranza inflúe no resultado obtido. Nunha hectárea o millo vai crear até a floración entre 8.000 e 10.000 quilómetros de raíces e co manexo que fagamos do chan podemos axudarlle nese proceso ou dificultarllo. Cada vez que unha roda pasa sobre a terra pisa o chan e se pisa, compacta. A partir das 5 follas veñen as raíces definitivas e onde está o chan pisado entran con moita máis dificultade, o que provoca un rendemento de entre un 10 e un 15% menos onde o chan está pisado”, asegura Albert, polo que recomenda facer a preparación da terra con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada. “Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro”, di. O traballo da terra debe ter en conta as condicións específicas do chan que se vai cultivar, sabendo que os solos limosos son máis pesados e reteñen máis auga, polo que tamén son máis proclives á compactación e á aparición de terróns.

6.- A profundidade á que se bota: que garanta humidade

O millo seméntase habitualmente a unha profundidade de entre 4 e 5 centímetros. Unha sementeira máis superficial provoca maiores ataques por parte dos paxaros e mesmo dos xabaríns e tamén un menor desenvolvemento das raíces nodais da planta, o que favorece posteriormente un maior risco de encamado. Ademais, a menos de 2 centímetros de profundidade as plantas novas son máis vulnerables aos tratamentos fitosanitarios (herbicidas) e a factores de estrés climático (calor extremo e seca hídrica). Pola contra, se a sementeira se fixo profunda de máis o grao de millo precisará de maior enerxía para emerxer e alcanzar a superficie, algo que lle levará tamén máis tempo.

Juan propón decidir a profundidade da sementeira en función da parcela e tamén en función de como veña o tempo. “Pode sementarse entre 3 e 5 centímetros se se esperan chuvias nos días seguintes e ir até 6-7 se vai haber tempo seco”. Tamén recomenda “pasar un rulo se se vai a profundidades maiores de 5 centímetros e temos o terreo seco porque así favorecemos a capilaridade do terreo”, explica.

Se se prevén chuvias nos días seguintes pode sementarse a partir de 3 centímetros, se hai seca e se vai a profundidades superiores a 5 centímetros é convinte pasar un rulo para facilitar a capilaridade do terreo

Albert máis que falar dunha altura concreta, prefire dicir que debe ser aquela que fai que o grao estea en contacto coa terra húmida (“iso é o principal”,di), o cal significa tamén, ao seu xuízo, que a profundidade de sementeira debe ser un factor variable dependendo do tipo de chan ou da climatoloxía prevista.

7.- A velocidade de sementeira debe ser lenta

Sementeira-Millo-forraxe-Cetal-Para garantir que a profundidade de labrado sexa regular, é imprescindible que a terra estea uniforme e ben traballada e que a maquinaria que fai a sementeira non teña defectos ou fallos de mantemento. Tamén é necesario labrar lentamente, a unha velocidade axeitada. “A velocidade de sementeira non pode ser moi alta para que toda a semente quede á mesma altura e á mesma distancia. Hoxe hai máquinas que fan agricultura de precisión a máis de 10 km/hora pero tal como se traballa en Galicia, en agricultura tradicional e laboreo convencional, a máis de 7-8 quilómetros por hora non deberiamos ir”, afirma Juan.

“A velocidade da sementeira é o máis complicado de facer entender ao agricultor e de conciencialo. Porque o tempo vale cartos e pensa que o resultado é o mesmo pero non é certo. Cando a sementadora abandona a parcela o traballo está feito, pero pode estar mal feito. O argumento de venda da maquinaria moderna moitas veces é que se pode sementar a 10, 11 ou 12 quilómetros por hora. Si, tamén se pode sementar a 30 quilómetros por hora se queres pero facendo un mal traballo. Un bo traballo coa mellor das máquinas sementadoras e nun chan perfecto dáse a 10 quilómetros por hora como moito”, di Albert.

A diferenza entre ir a unha velocidade curta ou non vese despois no nacemento homoxéneo nas ringleiras, con difrenzas no rendemento final das parcelas de até 2 toneladas de materia seca por hectárea

A maioría das explotacións galegas fan a sementeira a través de empresas de servizos que acumulan unha importante carga de traballo en pouco tempo, polo que é necesario apurar os traballos para poder atender, co menor número de máquinas e empregados, ao maior número de clientes. Tamén o gandeiro que contrata paga por tempo. “Pero o que sementa normalmente non mira despois o resultado, a quen lle importa é ao gandeiro”, razoa.

“Se de cinco graos consecutivos hai tres con máis dun 30% de diferenza na altura de sementeira iso quere dicir que a sementeira foi mal feita”, opina. “Todas as sementadoras son boas, pero unha sementadora que semente ben moi rápido non existe”, di. O rendemento final baixa cando se aumenta a velocidade de sementeira, asegura. “Coas sementadoras modernas hai un 9,7% menos de rendemento en toneladas recollidas cando se incrementa a velocidade de sementeira de 8 a 12 quilómetros por hora, o que traducido en silo quere dicir que facemos 5,6 toneladas menos con un 2,2% máis de materia seca indo un pouco máis despacio”, destaca.

8.- Densidade de grao variable

A relación existente entre unha semente=unha planta=unha mazorca fai que a densidade de pés de millo marque tamén o rendemento da parcela. A finalidade da colleita determina o número de graos que se botan, co cultivo máis mesto cando o seu destino final é o ensilado e coas plantas máis espaciadas cando se colleita para grao.

A densidade vén determinada tamén pola variedade labrada e polo potencial que teña a parcela para a retención da auga ou dos nutrintes dispoñibles. Juan recomenda labrar cunha densidade de entre 90.000 e 100.000 pés por hectárea se se vai a ciclos longos sementados a principios de maio, porque “son plantas máis grandes e precisan máis espazo”, di, e aumentar a 100.000-110.000 plantas por hectárea en caso de ir a ciclos máis curtos.

Para ensilado empréganse densidades maiores que para colleitar en grao aínda que o número final de plantas por hectárea depende da variedade escollida, o potencial da parcela e as perdas que se produzan

A densidade debe adaptarse en función de factores propios da variedade que escollamos pero tamén en función das condicións propias de cada parcela ou da época de sementeira. “A densidade variará en función do híbrido que botemos pero tamén da terra na que o botemos, a densidade hai que escollela en función do potencial da parcela e nas parcelas que dan rendementos altos pódese botar un pouco máis de grao”, di Albert. “Se se rega o rendemento tamén é máis alto, polo tanto, sempre máis plantas. Hai que xogar coa densidade en función do produtiva que sexa a finca e só debe haber unha mazorca por pé, polo que se vemos plantas con dúas mazorcas hai que aumentar a densidade ao ano seguinte até que haxa só unha mazorca por planta, iso é o ideal”, engade. Por iso, di, a densidade que hai que mirar non é a densidade de sementeira, senón a densidade final da mazorcas que deu a finca. “A densidade de sementeira debe escollerse en función da densidade de mazorcas que queremos obter”, indica.

Se se labra cedo sempre hai máis rosquilla e máis perdas por baixas temperaturas, polo que hai que botar un pouco máis de grao para contrarrestar iso

Do número de graos labrados ao número final de plantas colleitadas estímase unha perda de entre o 5 e o 8% entre sementes non xerminadas, pragas, etc. O nivel das perdas varía en función das parcelas e increméntase nas sementeiras temperás, polas baixas temperaturas ou por unha maior exposición aos ataques das pragas. “Se se labra cedo hai que incrementar a densidade de grao, porque sempre hai máis rosquiña e máis insectos, polo que hai que sementar un pouco máis para contrarrestar esas perdas”, argumenta.

9.- Abonado: o necesario para o crecemento pero sen botar de máis

La granja ubicó las fosas de purín cerca de la mayoría de fincas.

O purín aporta nutrintes e permite aforrar mineral

“O millo é a única planta que se pode labrar ano tras ano nas mesmas parcelas con bos rendementos, sen que estes descendan polo feito de labrar nos mesmos lugares”, afirma Albert. Pero iso pasa por “alimentar” axeitadamente ás plantas. “Hai dúas alimentacións, unha vai na fertilización, nos nutrintes do chan e os abonos que engadimos, e a outra na auga. As dúas funcionan en conxunto, pero é necesario facer ben os cálculos de encalado e abonado para botar unicamente a candidade de nutrintes que é capaz de consumir a planta para evitar o lavado de nitróxeno, que é algo que prexudica o medio ambiente pero que tamén prexudica o peto do agricultor”, di.

Tamén Juan insiste en que “é bo que o gandeiro saiba que elementos nutritivos ten que aportar e en que momento e iso dillo o analise de terra”, asegura. Destaca que a práctica máis habitual en Galicia, a de fertilizar mediante abono orgánico esparexendo esterco ou purín de vaca ou de porcino nas parcelas antes do seu laboreo é algo “moi interesante” e que permite aforrar cartos. Este técnico do CIAM remite ás recomendacións que Mabegondo fai na súa páxina web sobre como aplicar estes abonos en función da súa riqueza. “Só medindo a densidade do noso purín xa podemos saber a calidade que ten e a cantidade que necesitamos aportar e se non nos chega podemos suplementar con mineral”, explica.

A planta precisa de fósforo na súa fase inicial, nitróxeno e potasio para o seu crecemento e a carencia de manganeso provoca falta de grao na mazorca

“Con purín ou esterco o fósforo e o potasio non son un problema, pero hai que ter coidado cos aportes de nitróxeno para non provocar queimaduras na planta, o que mingua o rendemento”, argumenta Albert. Ao seu xuízo, “o máis complicado é a fertilización en fósforo, que é vital para o millo ao principio, ao comezo da crescencia. O millo come o fósforo por difusión, é dicir, as raíces aprovéitano se está a un milímetro da raíz, senón non o absorve, por iso eu recomendo sempre usar abono starter localizado, porque os grandes rendementos lógranse sempre con aportes de fósforo localizado ao pé do grao de millo, subministrado mediante microgranulado no momento da sementeira. É máis importante iso que o tipo de abono, con pequenas diferencias todos son bos e nos chans de Galicia ademais hai moito ácido fosfórico, polo que o fósforo é pouco problemático e só hai que facer un pequeno aporte ao principio. Hai anos nos que se o solo é rico e veñen condicións climáticas axeitadas de sol e auga o abono stárter non é necesario, pero é unha garantía para anos nos que estas condicións non son as óptimas”, explica.

“Os fertilizantes químicos é unha das cousas que máis se está traballando agora. Antes empregábase o abonado de fondo e o de coberteira, pero agora xa hai abonos de liberación lenta, que permiten meter todos os compoñentes na terra e que se vaian liberando lentamente”, describe pola súa banda Juan. O millo precisa o nitróxeno, o fósforo, o zinc, o magnesio, o manganeso ou o potasio en cantidades distintas en función da fase de crecemento no que se atope. O potasio, por exemplo, só é necesario durante o crecemento da planta, polo que a partir da floración non é preciso.

10.- Insecticidas e herbicidas: con moderación e no momento xusto

Gusano del alambre en la raíz de una planta de maíz

Verme do arame na raíz dunha planta de millo

Xunto ao abono starter, Albert recomenta usar tamén no momento de sementar un insecticida contra pragas coma a do verme do arame. Hai abonos microgranulados que xa inclúen este plaguicida. Outros tratamentos, como o da rosquilla, habería que aplicalos cando apareza a praga.

Tamén os herbicidas deben ser aplicados no momento xusto e nas doses axeitadas. “Cando as fincas están paradas no inverno moitas veces non queda máis remedio que empregar un herbicida de presembra. Nese caso hai que mover ben a terra despois para que se distribúa polo terreo. No caso dos tratamentos de preemerxencia, que se aplican despois de sementar, se fai sol e calor esa capa protectora que impide que saia a herba viase deteriorando pola luz, polo que se chove un pouco funciona mellor porque esa auga fixa o herbicida no chan, entra uns 2 centímetros no terreo e aguanta máis tempo”, explica Juan.

O herbicida de preemerxencia é bo botalo cando hai barruzo para que se fixe na terra e dure máis mentres o insecticida debe aplicarse sen chover e á tardiña para evitar que se evapore co sol

Os distintos produtos usados para os tratamentos inclúen moitas veces advertencias de toxicidade a respecto de doses ou fases de aplicación en función do desenvolvemento que teña a planta de millo. “A primeira folla do millo ten o cabo redondo e é a única folla do millo con esa forma, a partir de aí son todas puntiagudas. Esa folla redonda tamén a hai que sumar cando se contan as follas do millo para decidir cando aplicar os tratamentos fitosanitarios e moitas veces non se ve porque desaparece ou seca”, advirte Albert.

Para el esa primeira folla é moi importante, porque “é un indicativo do estado da planta”. “Se esa primeira folla con forma redondeada chega verde á floración da planta significa que ese millo non pasou ningún episodio de estrés desde que naceu e durante todo o seu crecemento, porque senón estaría xa seca. Cando o 80 ou 90% das plantas dunha parcela teñen esa primeira folla verde quere dicir que a colleita vai achegarse ao rendemento máximo posible e que nesa parcela cando fagamos o silo teremos entre 55 e 60 toneladas de materia verde por hectárea e entre 14 e 16 toneladas de grao”, asegura.

Vixiar máis a planta: cara a xestión integral do cultivo de millo en Galicia

Igual que acontece na gandaría coa aplicación de antibióticos con carácter preventivo previo á aparición de enfermidades no gando, na agricultura tamén se camiña cara a limitación dos tratamentos fitosanitarios previos á aparición de pragas e malas herbas. “Hai que tender a facer unha xestión integral do cultivo do millo, estamos obrigados a avanzar niso desde o 2015 por unha normativa europea. A Xunta está decidida a que se aplique en Galicia e aínda que non se vai incorporar de xeito inminente, si que é bo que os que botan millo o vaian coñecendo de cara a aplicalo nas vindeiras campañas”, explica Juan.

A xestión integral de cultivos implica ter que vixiar moito máis a planta e estar moito máis atento á aparición de enfermidades e pragas para poder tratalas co produto específico. “O gandeiro vai ter que converterse en agricultor”, describe. “O que se pretende é que os insumos de fitosanitarios se reduzan e se xestionen moi ben. Hai que usar os herbicidas con cabeza e para iso hai que coñecer as malas herbas que tes no campo e hai que identificalas cando son moi pequeniñas. Até agora empregáronse moito os herbicidas de preemerxencia pero iso vai ser o pasado. O futuro pasa por vixiar o campo, coñecer a mala herba en estado de plántula e escoller o herbicida adecuado e aplicalo contra ela”, argumenta.

Do mesmo xeito, tamén avanza que esa futura xestión integrada implica que non se deben aplicar os insecticidas cando se sementa, senón tamén botalo cando aparece a praga. “Iso obriga a estar moi enriba dos cultivos e moito máis pendente deles porque hai pragas que avanzan moi rápido, por exemplo o verme gris, que aparece un día e ao día seguinte xa tes unha infectación moi grande. No caso do verme do arame non sería posible tratalo deste xeito polo que se prevemos que nesa parcela imos ter verme do arame hai que tratar antes porque unha vez que aparece é complicado”, indica.

Información nas cores das follas

Millo con carencia de fósforo

Millo con carencia de fósforo

Tamén Albert é partidario de que os agricultores e gandeiros coñezan tanto a planta do millo como as enfermidades que lle afectan para así entender mellor o seu cultivo e sacarlle un maior rendemento. “A mazorca, por exemplo, fórmase á metade das follas totais da planta, polo que un millo de ciclo curto 300 que ten en total 15 ou 16 follas comezará a formar a base da mazorca cando teña 7 ou 8 follas. A partir dese momento, é dicir, cando o millo está no proceso de formación da mazorca, é un momento delicado no que hai que vixiar o millo porque é sensible aos distintos factores meteorolóxicos (frío, calor, falta de auga). A xente non sabe iso, igual que se esquece de que o millo é unha planta tropical e de que no trópico hai 12 horas de luz solar. Por iso se 8 días antes da floración, que é cando o millo comeza a engordar a mazorca, veñen 2 ou 3 días sen sol iso será un factor prexudicial para moitos tipos de millo. Igual que se falta auga cando ten 12 follas e está formando a mazorca, porque fará menos fillas e menos graos por fila, polo que haberá unha perda de rendemento asegurado”, exemplifica.

A cor amarela denota falta de nitróxeno ou de potasio, o violeta carencia de fósforo, se a planta se pon branca falta zinc e cando as follas teñen raias é un problema de necesidade de magnesio ou manganeso

A cor do millo tamén aporta información, asegura. “O millo é verde e cando cambia de cor estanos dando unha información sobre o seu estado e a súa saúde: cando ten falta de nitróxeno, por exemplo por competencia con malas herbas, a folla vólvese amarela e seca en forma de V co vértice no punto onde a folla se une co tallo; á inversa cando ten falta de potasio, no que ese V (que nalgúns híbridos en vez de amarelo vólvese vermello) ten a punta cara a punta da folla. Cando falta fósforo a folla vólvese violeta; con falta de zinc a planta ponse branca; a carencia de magnesio e manganeso móstrase en forma de raias con puntos nas follas pero cando se trata de magnesio as follas máis baixas da planta son sempre máis débiles e secan, mentres cando a carencia é de manganeso (que provoca falta de grao na mazorca) as follas da base da planta pola contra están verdes. Estas carencias son sempre problemáticas cando se dan antes da floración, despois teñen menor importancia por atoparse o millo xa na súa última fase de desenvolvemento. É como cando unha persoa ten algún achaque na última parte da súa vida”, compara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información