As enerxías renovables permitirían aforrar máis de 2.000 euros nas granxas

O proxecto europeo Resfarm, no que participa Agaca, pon de manifesto as posibilidades que terían nas explotacións galegas sistemas como a solar fotovoltaica, a solar térmica ou as caldeiras de biomasa

As enerxías renovables permitirían aforrar máis de 2.000 euros nas granxas

Granxa alemá con paneis solares.

Cada explotación láctea galega gasta de media arredor de 300 euros ó mes en electricidade, o que supón un gasto anual que ronda os 3.600 euros. Son datos medios procedentes de máis dun cento de auditorías enerxéticas que desenvolveu a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) en granxas de leite. Agaca, que participa xunto a outras entidades galegas e do resto de Europa nun proxecto, Resfarm, para impulsar as enerxías renovables no agro, calcula que boa parte das explotacións poderían chegar a aforrar máis de 2.000 euros ó ano coas renovables.

Os cálculos enfócanse a instalacións de autoconsumo e que non lle aporten enerxía á rede eléctrica, unha cuestión penalizada vía impostos. Sobre esa base, os distintos sistemas de enerxías renovables teñen posibilidades de uso en Galicia.

Solar fotovoltaica ou térmica
Así, a enerxía solar fotovoltaica, de produción de electricidade, presenta interese para facer fronte a gastos de iluminación, ventiladores, tanque de frío ou bombas de regadío. “Os problemas de seca que se detectan nos últimos veráns nos cultivos forraxeiros poderían solventarse con instalacións de rega alimentadas por paneis fotovoltaicos”, valora Mario Fernández, técnico de Agaca.

Tamén a solar térmica, para quentar a auga, tería uso nas explotacións lácteas. “Podería aforrarse arredor dun 30% do gasto de gasóleo da caldeira. Cada explotación pode consumir de media arredor de 400-600 litros de auga quente ó día para limpeza”, sinala Mario Fernández. “Se collemos o caso dunha granxa de 180 vacas que consuma 600 litros ó día, podería aforrar só coa solar térmica uns 600 euros ó ano”, calcula. “A instalación ten un custo duns 10.000 euros e estaría amortizada en 14 anos”, valora.

Para o caso dunha instalación solar fotovoltaica, o custo para 30 kilowatios ronda os 30.000 euros, pero estaría amortizada en 12 anos, cun periodo de vida útil de 25 anos.

Eólicos
Existen outras opcións no mercado, como a instalación de pequenos aeroxeneradores eólicos, se ben estes sistemas precisarían dun mantemento profesional e xeran inconvintes, coma o ruído. “Un pequeno aeroxenerador de 10 kilowatios, nun emprazamento no que sopre un vento de 5 metros / segundo, pode xerar de media uns 18.000 kilowatios hora ó ano, o que cubriría gran parte do consumo dunha granxa de leite media en Galicia, que gasta arredor de 25.000 kilowatios hora ó ano”, detalla o técnico de Agaca.

Biomasa
Para explotacións intensivas, como as de polos ou porcino, a utilización de caldeiras de biomasa para calefacción podería permitir tamén aforros, que se estiman entre un 35 e un 40%. “As mellores solucións que definimos para Galicia no marco do proxecto Resfarm son fotovoltaica para rega e ventilación, e caldeiras de biomasa para calefaccións de granxas intensivas”, conclúe Mario Fernández.

O proxecto Resfarm, que implica a outras entidades galegas, como o Sindicato Labrego ou Unións Agrarias, así como a socios do resto de Europa, está previsto que conclúa a final de ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información