Encontro da presidenta da Inlac, Charo Arredondo, con gandeiros galegos

A responsable da Interprofesional Láctea, que acudiu a Galicia convidada polo Sindicato Labrego, anuncia que convocará en setembro a organizacións agrarias, cooperativas e industrias para abordar "os baixos prezos do leite"

Encontro da presidenta da Inlac, Charo Arredondo, con gandeiros galegos

Instante da reunión celebrada onte en Santiago na que participou a presidenta da Inlac, Charo Arredondo.

A presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo, mantivo un encontro en Santiago cun grupo de medio cento de gandeiros e a dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego, organizador do acto.

Durante o encontro, Arredondo, que é unha gandeira cántabra que forma parte tamén da executiva da organización agraria COAG, ligada ó Sindicato Labrego Galego, abordou algunhas das cuestións claves para o sector, como son os baixos prezos que seguen dominando as relacións comerciais entre granxas e industrias. Precisamente, Galicia e Cantabria son as dúas comunidades nas que o prezo medio do leite é máis baixo: 31,3 e 31,4 céntimos por litro respectivamente.

Arredondo reivindicou a necesidade de actuar ante esta situación, apuntando que “non serve de nada debater interminablemente sobre o tema se non se acordan solucións para atallalo”. Por iso, a presidenta da Inlac adiantou que convocará en setembro ós diversos axentes que forman parte da Inlac (organizacións agrarias, cooperativas e industrias) para falar dos prezos e atopar solucións de consenso para que alomenos as granxas poidan cubrir custes de produción.

Anular a norma que obriga a enterrar os xurros

No encontro cos gandeiros tamén participou o investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), Juan Castro, que abordou a normativa que obriga ás granxas de vacún a enterrar os xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmósfera.

En base ás súas propias indagacións e recompilación de datos, Castro indica que os principais emisores de amoníaco á atmosfera no Estado Español son comunidades como Castela e León e Cataluña e, en concreto, o sector do porcino intensivo. Este último é o responsable de case o 44% das emisións de amoníaco en España, mentres que o vacún de leite emite o 9’9%. E aínda dentro do sector de vacún, as estatísticas non distinguen entre as ganderías que seguen un modelo intensivo e as que optan por outro máis sostible en base a pastoreo, polo que o dato tamén podería variar.

Castro apunta que hai outras boas prácticas no sector que son máis efectivas que os inxectores

Dende este punto de vista, o investigador non entende que na Política Agraria Común (PAC), España forzase a introdución da obriga de aplicar os xurros enterrándoos con inxectores, cando a Unión Europea non obrigaba a iso, e cando os datos indican que as granxas que terán que acometelo son as máis sostibles e que menos emisións causan. Castro explicou que aínda se está a tempo de impedir a aplicación desta normativa, non vixente en ningún outro país da Unión Europea, pero o investigador referiu que, polo de agora, só atopou a desidia do Ministerio de Agricultura -que nin sequera ten unha guía de boas prácticas para minimizar a emisión de gases para o sector lácteo- e da Xunta, que non presentou alegacións á norma.

O investigador argumenta que enterrar xurros co obxectivo de diminuír as emisións de amoníaco non ten ningunha base científica. Castro aludiu a outras boas prácticas no sector -como pasar a grade de discos cando se bota o xurro, ou estendelo cando orballa-, que son máis efectivas que os inxectores, maquinaria que xa adquiriron no CIAM para probala e que nos test realizados ficou demostrada a súa ineficacia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información