Ence primará a compra de madeira en couto redondo

As primas varían entre 1 € tonelada, para un mínimo de 10.000 toneladas, e os 4,5 euros para máis de 10.000 toneladas. Promagal considera que “o sistema non funcionará”

Ence primará a compra de madeira en couto redondo

Madeira de eucalipto nun cargadoiro.

Ence ven de publicar as novas tarifas para a compra de madeira de eucalipto vixentes a partir do 1 de xullo. A principal novidade é que a empresa ofrece unha prima de ata 4,50 Euros por tonelada de madeira comprada para aqueles propietarios que traballen baixo o esquema de couto redondo, é dicir, a aqueles propietarios de terreos adxacentes que coordinen as tarefas e maila planificación do desenvolvemento dos seus cultivos, así como o aproveitamento e a venda da madeira.

“Canto maior sexa a cantidade de madeira existente no couto redondo, maior será a prima”, salienta ENCE nun comunicado. O couto redondo mínimo debe achegar 1.000 toneladas de madeira. A prima, neste caso, sería de un euro por tonelada. A partir de aquí, e canto maior sexa a cantidade de madeira do couto redondo, maior será a prima. Ata acadar os 4,5 euros por tonelada de prima, que se lles ofrece aos produtores que establezan un couto redondo no que haxa máis de 10.000 toneladas de madeira.

A empresa pasteira salienta que “mediante o couto redondo, os produtores manteñen a propiedade dos seus terreos; comparten determinadas tarefas e venden a súa madeira ao mesmo tempo”. Cada un dos produtores factura e ingresa a súa propia madeira.

“Esta solución, ao non interferir en cuestións de máis complicada xestión coma as relativas á propiedade da terra, pode ser unha ferramenta moi importante para xestionar problemas da explotación forestal coma os causados polo minifundismo e mellorar a competitividade”, subliñan dende ENCE.

Prímase a dobre certificación e refórzase a indexación ao prezo internacional da pasta de papel

Outra das novidades das novas tarifas de ENCE é que cambian as primas por certificación, iguálandose a prima para monte PEFC e para FSC, que ata o de agora era máis primada. A salientar tamén que se prima máis a dobre certificación cos dous selos (PEFC e FSC).

Ademáis, o propietario cobrará máis cando haxa unha evolución positiva do prezo internacional da pasta de papel. É dicir, refórzase a indexación da prima correspondente ao prezo internacional da pasta de papel. Así, se antes a prima subía cada tramo de 0,50 en 0,50 €, agora faráo de euro en euro.

Valoración de Promagal

Pola súa parte, as asociacións forestais da Mariña, agrupadas en torno a Promagal, consideran que os prezos reais que lles pagará ENCE pola tonelada de eucalipto non van variar e amósanse moi escépticos sobre o funcionamento dos coutos redondos.

Así, o secretario de Promagal, Ramón Reimunde, lembra que “xa se realizou un ensaio o ano pasado de coutos redondos en Alfoz, Barreiros e Trabada e non funcionaron”. Atribúe o seu fracaso a que “é difícil poñer de acordo a dez ou quince propietarios e xuntar un mínimo de 1.000 toneladas”. Ademais, advirte de que para crear un couto redondo “hai que realizar moitos trámites burocráticos e, coas penalizacións que ENCE fixa nos contratos, ao final o prezo non varía”.

Así, explica que “no mellor dos casos, neste momento estamos cobrando a tonelada a 29 euros por tonelada, máis o IVE, e cos novos contratos que propón ENCE, no mellor dos casos pasaríamos a cobrar 30 €”.

2 ideas sobre “Ence primará a compra de madeira en couto redondo

  1. guillermo pino guisado

    Ence non respeta as comunidades talando nos seus montes sin previo aviso e sin contrato…e o que esta facendo estes dias na c.v.m.m.c.de Bugarin en Ponteareas.

    Contestar
  2. Julio Aneiros

    ENCE non prima nada, o € que lle dá o propietario sácallo os equipos de traballo do monte.!!
    a ENCE a madeira sáelle o mesmo prezo. Pode ser unha publicidade engañosa?
    ¿ Porqué non se dice esto nas noticias de prensa?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información