¿En que se transforma o leite que se produce en Galicia, en España e en Europa?

Resumo do relatorio de Jorge Santiso na xornada da asociación Terra e Leite sobre “O sector industrial en Galicia e España: Evolución recente e perspectivas de futuro”

¿En que se transforma o leite que se produce en Galicia, en España e en Europa?

O 44% do leite galego sae de Galicia en cisternas sen transformar

Galicia é a primeira potencia produtora de leite de España, con algo máis de 2,6 millóns de toneladas producidas no ano 2016, e é a novena rexión produtora da Unión Europea.

Sen embargo, boa parte do leite producido en Galicia non se transforma na comunidade en produtos de maior valor engadido, senón que viaxa en cisternas cara outras partes de España, unha tendencia que mesmo se incrementou nos últimos anos e que explica en boa medida o menor prezo que perciben os gandeiros galegos respecto aos doutras partes do Estado e tamén do resto da Unión Europea.

Esta é unha das conclusións informe presentado polo profesor de Economía e Política Agraria da Universidade de Santiago, Jorge Santiso, na xornada organizada recentemente pola asociación Terra e Leite sobre “O sector industrial en Galicia e España: Evolución recente e perspectivas de futuro”.

En 2016 o 44% do leite galego exportouse en bruto en cisternas a outras Comunidades

En concreto, Jorge Santiso explicou que, segundo os datos do Fega e da Enquisa Industrial Anual de Produtos elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2016 producíronse en Galicia 2,6 millóns de toneladas de leite de vaca, e tan só se importaron de fóra da comunidade 50.000 toneladas.

Sen embargo, 1,15 millóns de toneladas, o 44% do leite producido en Galicia, exportouse directamente en cisternas para ser transformado noutras Comunidades Autónomas ou noutros Estados. É dicir, enviouse en bruto do tanque da gandería para ser transformado fóra, sen deixar maior valor engadido en Galicia.

En canto aos 1,5 millóns de toneladas, o 56% restante, que si se transforma en Galicia, os datos aportados polo profesor Jorge Santiso revelan que no 2016 arredor do 66% , 1 millón de toneladas, foi envasado como leite líquido, batidos e nata.

Séguenlle en importancia as 215.000 toneladas -o 14% do leite que se transforma en Galicia- que se destinaron á industria queixeira, fundamentalmente para as Denominacións de Orixe Galegas pero tamén para outras como Queserías Entrepinares. En terceiro lugar, sitúase a elaboración de leite condensado e concentrado, que absorveu 110.000 toneladas, sobre todo grazas á planta de Nestlé en Pontecesures, especializada na elaboración de leite condensado.

E xa a máis distancia, outras transformacións na Comunidade foron o leite en pó e manteiga (75.000 toneladas), leite e tona vrac (40.000 toneladas) e iogures e sobremesas lácteas (35.000 toneladas), das plantas de Clesa e de Larsa.

TERRA_LEITE_SANTISO_1

A que se dedica o leite de vaca producido en España?

Os datos de en que se transforma o leite galego contrastan cos do conxunto de España e da Unión Europea. Así se reflicte na información facilitada durante a xornada de Terra e Leite por Josefa Lueso Sordo, subdirectora xeral de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura.

Así, mentres que en Galicia destínase a leite e nata de consumo directo, os produtos de menor valor engadido e con tendencia de consumo á baixa, arredor do 66% do leite que se transforma na Comunidade, pola contra, no conxunto de España esa porcentaxe baixa a arredor do 53%.

No caso dos queixos de vaca a diferencia tamén é importante: mentres que no conxunto de España o 20% do leite que se transforma vai para queixos, en Galicia esa porcentaxe baixa ao 14%.

TERRA_LEITE_SANTISO_2

Na media da Unión Europea só o 26% do leite se destina a consumo directo ou a nata

Pero onde máis se percibe a diferenza do sistema produtivo -algo que tamén repercute nos prezos ao gandeiro- é cando se comparan os datos de Galicia e de España cos da media da Unión Europea, indicativos tamén de por onde van as tendencias de consumo de produtos lácteos.

Así, segundo a información aportada por Josefa Lueso Sordo a partir dos datos de Eurostat e do propio Ministerio de Agricultura, na media da UE durante este ano só 15% do leite se destinou a consumo directo e o 11% a nata de consumo directo; é dicir, un 26% fronte ao 53% de España ou ao 66% de Galicia.

Pola contra, a industria láctea europea, máis orientada tamén á exportación, destina o 33% do leite de vaca a transformalo en queixo, e o 22% para manteiga, produtos de maior valor engadido e máis exportables.

TERRA_LEITE_SANTISO_3

O leite industrializado en Galicia baixou en 2016

Como notas á evolución do leite procesado en Galicia nos anos 2015 e 2016, Jorge Santiso conclúe que:

-Hai un retroceso do leite procesado na Comunidade. En Galicia procesáronse 130.000 toneladas de leite menos no 2016 que no ano 2015.

-Esta caída do leite procesado na comunidade débese en gran medida a que Galicia asume boa parte da caída do leite envasado de España (115.000 das 175.000 toneladas en que baixou o consumo de leite líquido no Estado en 2016).

– A produción de queixos en Galicia no ano 2016 estivo estancada, mentres en España aumentaba un 10%.

TERRA_LEITE_SANTISO_4

A industria láctea galega ten un diferencial de prezos negativos respecto á española

Outra das conclusións do informe presentado polo profesor Jorge Santiso na xornada de Terra e Leite foi que a maior especialización da industria láctea galega en produtos de menor valor engadido, sobre todo leite líquido, leva tamén a que os prezos medios que percibe a industria da distribución tamén sexan inferiores, algo que se acaba trasladando aos gandeiros.

Así, mentres que no leite envasado a industria láctea galega percibe de media 0,49 euros por litro, en España de media sitúase en 0,56. Algo que se acentúa máis no leite procesado: a industria láctea galega vende estes produtos a unha media de 0,56 €/Kg mentres que no conxunto de España elévase a 0,85 €.

TERRA_LEITE_SANTISO_5

Oportunidades de mercado para o leite galego: elaboración de máis queixo, sobre todo para a exportación, e de leite en po e manteiga

En canto ás alternativas de mercado para o leite galego, Jorge Santiso fixo un repaso pola situación dos distintos derivados lácteos:

-Non é posible reducir máis as importacións de cisternas de leite doutros países porque prácticamente xa non as hai.

-En canto á redución do déficit de queixos (España importa moito máis queixo do que exporta), Santiso asegurou que “seguir aumentando as exportacións pode ser un obxectivo asumible; pero reducir as importacións parece mais dubidoso pola presión dos países exportadores, por competencia en prezos ou polas pautas de consumo consolidadas”.

-A opción máis realista para o profesor Jorge Santiso é a aposta por transformar o leite galego en produtos industriais -sobre todo leite en poo e manteiga- tanto para o mercado exterior como para o mercado interno Español.

Jorge Santiso: “Para fabricar produtos lácteos industriais é precisa unha estratexia de colaboración entre gandeiros e industrias”

“A fabricación de leite en po e manteiga é residual no sector lácteo español, o que fai que haxa un déficit estrutural de leite en poo dunhas 50.000 toneladas anuais, que en equivalente en leite líquido son unhas 500.000 toneladas”, explicou Santiso.

Neste sentido, destacou que existe a posibilidade de substituír estas importacións por produción galega, e ademais, existen oportunidades adicionais de exportación.

Pero para apostar por esta estratexia de diversificación do sector lácteo galego coa transformación en produtos lácteos industriais, Jorge Santiso subliñou que “este mercado que non se pode abordar sen unha estratexia de colaboración entre produtores e industria, só posible asumindo retos de organización”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información