¿En que Comunidades aumentou máis a produción de leite en 2017?

Galicia consolida o seu liderado na produción, co 37,9% do leite producido en España entre xaneiro e novembro do pasado ano, e un incremento do 2% respecto de 2016. As comunidades onde máis sobe a produción son Andalucía, Castela e León e Castela a Mancha, mentras que baixa en Asturias

¿En que Comunidades aumentou máis a produción de leite en 2017?

Muxindo en ganderías As Travesas SC

A produción de leite en España creceu un 1,81% en 2017, segundo os datos de entregas publicados este mércores polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) relativos ao mes de novembro.

Así, e a falta dos datos de decembro, entre xaneiro e novembro os gandeiros españois entregaron á industria 6,428 millóns de toneladas de leite, o que supón un incremento respecto dos 6,314 millóns entregados no mesmo período de 2016.

Pero, ¿Cales son as Comunidades Autónomas nas que máis está a crecer a produción de leite de vaca?

Evolución da produción de leite de vaca por Comunidades Autónomas:

Comunidade Xaneiro-Novembro 2016 Xaneiro-Novembro 2017 Incremento
Asturias 516637 ton 513947 ton -0,52%
Castilla y León 794629 ton 818995 3,05%
Cataluña 674723 682628 1,17%
Andalucía 479354 500104 4,33%
Cantabria 403604 406431 0,70%
Castilla La Mancha 238764 244347 2,34%
Galicia 2388514 2436511 2,01%
TOTAL ESPAÑA 6314390 6428314 1,81%

Segundo os datos do Fega, Galicia segue liderando o sector lácteo español en canto a produción. Así, se entre xaneiro e novembro de 2016 o 37,8% do leite español saía de gandarías galegas, no mesmo período do ano pasado esa porcentaxe incrementouse lixeiramente ao 37,9%. Iso foi posible grazas a un incremento interanual da produción do 2,01%.

Con todo, os principais incrementos porcentuais rexistráronse en Andalucía (un 4,33%), seguida de Castela e León (+3,05%) e Castela A Mancha (+2,34%). Destaca a caída da produción de leite en Asturias, que descendeu en 2017 un 0,52%.

Os prezos do leite soben en España pero moito menos que na media da Unión Europea

En canto aos prezos do leite, a media en España no mes de novembro foi de 0,334 euros o litro, lixeiramente superior a outubro (0,328) e algo máis de 2 céntimos por encima do mesmo mes de 2016, no que se situou en 0,313.

O incremento interanual do prezo do leite en Galicia foi lixeiramente superior, aínda que se mantén 1,4 céntimos por baixo da media española. Así, se en novembro de 2016 pagábase o litro a 0,297 euros de media, en novembro de 2017 o prezo medio foi de 0,320 euros o litro, (en outubro foi de 0,317). Un total de 8.052 gandarías galegas entregaron leite á industria no mes de novembro.

En canto ás calidades do leite entregado en novembro en España foron de 3,81% de graxa e 3,37% de proteína. En Galicia foron de 3,93% de graxa e de 3,35% de proteína.

E como están os prezos no resto de Europa? Os datos publicados este xoves pola Comisión Europea informan de que o prezo medio do leite en novembro foi de 0,376 euros o litro, bastante por encima do prezo que fixa para España (0,318 euros). En Portugal o prezo medio situouse en 0,30 euros, en Francia en 0,36 e en Alemaña en 0,40 euros o quilo.

Ademais, a recuperación interanual dos prezos do leite na media da UE foi bastante superior á rexistrada en España: 5,2 céntimos máis en novembro respecto ao mesmo mes de 2016, fronte aos 2,1 céntimos de España.

En todo caso, é necesario lembrar que os prezos do leite en Francia, Alemaña, Holanda ou Irlanda están máis vinculados á evolución dos mercados internacionais do leite en po, a manteiga e o queixo, mentres que en España os prezos son máis estables ao estar máis orientada a produción cara ao leite líquido envasado para abastecer ao mercado nacional.

PREZOS_LEITE_UE_2017

Finalmente, e segundo se desprende dos datos do Fega, o prezo medio do leite en España recuperouse en 2017 despois da crise dos anos 2015 e 2016:

PREZO_MEDIO_PONDERADO_LEITE_ES

Cruce de acusacións entre a Consellería do Medio Rural e Unións Agrarias respecto á suba do prezo do leite en Galicia 

Dende a Consellería do Medio Rural destacan que “o prezo do leite en Galicia acadou no pasado mes de novembro os 32 céntimos por litro, o que representa un incremento do 7,74% con respecto ao mesmo mes de 2016 (entón situábase nos 29,7 céntimos), e se comparamos o dato con novembro de 2015, o aumento chega ao 11,5%, xa que daquela o prezo medio era de 28,7 céntimos”.

Con estas cifras, dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destacan que “Galicia convértese na comunidade autónoma na que máis medrou o prezo dende novembro de 2015 -se ben é certo que é a que ten o prezo máis baixo-, por riba de Cantabria (que acumula un aumento de case o 10%), Asturias (onde medrou un 8,6% no mesmo período) e bastante por encima da media nacional de crecemento, situada no 7,74%”.

Aumento da produción

Ademais, dende a Consellería destacan “a suba da produción rexistrada, que en Galicia sitúase no 5,67% interanual, pasando das 203.383,5 toneladas de novembro de 2016 ás actuais 214.916,8 toneladas”. “Deste xeito, a nosa comunidade segue liderando a produción nacional, cun 38,33% do total rexistrado en novembro pasado no conxunto de España”, conclúen.

Resposta de Unións Agrarias: “A realidade é que Galicia segue sendo a comunidade que menos cobra o leite”

A reacción a esta valoración da Consellería do Medio Rural non se fixo esperar: o sindicato Unións Agrarias denuncia “a frivolidade e o cinismo da conselleira do Medio Rural ao gabarse do prezo do leite pagado en Galicia no último ano, cando os gandeiros galegos foron novamente os peor pagados de toda España”.

“Basta con acceder ás táboas do MAPAMA para poder comprobar que so Baleares –que representa menos do 1% da produción española- queda un pouco por debaixo de Galicia na cotización do ano 2017. Pero resulta que ademais na media do Estado si desagregamos o prezo pagado en Galicia, que altera a baixa a cotización global, vemos un diferencial negativo de 2,25 cts/l.”, engaden dende Unións.

Ademais, lembran que nas comunidades autónomas limítrofes, como Castela e León ou Asturias, os prezos medios sitúanse en 33.20 cts/l e 35.20 cts/l respectivamente fronte aos 32 cts/l de Galicia, “polo que no se pode falar do diferencial de base xeográfico na constitución do prezo, senón dunha total falta de xestión”. “Pero se imos á comparativa cos países produtores da UE o diferencial de subas respecto de Galicia (11.15%) é desolador, Países Baixos 40.34 % ou Alemaña 35.32 % quedando a media da UE nun 21.6 %”, advirten.

“A realidade é que Galicia segue sendo a comunidade que menos cobra o leite. No ano pasado,  a pesares dos fortes incrementos dos prezos de produtos industrias, estes non se repercutiron no pagado ós produtores galegos, algo que si sucedeu no resto dos países da UE con incrementos de máis de 6 céntimos na maioría dos países e cunha media de prezos actual de 37.62 céntimos, moito por encima de España e sobre todo de Galicia”, conclúen dende Unións.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información