“En Nestlé xa pagamos o leite por quilos de sólidos, non por litros, e esa é a tendencia”

Entrevista a Edis Estévez Rodríguez, xefe de Abastecemento Lácteo da planta de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra). Este centro prevé fabricar en 2018 unhas 47.000 toneladas de produto e exportar o 60% da produción

“En Nestlé xa pagamos o leite por quilos de sólidos, non por litros, e esa é a tendencia”

Edis Estévez Rodríguez, xefe de Abastecemento Lácteo da planta de Nestlé en Pontecesures

A fábrica de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra) é a primeira gran industria láctea moderna instalada en Galicia. Inaugurada en 1939, é tamén una das máis veteranas de Nestlé en España. Ten a súa orixe na constitución de ILEPSA (Industria Lechera Peninsular, Sociedad anónima), empresa propiedade de Nestlé, o 1 de febreiro de 1938. Un ano máis tarde, a fábrica produciu o primeiro bote de leite condensado.

Desde 2010, Nestlé investiu nesta fábrica máis de 15 millóns de euros destinados, principalmente, a mellorar as instalacións, así como as condicións de seguridade e a xestión ambiental. Para este 2018, a planta prevé producir unhas 47.000 toneladas anuais de produto, que inclúe principalmente leite condensado, destinado sobre todo á exportación.

Falamos con Edis Estévez Rodríguez, xefe de Abastecemento Lácteo da planta de Pontecesures, sobre a evolución de Nestlé en Galicia e sobre a situación do sector lácteo.

Como foi a evolución da recollida de leite de Nestlé en Galicia e en España nos últimos anos?
Nos últimos 5 anos a fábrica foi gañando gradualmente produción grazas ao incremento das exportacións. Na actualidade, os nosos provedores de leite son máis de 150 gandeiros das provincias da Coruña e de Pontevedra, que foron aumentando a súa produción, acompasándoa á situación da fábrica. En total, recollemos entre 85 e 90 millóns de litros de leite ao ano, e para este 2018 a previsión é aumentar ao redor do 2% a nosa recollida.

Cos vosos gandeiros traballades co sistema de certificación de Nestlé. ¿En que consiste?
Traballamos cun grupo estable de gandeiros e queremos que apliquen na súa granxa a filosofía de Nestlé. O requisito é que sexan capaces de traballar co noso sistema de certificación, e para iso é clave a mentalidade do gandeiro, mesmo máis que as instalacións que teña ou o sistema de manexo.

 “A principal diferenza dos nosos gandeiros é a súa mentalidade: melloramos xuntos”

A certificación de Nestlé inclúe, ademais da calidade hixiénico-sanitaria, normas de benestar animal, manexo, alimentación, etc., pero tamén outros aspectos como o persoal da explotación. Ademais, necesitamos que os gandeiros leven un rexistro exhaustivo de todo o que empregan para producir leite, desde fertilizantes a medicamentos que aplican cando algunha animal enferma. Trátase dun sistema que partiu do Manual de Boas Prácticas no sector gandeiro do Ministerio de Agricultura e ao que lle fomos incorporando novos requisitos.

Estas medidas son condicións de Nestlé para poder exportar, porque así nolo esixen tamén os nosos clientes a nivel internacional. Buscamos garantir os maiores estándares en seguridade alimentaria e calidade, maximizando tamén o benestar animal e o respecto ao medio ambiente. Cando o teu mercado está na exportación, os requisitos que che piden os clientes son máis altos.

Son varios os proxectos industriais en Galicia que teñen como obxectivo a exportación de derivados lácteos. Como responsable dunha planta netamente exportadora -o 60% da vosa produción véndese fóra de España- ¿Como ves o futuro destas iniciativas?
Realmente creo que a exportación é o camiño de futuro, pero tamén a realidade é que é moi difícil exportar. Nestlé é netamente exportadora pero aínda así énos difícil, porque compites con empresas de todo o mundo que traballan mesmo conxuntamente a nivel sectorial con outras do mesmo país.

Tedes previsto na planta de Nestlé en Pontecesures traballar outras liñas de produtos lácteos como ecolóxicos ou en pastoreo?
Non o temos en mente nin o descartamos. Se o cliente nolo pide imos traballar nesa liña de produto. Creo que a produción ecolóxica vai ir a máis e o consumidor vai apostar por este tipo de produtos, pero non sabemos ata onde vai chegar.

Entre os produtores de leite, Nestlé é unha das empresas lácteas de Galicia con mellor percepción entre os gandeiros. ¿A que é debido?
O Ligal recoñece a fábrica de Nestlé en Pontecesures como a empresa de Galicia con menor rotación de gandeiros. E é así porque o noso sistema de certificación leva un ano implantalo e nós temos que corresponder aos gandeiros cunha estabilidade. De feito, nós xa lles ofreciamos contratos cando estes eran voluntarios, e desde o fin das cotas, os nosos contratos son anuais.

“Somos a empresa láctea que dá maior estabilidade aos gandeiros e na que hai máis relevo xeracional nas explotacións”

A nosa filosofía é que o gandeiro se implique con Nestlé e vaia mellorando connosco. Ademais, cando proporcionas estabilidade ao gandeiro, facilítaslle o relevo xeracional na explotación e xéraslle tranquilidade nos investimentos que realiza.

Como inflúe o prezo nesa relación estable entre industria e gandeiro?
O prezo está claro que é un dos factores máis importantes na relación co gandeiro, pero non é o único. A proposta de prezo que se lle fai ao gandeiro foi evolucionando, ata chegar ao que temos actualmente. O sistema de prezo ten en consideración índices que tratan de facer que o prezo pagado en cada momento sexa competitivo tanto para o gandeiro como para a industria. Ademais do prezo, considero que inflúen outros factores. Así, Nestlé ten persoal en campo que está permanentemente asesorando ao gandeiro, de forma que este sempre nos vai atopar para axudalo, informalo etc. Niso si que notamos que o gandeiro séntese máis apoiado e asesorado.

Ademais, ofrecemos microcréditos aos nosos gandeiros en condicións vantaxosas e fomos, por exemplo, dos primeiros en falar con eles de mellora do benestar animal. Ao gandeiro sempre lle dicimos que ten que estar cómodo connosco para que a relación sexa beneficiosa para ambas as partes.

Cales son as previsións de produción para a planta de Pontecesures para este ano?
Nesta planta fabricamos basicamente leite condensado que se destina á exportación nun 60%. Tamén elaboramos, en menor medida, outras variedades, como doce de leite, cocido, etc.

Esperamos producir este ano unhas 47.000 toneladas de produto, das que o 60% destínase á exportación. Somos a única fábrica de leite condensado de Nestlé en Europa, polo que exportamos tanto a Europa, como a países do Magreb, países árabes ou do África Subsahariana, pero tamén a Asia e mesmo a Nova Zelandia.

Como inflúe a vosa vocación exportadora nas calidades ou sólidos do leite que lle pedides aos vosos gandeiros?
En graxa e proteína pedimos, na media, unhas calidades do 3,7 e do 3,2%, respectivamente. Pero temos un sistema propio de pago de calidades, de forma que non pagamos por litros senón por quilos de graxa e de proteína recibidos. Levamos algo máis de ano e medio con este sistema, e foi ben recibido polo gandeiro.

“Cada vez vai haber unha maior especialización por parte do gandeiro e da industria”

Realmente fóra de España non se paga en litros, senón en quilos de leite ou de graxa e de proteína. No noso país, quizais ata agora, non evolucionou nese sentido pola excesiva orientación da industria láctea cara ao envasado de leite líquido.

Porén, creo que a tendencia vai ser que o gandeiro terá que producir aquilo que a industria lle pide, e a industria vai ter que fabricar o que lle pide o consumidor. Cada vez vai haber unha maior especialización por parte do gandeiro e da industria, de forma que haxa industrias especializadas en envasado de leite que lle pidan ao gandeiro que produza litros de leite, pero outras moitas, cada vez máis, especializaranse noutros derivados lácteos e pediranlle ao gandeiro que sobre todo elabore sólidos.

O leite condensado é o principal produto que se fabrica na planta de Nestlé de Pontecesures

O leite condensado é o principal produto que se fabrica na planta de Nestlé de Pontecesures

Como se concretará esta especialización para o gandeiro?
Recentemente publicabades en Campo Galego que España é o país da UE que produce leite de vaca con menos sólidos. Isto é así, pero parece que non interesa dalo a coñecer. Temos que competir no mercado internacional e se queremos facelo, elaborando produtos de valor engadido, temos que producir sólidos.

Cando visitas Holanda, Alemaña, Francia ou Irlanda ves que cada país ten o seu sistema de produción, é con eles con quen temos que competir e en todos eles as calidades de graxa e de proteína son sensiblemente superiores ás nosas.

Un indicador máis claro de por onde van as tendencias en canto ao leite é que todos os novos proxectos industriais tanto en Galicia como en España van orientados a sólidos, non a fábricas para envasar leite en brick. E isto é algo que se repite en todos os proxectos en marcha no resto de Europa.

 “Se queremos ser competitivos no mercado temos que producir leite con máis graxa e proteína”

As organizacións que representan aos produtores veñen criticando nos últimos meses que os compromisos do Acordo Lácteo son papel mollado, tanto no referente á venda de leite a perdas na distribución como nos contratos lácteos. Nestlé foi unha das industrias que asinou este acordo, ¿Como valoran o seu cumprimento?
Nestlé leva moitos anos apostando pola sustentabilidade do sector, e por tanto adheriuse desde o primeiro momento a este acordo, que me parece positivo porque a súa vocación é dar estabilidade. Neste tempo avanzouse razoablemente ben, pero tampouco se pode pedir que este acordo sexa a solución de todos os problemas do sector lácteo en España, porque non pode selo.

No seu día funcionou a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, que desde hai uns anos non está operativa. ¿É necesario a creación dun lobby lácteo galego para defender os intereses do sector, como si sucede co sector forestal?
Penso que estar adecuadamente representados é desexable. Temos que buscar a forma de defender os nosos intereses no sector lácteo ao nivel máis amplo posible, porque competimos nun mercado global, pero sen perder a voz e a especificidade do sector galego. Este é o reto que hai que resolver agora, e para o que estamos a traballar as industrias lácteas galegas desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL).

Que fortalezas e que debilidades percibes en Galicia para a produción de leite?
Poderiamos recitar o de sempre en canto ás debilidades: falta de base territorial das explotacións, de ordenación dos usos do territorio, de relevo xeracional nas gandarías, etc. Pero para min, a principal debilidade é a falta de colaboración entre os distintos estamentos do sector para facer fronte aos retos do futuro. As industrias lácteas e os gandeiros poderiamos chegar a acordos para mellorar entre todos.

Moitas veces botamos a culpa á administración de que non contemos co seu liderado no sector lácteo galego, pero nos países máis avanzados este liderado parte do propio sector, que é quen o impulsa e deseña, e o papel da administración é acompañar e apoiar.

 “A gran debilidade do sector lácteo en Galicia é a falta de colaboración entre industrias, gandeiros e cooperativas”

Somos os propios actores do sector lácteo os que non estamos a facer o noso traballo. Cando saes a exportar ves que compites con países onde todo o sector, tanto industrias como gandeiros, traballan de forma coordinada e na mesma dirección para ser máis competitivos.

A administración ten que exercer o seu papel, facilitando ao máximo a ordenación e a modernización do sector lácteo. Pero non pode decidir cal debe ser a evolución deste sector. Esa é unha tarefa que nos corresponde a industrias, cooperativas e gandeiros e non o estamos a facer.

Inflúe niso o feito de que a maioría das grandes industrias lácteas de Galicia son de capital foráneo?
Podería ser, pero tampouco vexo que o lideren as empresas con capital galego. Ademais, gran parte dos que diriximos en Galicia as industrias de capital foráneo somos xente de aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información