“En Muras atopamos un paraíso para as abellas e para a apicultura”

Dolores Lage apostou pola apicultura de xeito profesional hai preto de 7 anos. Pasar de 6 colmeas para autoconsumo a máis de 180 fixo que descubrira o potencial apícola de Muras. Hoxe comercializa o seu mel en boa parte do litoral de Lugo

Publicidade
“En Muras atopamos un paraíso para as abellas e para a apicultura”

As feiras apícolas son outras das citas que Dolores Lage aproveita para comercializar o mel.

Hai arredor de 7 anos, Dolores Lage decidiu aproveitar, o que ata ese momento, era un pasatempo familiar e convertelo na súa actividade profesional. Foi así como das 6 colmeas das que dispuña a familia en Viveiro (Lugo), pasaron a contar hoxe con arredor dunhas 180, boa parte delas situadas no concello de Muras (Lugo).

“O cambio foi paseniñamente. Ó principio marcabámonos como horizonte poder contar cunhas 20 ou 25 colmeas e pouco a pouco fomos medrando”, explica Dolores. Distintos cambios na situación laboral da muller foron un dos motores para que tomase esta decisión.

“Ó principio marcabámonos como horizonte poder contar cunhas 20 ou 25 colmeas e pouco a pouco fomos medrando”

Hoxe conta cunha produción que comercializa baixo a marca Mel O Castelo, na súa maioría en venta directa na zona de Viveiro, pero tamén a través de pequenas tendas do litoral da provincia de Lugo.

O incremento dos apiarios fixo que boa parte das súas colmeas se localicen no concello veciño de Muras, a pouco máis de 30 quilómetros de Viveiro. O traslado a esta zona abriulle as portas dun mel moi diferente do que producían para autoconsumo e que xa foi recoñecido pola súa calidade en numerosas ocasións e certames.

Apiario-Mel-O-Castelo-Muras-_-

Vista dun dos apiarios que teñen na zona de Muras.

Afastarse do litoral por mor da velutina

A decisión se comezar a sumar máis colmeas fixo que procuraran unha nova ubicación tanto polas limitacións da zona na que tiñan ata o momento o apiario, como dada a incidencia que había de vespa velutina no litoral. “Procurábamos unha zona cunhas condicións que se axeitasen para a produción de mel e reducir as perdas que estabamos tendo pola velutina”, explica a apicultora.

Nesta busca, Muras apareceu como unha alternativa que daba resposta ós seus requirimentos. “Atopamos en Muras un paraíso para a apicultura, tanto polas condicións florais para as abellas, como polas facilidades que tivemos para asentarnos e desenvolver esta actividade”, concreta Dolores. Ademais, recoñece que as actividades organizadas arredor da apicultura, como os cursos formativos ou a feira apícola, foron un impulso para a súa actividade.

“Procurábamos unha zona cunhas condicións axeitadas para a produción de mel e reducir as perdas que estabamos tendo pola velutina”

A pesar de que non tiñan ningunha vinculación con esta zona ata ese momento, logo de 5 anos dende que instalaron as primeiras colmeas, recoñece que xa se sinte unha veciña máis. De feito, as primeiras colmeas colocáronas nunha finca emprestada e “ó que vimos que ás abellas lles gustaba o sitio, decidímonos por mercar unha parcela e alugar outra para dar cabida ás colmeas”, concreta. Xunto a estes dous apiarios de Muras, aínda manteñen outros de menor tamaño na zona de Viveiro.

colmeas-mel-o-castelo-Muras-

A zona de Muras conta cunha importante actividade apícola.

O traslado a Muras foi unha medida ante a incidencia que estaban a ter de velutina nos apiarios de Viveiro. “Na costa da Mariña, a velutina afectounos moito xa dende o 2015 e chegou a eliminarnos máis do 50% das colmeas”, recorda Dolores. Xunto o traslado dos apiarios cara ó interior da provincia, a posta en común de experiencias doutros produtores fixo que optasen por empregar métodos de trampeo de raíñas en determinadas épocas, así como a retirada de niños co que están conseguindo reducir as perdas.

Dous meles moi diferentes

Instalar os apiarios en Muras proporcionoulle un novo mel dado o cambio de vexetación, o que lle fixo dispoñer de dous tipos de mel moi diferenciados. Por unha banda, conta co mel dos apiarios de Viveiro, cunha cor moi clara e onde predomina o eucalipto. Mentres, o mel de Muras é escuro, xa que abonda a flor do breixo, de feito adoitan lograr un mel monofloral de breixo.

Adoitan contar cunha produción que ronda os 3.000 quilos e onde o mel de breixo representa arredor do 80%. “Nos últimos anos conseguimos manternos nunha produción bastante estable en canto a cantidade”, apunta a apicultora.

En Vieiro realizan a cata do mel xa a comezos de verán, mentres que en Muras extráeno no mes de setembro

Dispoñer dos apiarios en dúas zonas tan diferentes, a pesares da escasa distancia que as separa, orixina cambios no manexo que fan das colmeas en aspectos como a extracción do mel. Así, nos apiarios de Viveiro a cata do mel fana xa a comezos de verán, a finais do mes de xuño. Esta variación está motivada en gran medida pola ameaza que supón para as colmeas a vespa velutina.

A cata en Muras realízana normalmente a finais do verán, nos meses de setembro ou comezos de outubro, dependendo de como estea a ser a tempada e as condicións meteorolóxicas.

Produción apegada á tradición

Dolores aposta por unha apicultura apegada á tradición. “Seguimos mantendo os procesos do xeito máis tradicional, dentro do posible, sen empregar métodos que varíen a temperatura e optando sempre que sexa viable por mecanismos manuais”, indica a apicultora.

Dolores aposta por unha apicultura apegada á tradición e sen empregar métodos que poidan variar a temperatura do mel

Así, por exemplo, a extracción faina botando man de fume e cepillos para quitar as abellas dos panais, no canto de empregar outros métodos como os sopradores. Tamén realiza o desoperculado dos panais dun xeito manual. “Empregamos un extractor eléctrico porque é inviable con esta cantidade de mel facelo todo de xeito manual, pero iso non varía en absoluto as calidades ou temperaturas do mel”, concreta a produtora. A saca do mel é unha das actividades para as que Dolores conta con apoio por parte da familia, pola carga de traballo puntual que implica.

Mel-o-castelo-Muras-

A maior parte do mel comercialízaa en botes dun quilo, pero tamén dispón doutros formatos máis pequenos.

Dolores tamén se encarga de boa parte da comercialización do mel. Baixo a marca Mel O Castelo vende a maior parte do produto de xeito directo. “O boca a boca e os clientes contentos que repiten estannos a funcionar moi ben”, comenta. Ademais, distribúe a pequenas tendas de Xove, San Ciprián, Cervo, Burela ou Ferreira do Valadouro.

A maior parte do mel comercialízano en envases dun quilo, aínda que envasan botes de 500 ou de 350 gramos. “Os tamaños máis pequenos témolos, sobre todo, para cando participamos en feiras, para ofrecer maior variedade, pero a maior parte dos nosos clientes prefiren o bote dun quilo”, explica. As feiras, como a de apicultura de Muras, que este ano reuniu a máis dunha ducia de apicultores, é outro dos puntos de venta.

Casa do Mel de Goente

Tanto no momento de comezar coa apicultura dun xeito máis profesional, como na actualidade, Dolores apunta que un dos maiores apoios provén da Casa do Mel de Goente, nas Pontes. “Para nós foi un piar fundamental cando comezamos e tamén agora o segue sendo pola formación e asesoramento que ofrecen. Son un referente para abordar moitos temas que se nos van presentando no día a día”, indica a apicultora.

“A Casa do Mel de Goente foi un piar fundamental cando comezamos e segue a selo pola formación e asesoramento que ofrecen”

Nestes anos, o Mel do Castelo ten colleitado varias distincións en distintas catas e certames xa dende o 2015. O último recoñecemento chegou hai apenas uns meses na cata realizada na Casa do Mel de Goente, onde recibiron o primeiro premio tanto na categoría de mel claro, para o seu mel de eucalipto, como na de escuro, para un monofloral de breixo. Este último xa fora premiado este ano na cata da Feira de Apicultura de Muras, onde concorren só apicultores do municipio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información