“En Melisanto hai ilusión polo proxecto de integración cooperativa”

Falamos co xerente da cooperativa, José López, e co seu presidente, Pablo Costoya, sobre o proceso de asociación das cooperativas. Destacan a mellora que representará a colaboración en servizos técnicos para as granxas, así como as vías futuras de industrialización do leite

“En Melisanto hai ilusión polo proxecto de integración cooperativa”

Sede central de Melisanto.

As asembleas de socios das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas votan o próximo luns 31 se emprenden un proxecto de integración nunha cooperativa de segundo grado. Falamos co xerente de Melisanto, José López, e co seu presidente, Pablo Costoya, para coñecer a perspectiva e intereses da cooperativa no proceso.

Durante este mes, a cooperativa Melisanto programou un total de 22 reunións zonais cos seus máis de 650 socios para explicarlles o proxecto e dar resposta as súas inquedanzas. Das xuntanzas realizadas ata o de agora, despréndese un apoio maioritario á integración, segundo explican na cooperativa.

“Esperamos un abaratamento de custos que repercuta nas granxas”

“A sensación xeral do proxecto é espectacular. Os socios activos, arredor de 300 explotacións, están moi ilusionados coa idea; en tanto os socios non activos están dispostos a apoiar o sentir maioritario das granxas; o que queren é que a cooperativa siga para diante” -resume o xerente de Melisanto, José López-. “Como é normal en calquera proceso, hai tamén persoas críticas e dúbidas, xa que todo proxecto empresarial inclúe uns riscos, pero o que máis colleitamos son felicitacións”, conclúe.

Os beneficios que se esperan do proceso de integración van por tres liñas: xerar volume na compra de insumos para abaratar custos, mellorar os servizos técnicos e acometer a industrialización conxunta do leite.

Pensos
“En pensos, non é igual mercar materias primas para fabricar 19.000 toneladas, que é o que fabricamos en Melisanto, que para as 250.000 que suma o grupo” -compara José López.- “Esperamos un abaratamento de custos que repercuta nas granxas”, sinala.

Interior dunha das naves adicada a pensos.

Interior dunha das naves adicada a pensos.

Unha vez que o proceso de integración sexa ratificado polas asembleas de socios, as cooperativas, cadansúa coa súa propia planta de pensos, ofertarán os mesmos produtos ós mesmos prezos. “Loxicamente, haberá un escalado de prezos en función dos volumes consumidos por cada socio”, precisa López.

Servizos técnicos
O segundo interese da integración sitúano en Melisanto na mellora dos servizos técnicos ós socios. “Poderiamos dicir que os técnicos que temos agora son médicos de cabeceira, pero non temos técnicos especialistas. Coa integración, podemos aproveitar sinerxias con Os Irmandiños, que son os que teñen uns servizos máis especializados e avanzados, e ofrecerlle ás nosas granxas un asesoramento integral”, explica o xerente de Melisanto.

A idea das cooperativas pasa por crear un grupo de traballo para estruturar os servizos, de xeito que todo o equipo técnico funcione coordinado na mesma dirección.

Industrialización
A terceira fase que se agarda no proceso de integración é o da industrialización en conxunto do leite. “Necesitabamos sumar volume para poder emprender procesos industriais e poder abastecer a demanda dos mercados”, incide López. Actualmente, as cooperativas procesan uns 152 millóns de litros de leite, dos que arredor do 80% corresponden a Feiraco e o 20% a Clesa (participada por Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, entre outras cooperativas).

“Podemos chegar a acordos con industrias lácteas. Fábricas que traballen o leite hai sobradas e non ten sentido facer máis” (José López)

As granxas socias das cooperativas véndenlle outros 250 millóns de litros anuais a industrias externas. No caso de Melisanto, que actúa como primeiro compradora, o 30% do leite é enviado á planta de Clesa, un 50% véndeselle a Capsa (Larsa) e outro 20% a Entrepinares.

“Temos moi boa relación con Capsa e Entrepinares, cobramos uns prezos competitivos e hai que dicir que as industrias están encantadas de que entremos neste proxecto, pois a idea que temos é a de seguir colaborando” -valora o xerente de Melisanto.- “Nun futuro poderiamos chegar a acordos con industrias privadas. Fábricas que traballen o leite en Galicia hai sobradas e parte delas están a metade de rendemento. Por tanto, pensar en facer novas naves e ‘gastar en ferros’ non ten sentido”, considera José López.

“A meta final é ter unha soa cooperativa en Galicia e logo, se é posible, sumar a Asturias e Cantabria” (Pablo Costoya)

Unión das cooperativas
Preguntados pola posibilidade de colaborar co proxecto de Dairylac nun futuro, en Melisanto pensan que ese é o camiño. “A meta final é facer unha soa cooperativa en Galicia e logo, se é posible,sumar a cooperativas de Asturias e Cantabria”, subliña o presidente de Melisanto, Pablo Costoya.- “Aínda todos xuntos somos poucos, se nos comparamos coas cooperativas do norte de Europa coas que temos que competir”.

A idea é ir avanzando paso a paso, ó longo dos próximos anos. “O sector lácteo en Galicia está moi desestruturado. Da noite á mañá está claro que non imos facer un ente único, pero esa é a tendencia. A catedral de Santiago non apareceu construída. Fíxose pedra a pedra”, ilustra o xerente da cooperativa.

Na mesma liña, a posibilidade de que cooperativas do Deza se sumen ó proxecto tamén é saudada como positiva por Melisanto.

Planta de procesado de hortalizas de Melisanto. Preparación dunha partida de pementos para o seu envío ó cliente final.

Planta de procesado de hortalizas de Melisanto. Preparación dunha partida de pementos para o seu envío ó cliente final.

Horta como complemento ás explotacións gandeiras

A cooperativa Melisanto coordina en Galicia o grupo de horta da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que comercializa anualmente arredor de 1.000 toneladas de hortalizas, cun valor de 1,4 millóns de euros. En volume, o 40% da produción corresponde a socios de Melisanto que cultivan ó aire libre, en tanto a parte restante é producida baixo plástico por Horsal e por Horta de Galicia. Toda a produción é procesada na planta que Melisanto estreou no polígono de Melide no 2003.

O xerente da cooperativa destaca a potencialidade da horta como un complemento á actividade gandeira. “Naquelas explotacións nas que hai dispoñibilidade de man de obra, a horta é unha posibilidade de rentabilizala. Comezamos cando o sistema de cotas deixáballe á xente poucas posibilidades de medrar e a horta era un escape. Tamén é un xeito de diversificar e non ter todos os ovos no mesmo cesto”, valora.

Tomate listo para a súa distribución.

Tomate listo para a súa distribución.

A produción hortícola está atraendo nos últimos anos a xente nova que se quere iniciar no agro por unha actividade que implique menores custos de produción que as explotacións gandeiras.

A demanda dos produtos de horta está consolidada. Vegalsa-Eroski é o principal cliente de Melisanto, seguido de Covirán, e de pequenas tendas locais. Tamén outras cadeas de supermercados están comezando a traballar coa cooperativa, que suministra ó longo de todo o ano unha ampla gama de hortalizas. Cebola, porro, repolo, leituga, tomate, pementos ou calabacín forman parte da súa oferta.

Carne
Melisanto conta tamén con produtores de vacún de carne. Igual que Os Irmandiños, está integrada na cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, a través da que comercializan os xatos. No marco do proceso de integración, a cooperativa de segundo grao resultante pasará a ter unha participación en Artesáns Gandeiros, co cal os socios de Feiraco e Xallas tamén poderán traballar con Artesáns.

A cooperativa de segundo grao pasará a ostentar a participación en Artesáns Gandeiros, Delagro, Ucoga e Clesa

O mesmo sucede coas outras sociedades da que forman parte algunhas das cooperativas. Tras a integración, a cooperativa de segundo grao será a que ostente a participación en Delagro, Ucoga e Clesa.

As cooperativas de primeiro grao continuarán a xestionar a parte social de contacto cos seus socios (asembleas, formación, etc.), pero todo o apartado económico será decidido pola cooperativa de segundo grao, en cuxo consello rector terán representación todas as cooperativas.

Actividade e servizos de Melisanto
O traballo da cooperativa inclúe unha ampla gama de servizos e actividade, entre as que destacan as seguintes:
– Fábrica de pensos granulados e en fariña.
– Servizos veterinarios con tres técnicos. A cooperativa impulsou unha Agrupación de Defensa Sanitaria e xestiona un programa de calidade do leite e de reprodución. Tamén ofrece servizos de clínica veterinaria.
– Servizo de maquinaria, que traballa toda a parte de laboreo e de abonado. Só se exclúen os traballos de colleita.
– Tres carros de alimentación serven a ración, deseñada por un nutrólogo, a explotacións de leite e carne.
– Asesoramento agronómico.
– Outros: taller mecánico, supermercado, servizo de distribución de produtos ós socios 2 veces ó mes, correduría de seguros (Ucoga), reparto de gasolina a domicilio, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información