En Galicia vendimarase un 20,85 % máis de uva e de calidade “excelente”

Así o reflicte un informe da Consellería do Medio Rural e do Mar, elaborado de acordo coas previsións feitas polos propios consellos reguladores. Esta será a terceira mellor vendima dos últimos dez anos, despois das de 2006 e 2011

Publicidade
En Galicia vendimarase un 20,85 % máis de uva e de calidade “excelente”

Vendimia nas Rías Baixas

A vendima deste 2015 nas cinco denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) pode cualificarse como excelente, de acordo coas previsións feitas polos propios consellos reguladores, tanto desde o punto de vista da cantidade como da calidade.

Así se desprende dun informe elaborado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, no que se constata un incremento do 20,85% na cantidade total de uva recollida con respecto á vendima de 2014. Deste xeito, para este ano a previsión da colleita é de 63 millóns de quilos de uva, fronte aos 49,8 millóns da campaña de 2014.

Rías Baixas, a DO na que aumenta máis a uva vendimada

Por denominacións de orixe, o maior incremento previsto con relación ao ano pasado rexístrase na de Rías Baixas, cun 27,82%. Séguenlle a D.O. Monterrei, cun 19,4% de aumento. Moi preto desta cifra está o Ribeiro (incremento do 19,3%).

A positiva evolución rexistrada en relación coa última tempada ven confirmar a tendencia dos últimos dez anos. Na seguinte táboa figuran os datos totais de quilos recollidos na última década, evolución que tamén se pode apreciar na gráfica:

VENDIMA_2015

Este ano a maioría de comarcas comezaron a vendimar na última semana de agosto, adiantándose así unha semana respecto a anteriores campañas. En Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra estiman rematar a vendima na primeira semana de outubro, mentres que en Monterrei e Valdeorras agardan ter acabado a mediados ou finais de setembro.

As temperaturas foron en xeral superiores a outras campañas, provocando o adianto na maduración e as importantes oscilacións térmicas entre o día e a noite favoreceron a síntese de compostos aromáticos, aportando complexidade e intensidade, á vez que se conserva o frescor. A falta de precipitacións durante o ciclo da vide favoreceu un excelente estado fitosanitario da uva, co que diminuíu a cantidade de tratamentos necesarios.

O estrés hídrico das plantas permitiu ademais a obtención de uvas de pequeno tamaño aumentando a relación pelexo/polpa e, por, tanto a concentración de aromas.

Como feitos destacados, na Ribeira Sacra hai que salientar que o bo estado sanitario da uva non se debe só ás boas condicións climatolóxicas, senón tamén ao traballo dos viticultores que cada vez máis fan poda en verde e manteñen as cepas coa carga adecuada. No Ribeiro este ano o Órgano de Control e Certificación da D.O. dispón dunha aplicación informática de alta mobilidade, que permite máxima garantía na trazabilidade e Control de Calidade.

Cómpre destacar tamén que para controlar esta vendima mobilizáronse por parte das distintas denominacións de orixe e da Consellería do Medio Rural e do Mar máis de un centenar de técnicos, entre persoal fixo e eventual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información