“En Bretaña producimos leite con 150 gramos de penso por litro”

Entrevista a Stéphane Saillé, responsable de Márketing e Innovación de BCEL Ouest, unha empresa propiedade dos gandeiros que presta servizo a máis de 5.500 ganderías de vacún de leite de Bretaña, a principal rexión produtora de Francia e da Unión Europea

“En Bretaña producimos leite con 150 gramos de penso por litro”

Stéphane Saillé, responsable de Márketing e Innovación de BCL Ouest

Cun potente sector industrial transformador e orientado á exportación e unhas ganderías que basean a alimentación dos seus rabaños en forraxes producidas na propia explotación, a rexión francesa de Bretaña, primeira rexión produtora de leite de Europa con máis de 6 millóns de toneladas, afronta o escenario post cotas coas súas fortalezas e dificultades.

Stéphane Saillé, responsable de Márketing e Innovación de BCL Ouest, unha empresa propiedade dos gandeiros que presta servizos a máis de 5.500 explotacións da rexión, acudiu este mes de novembro a Lugo para participar nas XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas por Seragro. O técnico francés explicou cales son as fortalezas e as debilidades do sector produtor de leite en Bretaña, primeira rexión produtora de Francia dentro do Grand Ouest francés.

Cales son as estratexias dos gandeiros en Bretaña para reducir os custos de produción do leite?
Bretaña conta cunhas 12.000 explotacións de leite, unhas 750.000 vacas leiteiras e unha media de produción de 8.000 litros por vaca. Nas ganderías que levamos a media de produción é de 500.000 litros ao ano por explotación e a base territorial rolda as 90 hectáreas de media.

O prezo do leite en Bretaña nestes momentos subiu un pouco ata os 0,30 céntimos por litro máis primas por calidade, pero estiveron nos 26-28 céntimos por litro durante a maior parte do ano. Esta situación levou ás ganderías de vacún de leite a tentar baixar ao máximo os custos de produción, sobre todo en alimentación.

Cada vez se aposta por cultivos con mais proteína, por exemplo colza para ensilado en verde

Así houbo unha tendencia para reducir o emprego de concentrados, ata situar o gasto en penso en menos de 60 euros por cada mil litros. A tendencia é a utilizar mellor a forraxe, extraendo o máximo de enerxía e de proteína do ensilado de millo forraxeiro, un cultivo cada vez máis estendido, e tamén do pasto e da herba. Os gandeiros producen practicamente todas as forraxes, palla e herba seca incluía, e iso reduce os custos de produción, que se situaron nunha media de 316 euros por 1.000 litros de leite no primeiro trimestre deste ano e en 305 euros por 1000 litros no segundo trimestre.

Por outra banda, cada vez utilízanse máis cultivos rotacionais con alto contido en proteína, como trevo ou colza forraxeira para ensilado en verde…aínda que é certo que o millo segue sendo o ingrediente principal das racións.

Cales son as calidades medias dos silos de millo e de herba en Bretaña?
De media o silo de millo ten entre 30 e 35% de materia seca e sobre 0.92 UFL, aínda que a tendencia xeral é a un descenso da porcentaxe de proteína, de forma que hoxe estamos nunha media de entre 6,5 e 7% de proteína.

En canto aos silos de herba as calidades son máis variables. En xeral están entre un 12 e un 15% de proteína -en Galicia o ano pasado a media foi do 12,2%, segundo datos do CIAM- . En canto aos pastos, se se empregan leguminosas como o trevo ou a alfalfa podemos chegar a porcentaxes de proteína de entre o 15 e o 20%.

Como está a ser a evolución da utilización de concentrados?
Nunha gandería media de Bretaña, na que as vacas producen entre 8.000 e 8.500 quilos por lactación anual, de media consomen 1.100 quilos de concentrado por vaca e ano. A tendencia foi máis ben a unha pequena diminución ao longo deste ano. En gramos de concentrado por litro de leite utilízanse entre 140 e 150 gramos por litro de leite.

“A taxa de reposición nas ganderías está nunha media do 30%”

Hai unha tendencia en Bretaña cara á gandería extensiva en base a pastoreo?
É certo que se utiliza moito o pastoreo nas ganderías de vacún de leite, aínda que cada vez menos, e si que se utiliza cada vez máis millo forraxeiro. A tendencia máis ben é cara á intensificación, con cada vez menos ganderías e máis vacas por explotación e cara ao aproveitamento ao máximo da base territorial de cada gandería. Tamén asistimos a un aumento da produción por vaca e, sobre todo, a un incremento do leite entregado por Unidade de Traballo Humano (UTH), que no período 2015-2016 situouse en 239.613 quilos, nas ganderías que controlamos en BCEL Ouest.

É certo que se segue utilizando moito o pastoreo, sobre todo para baixar os custos de alimentación, principalmente en recría.

Con que calidades de leite traballan en Bretaña? A industria tamén lles demanda aos gandeiros mellorar as porcentaxes de proteína e de graxa?
Seguimos cos mesmos criterios, e o principal é o reconto celular en tanque, cun límite de 250.000 células somáticas para non ser penalizados. En canto ás calidades movémonos nun 3,2% de proteína e unha media do 3,8% de graxa. É certo que coas cotas penalizábase un exceso de materia graxa, pero agora pódese producir un alto nivel porque é pagado pola industria e iso é interesante para os gandeiros.

Cal é o custo de recría das xovencas nas gandería de Bretaña e cales son as taxas de reposición media nas explotacións?
En Bretaña as xovencas ata os 28 e mesmo 30 meses aliméntanse principalmente en base a pasto, sobre todo das parcelas máis difíciles para o cultivo, e isto permite baixar os custos de recría ata unha media de 1.300 euros, aínda que as ganderías máis en extensivo redúcenos ata 900 euros e as máis intensivas poden chegar a subir ata 1.500 euros.

En canto á taxa de reposición media, nas ganderías que controlamos en BCEL Ouest está no 30%.

 “Grazas ao pastoreo o custos das xovencas baixa ata unha media de 1.300 euros”

Como está a ser a implantación dos robots de muxido en Bretaña?
Nestes momentos ao redor do 8% das ganderías na nosa rexión xa teñen robot de muxido. A súa principal vantaxe que é que permiten aos gandeiros dispor de máis tempo libre. Pola contra, encarecen os custos de alimentación, entre 10 e 15 euros por cada 1.000 litros de leite. Con todo, creo que a tendencia é que vaian aumentando a súa implantación, de forma que dentro duns dez anos preveo que en torno ao 15% das ganderías de vacún de leite de Bretaña traballará con robot de muxido.

Como ve o futuro da produción de leite en Francia nesta nova situación de total desregulación do mercado?
Neste novo escenario o gandeiro ten que non só ser un bo profesional desde o punto de vista técnico e de control dos custos de produción, senón que agora tamén ten que ser bo empresario para que os seus negocios sexan rendibles, ten que ser un bo xestor empresarial.

Por outra banda, o prezo do leite vai ser moi oscilante, e para facer fronte a esta situación é moi importante que o gandeiro teña unha estratexia para a súa gandería, que aposte por un modelo de explotación que non sufra grandes cambios en función de como vaia o mercado. É necesario ser coherente coa estratexia pola que se aposta.

“O gandeiro ten que ser cada vez máis un bo xestor empresarial”

Que papel xogan as cooperativas no sector lácteo de Bretaña? Supoñen unha fortaleza de cara ao futuro?
En Bretaña hai moitas cooperativas que son moi importantes. As cooperativas permiten aos gandeiros vender o leite en grupo e ser máis importantes no mercado. As cooperativas producen produtos como manteiga, queixo…..etc e desempeñan un papel esencial para atopar venda e saída comercial ao leite.

Una idea sobre ““En Bretaña producimos leite con 150 gramos de penso por litro”

  1. Héctor

    Ola. Na ponencia oin que tiña uns custos de produción de 8 centimos/ litro e 15 os que tiñan que desamortizalo robot de ordeño. Poderias decirme a que se refería? posto que no artigo pos que os custos son de mais de 30 ctms. Grazas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información