Élivo: o viño galego que trunfa entre os musulmáns

A empresa galega Élivo Zero Zero especializouse na elaboración de viños sen alcohol, destinados principalmente aos clientes musulmáns. Dos 500.000 litros que vendeu en 2015, un 50% foron para a exportación.

Publicidade
Élivo: o viño galego que trunfa entre os musulmáns

Distintos viños sen alcohol de Élivo

Case 1.500 millóns de persoas no mundo son de relixión musulmá e un número crecente de persoas en Occidente consumen bebidas sen alcohol, un mercado potencial inxente ao que se dirixe a empresa galega Élivo Zero Zero, especializada na elaboración de viños sen alcohol e en viños enriquecidos con compostos saudables.

Ramón Bondelle Blanco, responsable de desenvolvemento de produtos de Élivo Zero Zero, expuxo a experiencia desta empresa pontevedresa na xornada organizada recentemente pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Alternativas ao viño tradicional: novos produtos” e que se celebrou na localidade lucense de Sober.

Exportan arredor do 50% da súa produción

Ramón Bondelle amósase convencido de que “o mercado do viño tradicional necesita alternativas e iso só se pode facer innovando con novos produtos e exportando”. Anima a romper con prexuízos e, como exemplo, pregúntase “por qué non estamos acostumados a pedir un viño sen alcohol, pero si unha cervexa sen alcohol, que xa representa preto do 18% do mercado”.

Neste sentido, o responsable de Élivo chama a atención de que “soamente entre a poboación musulmana temos un mercado potencial de 1.500 millóns de persoas”. Ata o de agora, países como Australia, Alemaña ou Sudáfrica xa están entrando neste mercado. A empresa galega Élivo, creada no ano 2008 a partir dun proxecto de I+D da Universidade de Vigo, está a competir coas grandes adegas destes países e con outras de España como Torres ou Matarromera.

 “Para 2016 esperan unha importante suba das vendas pola entrada en Marrocos e Malasia”

O pasado 2015 Élivo logrou vender uns 500.000 litros de viño desalcoholizado, dos que 300.000 foron embotelllados baixo as súas diferentes marcas, e 200.000 litros foron vendidos a granel a outras adegas ás que lles ofrecen os seus servizos de desalcoholización.

Ramón Bondellle prevé que “para este ano 2016 volvamos ter un salto considerable debido á entrada dos nosos produtos en países como Marrocos ou Malasia”, aumentando as súas exportacións, que neste momento xa representan arredor do 50% da súa produción, sobre todo aos países do Golfo Pérsico e tamén a outros como Rusia ou Polonia.

Élivo Zero Zero merca o viño directamente ás adegas das principais rexións vinícolas como A Mancha, A Rioxa, Ribera del Duero, para os tintos, así como en Galicia e no Norte de Portugal, para os viños brancos.

Como é o proceso de elaboración do viño sen alcohol?

Unha vez o viño chega á súa planta sométeno a un proceso de desalcoholización que logra baixar o seu grao alcohólico ata os 0,0 graos. “Nos países musulmáns nos que estamos vendendo permítennos un máximo de 0,05 graos, pero nós somos capaces de baixar de 0,02 graos”, salienta Ramón Bondelle.

No proceso de desalcoholización o viño perde non só o etanol senón tamén un 20% de cantidade -dun litro pasa a 0,8 litros-. Pero tamén se produce unha perda de aromas e unha concentración dos taninos, o que provoca un sabor máis astrinxente. Isto obriga a Élivo Zero Zero a realizar un proceso de posdesalcoholizado con varias fases, que van dende a engádega de aditivos naturais non calóricos ata a utilización de chips de madeira de carballo para proporcionarlle ao viño propiedades organolépticas asociadas aos viños de crianza.

“Os clientes pídennos que o viño recorde ás variedades de uva e a crianza”

“O cliente pídenos viño sen alcohol pero que recorde ás variedades de uva e a crianza”, asegura Ramón Bondelle. En canto á conservación, están traballando en distintas técnicas que “buscan lograla por procesos físicos que non alteren as calidades organolépticas do viño”.

Por outra parte, Élivo comercializa unhas 14 marcas propias adaptadas aos gustos de cada país. “Os aromas varían segundo os países e elaboramos viños específicos”, explica Ramón. Como exemplo, destaca que “estamos a comercializar con éxito nos países do Golfo un viño espumoso, gasificado e desalcoholizado, con 0,03 gramos de ouro por botella, destinado a un importante grupo de poboación que aprecia este tipo de luxo”.

Aposta por produtos funcionais e saudables

Outra liña de produtos na que traballa Élivo, en colaboración con investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, é a de viños funcionais con efectos positivos sobre a saúde humana

Así, neste momento teñen no mercado marcas como Cardio O, un viño rico en polifenois, especialmente o resveratrol, despois de someter ás viñas a un proceso de estrés hídrico; Tensia, enriquecido con resveratrol , quercitina, en potasio e noutros minerais que axudan a manter baixa a presión arterial ou Bo Dormir, viño cunha alta concentración de melatonina procedente das uvas da variedade Cabernet Sauvignon e Syrah.

“É unha liña na que estamos traballando para incrementar o valor engadido con produtos diferenciados”, salienta Ramón Bondelle.

Necesidade de crear un sector do viño desalcoholizado en Galicia

Ramón Bondelle durante a xornada da EVEGA

Ramón Bondelle durante a xornada da EVEGA

Ramón Bondelle avanza tamén que “estamos intentando crear unha asociación a nivel galego de empresas do sector”. “Queremos que Galicia poda competir en calidade e en prezo e intentar sermos un referente a nivel mundial en viños desalcoholizados, pero para iso necesitamos agruparnos para ter un volume que nos permita ser competitivos e colaborar con adegas de Galicia, con grupos de investigación das universidades e coas administracións”, subliña.

O responsable de Élivo insiste en que a agrupación do sector é determinante para gañar volume e poder exportar así como para entrar na gran distribución.
“Parécenos moi importante para o sector do viño tradicional que se empezasen a elaborar bebidas a base de viño, ben sexa desalcoholizado ou a base doutras fórmulas, pois iso abrirá as portas á exportación”, conclúe Ramón Bondelle.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información