¿É o abandono do rural unha oportunidade para os emprendedores?

O rural galego vive un crecente proceso de despoboamento e de peche de explotacións. Diversos expertos debateron este xoves en Lugo sobre as alternativas para frear o abandono. Tamén o Foro Económico de Galicia presentou as súas propostas. Velaquí un resumo das súas conclusións.

¿É o abandono do rural unha oportunidade para os emprendedores?

Aldeas en proceso de abandono na comarca de Valdeorras

O medio rural ocupa 4/5 partes do territorio galego, pero nel só vive o 25% da poboación, cando nos anos 1950 esa porcentaxe era do 80%. Ademais, só ao redor do 15% das persoas ocupadas que residen no rural teñen como actividade principal a agricultura.

Este abandono ou perda de peso do rural tradúcese en despoboamento e nun crecente abandono de terras agrarias, un proceso que sen embargo para algúns expertos pode ser unha oportunidade para aquelas persoas dispostas a innovar e a investir no medio rural.

Para abordar esta problemática diversos expertos de distintos ámbitos relacionados co sector primario, déronse cita este mércores na Escola Politécnica Superior de Lugo na primeira “Xornada sobre o abandono do rural”, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo.

É necesario ter seguridade xurídica sobre quen é o propietario da terra e que se pode facer con ela

Neste sentido, un punto de encontro unánime foi a necesidade de seguridade xurídica sobre a propiedade da terra para acometer investimentos nela e tamén sobre os usos que se lle pode dar. Un exemplo son os montes veciñais nos que non é posible recuperar pasteiros tradicionais xa que a Lei do Solo e os Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM) os catalogan como solo de especial protección forestal. Unha necesidade de harmonización da lexislación e de delimitación dos usos que corresponde principalmente á Xunta de Galicia.

Onde si houbo máis discrepancia foi en se a administración debe ter un papel activo para evitar que terras de uso agrario pasen a uso forestal, ou se isto debe deixarse en mans do mercado, de forma que os propietarios decidan en función da alternativa que lles é máis rendible.

Reproducimos a continuación a análise dalgúns dos expertos participantes sobre os motivos que levan ao abandono do rural e que alternativas se propoñen para frear este proceso.

abandono_rural_xornada2De esquerda a dereita: Raúl García, Bernardo Varela, Manuel Marey, Quico Ónega e Juan Manuel Martínez Barral

Quico Ónega (Laborate-USC): “O abandono do rural pode ser unha gran oportunidade para os emprendedores, pero temos que innovar”

Quico Ónega é un mozo que compatibiliza o seu traballo no Laboratorio do Territorio (Laborate) da USC coa actividade gandeira a tempo parcial, con 70 ovellas de carne e 2 hectáreas de castiñeiros.

Neste sentido, amosouse convencido de que “as políticas para frear o abandono débense centrar primeiro na xente, en cambiar valores na sociedade”. “Hai un lastre social enorme en Galicia, incluso na propia universidade, que desanima á xente nova a emprender no agro, aínda que se trate de explotacións rendibles e con calidade de vida, e sobre iso hai que actuar, porque neste momento creo que o abandono non é un problema, senón unha enorme oportunidade para moita xente que queira emprender e facer algo no rural”, subliñou.

A nivel institucional, Quico Ónega asegurou que a principal innovación por parte das Administración sería aplicar a lei, por exemplo en canto a plantacións forestais en terras agrarias. “Non coñezo ningunha rexión europea con máis leis relacionadas co territorio como Galicia, onde realmente non innovamos é en aplicalos. Unha innovación enorme sería aplicar unha das leis que temos, porque empezaríamos a saber se funciona ou non”; ironizou.

Bernardo Varela (Concello de Allariz): “É fundamental empoderar á xente para reverter a situación de abandono no rural”

Bernardo Varela é concelleiro de Medioambiente en Allariz, un dous poucos concellos da provincia de Ourense que non perde poboación. “A clave foi a revolta que protagonizaron os propios veciños e veciñas de Allariz en 1989, porque eles foron os que tomaron o poder no concello e comprometéronse para poñer todo da súa parte para reverter o abandono e o despoboamento no concello”.

No ámbito agrogandeiro, o concello actúa de intermediario cos propietarios dos terreos para permitir que xente interesada en base territorial para as súas ganderías poda conseguila. Un exemplo, foi o monte de Penamá, onde crearon 300 hectáreas de pasteiros para gando vacún de razas autóctonas.

A posta en valor os recursos locais como a carne de Boi de Allariz é outra das estratexias que están a seguir. “Vendemos o pasado ano máis de 3.000 kilos de carne de boi en outono nos locais de restauración de Allariz, promovendo un produto local que vai a máis”, destacou Bernardo Varela.

Neste sentido, e para manter limpos os terreos arredor dos núcleos de poboación, o próximo ano o concello de Allariz ten previsto abonar unha axuda de 450 euros para aqueles veciños e veciñas que críen gando de razas autóctonas.

“É imprescindible darlle poder á poboación para reverter a situación de abandono. O problema é cando a xente se deixa levar e empeza a convencerse de que non hai esperanza”, concluíu Bernardo.

Raúl García Martínez (Deputación de Lugo): “Ten que haber menos burocracia e débese lexislar tendo en conta á xente que vive do agro”

Raúl García é técnico en Administración Local da Deputación de Lugo, unha provincia, que ao igual que a de Ourense, se prevé que perda un importante número de habitantes nos próximos anos debido ao proceso de avellentamento e de despoboación.

Neste sentido, asegurou que “non é soamente por motivos económicos polos que a xente abandona o rural, senón que existe tamén unha gran compoñente social, de falta de poboación e de illamento”.

Como posibles solucións a esta problemática, Raúl García recordou as que se contemplan no Plan Estratéxico de Lugo, no que claramente se identifica o sector primario, tanto agrogandeiro como forestal, como o principal potencial para a creación de emprego e riqueza na provincia.

Entre estas solucións destacou a necesidade de “reducir burocracia e lexislar máis próximos ao cidadán, ás necesidades da xente que vive do sector agrario”.

Tamén propuxo reorganizar a propiedade rústica mediante trámites moito máis áxiles e baratos que as concentracións parcelarias, como poden ser as agregacións e permutas. Xunto a iso potenciar o valor engadido dos produtos agrícolas e forestais ou incentivar instalacións de industrias ligadas ao sector primario nos puntos de orixe.

Noemí García Saavedra (Tenzas S.L.): “A incerteza do que se pode ou non se pode facer nunha parcela fomenta o abandono”

Pola súa parte, Noemí García Saavedra, da empresa Tenzas S.L., asegurou que os principais retos para frear o abandono en Galicia son clarificar a propiedade, especialmente nos montes comunais e nas particións de montes veciñais para aproveitamentos individuais, así como tamén os usos que se lle poden dar a eses terreos.

“A incerteza do que se pode ou non se pode facer nunha parcela fomenta claramente o abandono, xa que o propietario exponse ao risco de que non lle dean o permiso de corta ou non poda certificar a madeira. Hai un problema lexislativo e de falta de seguridade xurídica que a Administración debería resolver”, subliñou. No relativo aos usos, recoñeceu que “onde hai aproveitamento mixto forestal e gandeiro das comunidades de montes é onde hai máis fixación de poboación no rural”.

En canto a ligar plantacións de eucalipto a abandono, Noemí García mostrou o seu desacordo xa que “naquelas zonas nas que non hai demanda de terras para usos gandeiros, deberíanse permitir as plantacións forestais, sempre cando se realizaran os coidados silvícolas”.

“Necesitamos unha visión integral do territorio, definindo os usos que se pode dar a terra en cada zona, pero sempre de acordo coas necesidades da poboación, porque está claro que os propietarios dos terreos teñen que ver un beneficio”, engadiu.

Por último, a responsable de Tenzas SL defendeu “unha reforma da lei de montes veciñais en man común para fomentar aproveitamento, e crear ferramentas lexislativas e fiscais que castiguen o abandono”.

Manuel Marey Pérez (ProEpla-USC): “O problema no rural galego é que ao que quere facer algo penalízano e ao que abandona as terras non se lle fai nada”

Manuel Marey Pérez centrou o seu relatorio en “A planificación como base para frear o abandono”. A este respecto lembrou a dificultade de planificar e ordenar os usos do solo en Galicia, un país con nada menos que case 1,6 millóns de propietarios de arredor de 13 millóns de fincas rústicas e forestais.

Neste sentido, e en relación aos usos das terras, subliñou que “calquera planificación que se faga para ser efectiva ten que ir acompañada de que haxa un mercado que valorice as producións que se permiten cultivar neses terreos”.
“Hai que adaptar a lexislación ás necesidades dos propietarios dos terreos e ao que demanda o mercado en cada zona. Aplicar unha norma xeral para toda Galicia, coartando a liberdade dos propietarios, é un erro, porque ¿que facemos coas parcelas de uso agrario en concellos nos que xa non hai actividade gandeira?”, advertiu Manuel Marey.

Por último, criticou que o actual marco lexislativo e tal como se aplica por parte das administracións “penaliza a quen quere facer unha actividade produtiva no campo, pero sin embargo non sanciona aos que abandonan as terras”.

Pola súa parte, Eduardo Corbelle, do LaboraTe-USC ofreceu un relatorio sobre “O abandono no contexto europeo”, un fenómeno que tamén asocia ao cambio de uso agrícola a forestal ou extensivo e que se concentra principalmente nas zonas de montaña e nas rexións periféricas.

Gervasio López Rodríguez, técnico do concello de Negueira de Muñiz, falou de “A conflitividade social no abandono rural”, mentres que Juan Manuel Martínez Barral, da Consellería do Medio Rural, destacou as medidas para frear o abandono no rural do PDR de Galicia, que conta cun orzamento de 1186 millóns de euros para o período 2016-2023.

A xornada rematou con tres proxectos concretos contra o abandono rural: o da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común O Carballo, en Friol; o de recuperación de soutos nos Ancares que realiza Luis Miguel Lolo ou as producións de mel ecolóxico de Alberto Uría Moreno en Negueira de Muñiz.

O Foro Económico de Galicia propón un lograr un “entendemento” cos propietarios das terras para que os emprendedores as podan utilizar

O Foro Económico de Galicia presentou este mércores un documento, titulado “Unha estratexia para a Galicia rural do século XXI. Diagnóstico e propostas para o debate”, asinado por Edelmiro López e María do Mar Pérez Fra, do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago.
Os autores propoñen nas conclusións priorizar o emprendemento no rural fronte á propiedade, chegando a un entendemento entre os propietarios das terras e os que queren usalas”.

Neste sentido, Edelmiro López afirmou que en Galicia existen 1,6 millóns de propietarios de leiras rústicas nunha poboación total de 2,7 millóns. Por iso, considera que se debe “modificar o equilibrio” entre “os dereitos” dos donos destas terras e as 25.000 explotacións existentes “con certa actividade”, así como priorizar a aqueles que queiran emprender no rural.

Descarga aquí o documento.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información