Dous cultivos con potencial en Galicia, o cáñamo e a volta do liño

A produción de liño e cáñamo vincúlase sobre todo a un aproveitamento téxtil, pero ofrecen tamén posibilidades na alimentación e mesmo se perfilan como alternativas aos plásticos. Abordamos as posibilidades destas plantacións

Publicidade
Dous cultivos con potencial en Galicia, o cáñamo e a volta do liño

Proceso de secado do liño realizado pola Asociación de Mulleres de Ínsua, que leva 11 anos recuperando este cultivo.

O liño e o cáñamo industrial son dous cultivos vinculados dende antigo a Galicia e que nos últimos anos están a buscar de novo un oco nas producións agrarias galegas. Aínda que polo de agora a súa produción é reducida, as condicións climáticas e dos solos galegos favorecen o seu cultivo.

Ademais, aínda que o seu aproveitamento está vinculado ó téxtil, ábrense novas posibilidades como a alimentación humana ou animal, así como fins terapéuticos ou mesmo como alternativa sostible fronte ó plástico.

As condicións climáticas e dos solos de Galicia favorecen o cultivo tanto do liño como do cáñamo industrial

“Tanto o liño como o cáñamo son dous cultivos que ofertan un abano de posibilidades para o seu aproveitamento en Galicia”, explica María Pilar Castro García, enxeñeira agrónoma e mestra no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña), onde recentemente abordaron as posibilidades destes cultivos nunha xornada e teñen programado realizar unha plantación experimental de liño e cáñamo.

O liño, unha produción arraigada á tradición

O cultivo do liño está moi arraigado en Galicia e conta cunha fonda tradición. “En tódalas casas galegas se aproveitou o liño durante xeracións”, explica Castro. Os teares ou as pezas de roupa de liño que aínda se conservan en moitas vivendas do rural galego dan boa conta deste pasado. Tamén os topónimos vinculados ó liño recollen a presenza deste cultivo.

Hai testemuñas desta produción tanto na cultura popular como en documentos antigos e etnográficos de toda a comunidade. “Empregábase para vestir á familia pero tamén como un elemento de troco na economía familiar, de aí que tivese tanta importancia”, concreta Castro.

O liño ten unha fonda tradición en Galicia e quedan pequenas producións artesanais en distintas zonas

Porén, a introdución doutras fibras como o algodón relegou o cultivo do liño que, pouco a pouco, se foi abandonando. Aínda así, a día de hoxe queda quen traballe o liño. “É moi difícil estimar que produción de liño hai en Galicia, porque son cultivos de tipo artesanal e moi reducidos”, explica a enxeñeira agrónoma.

recollida-lino-Mulleres-Insua-

Traballos de recollida do liño levados a cabo polo colectivo. // Foto: Asociación de Mulleres de Ínsua.

A Asociación de Mulleres de Ínsua, en Lugo, é un destes produtores de liño. Levan xa 11 anos cultivando liño para poder levar a cabo todo o proceso e manter vivo este saber. “Cando comezamos xa so as mulleres de máis idade coñecían o proceso e viamos que, en canto elas faltasen, xa non quedaría ninguén que puidese tratar o liño, por iso decidimos facelo na asociación”, explica Lourdes Otero, membro do colectivo e artesá do liño.

Dende entón, cultivan unha parcela de liño e encárganse tanto de facer o tratamento completo do liño como despois tecer co fío obtido. O proceso de obter a fibra prolóngase durante todo o ano. No colectivo realizan 32 pasos para conseguir o fío co que tecer, entre os que se inclúen o clareo, o cocido ou o lavado das fibras.

Porén, tal e como explica Lourdes, tanto o tratamento como o cultivo do liño variaba dunhas zonas a outras de Galicia, en función de aspectos como a calidade da auga e os solos.

A calidade do produto, un valor de mercado

Pese ás variacións que se dan dunhas zonas a outras, as condicións climáticas de Galicia axéitanse para a produción de liño. “As referencias históricas do seu cultivo amosan que as terras e o clima galego son apropiados. Ademais, na actualidade aínda pode verse liño silvestre en moitas zonas”, explica Castro.

Plantas de liño recollidas polo colectivo lugués. // Foto: Asoc. Mulleres de Ínsua.

Plantas de liño recollidas polo colectivo lugués. // Foto: Asoc. Mulleres de Ínsua.

En Francia estase a producir liño hoxe en día, mentres en Galicia quedou abandonado pese á calidade que se pode ofrecer

O liño que se cultiva en Galicia destínase principalmente para un aproveitamento téxtil. “Prodúcese unha fibra de moi boa calidade e iso é un valor que abre mercado. Hoxe en Francia estase a producir liño mentres en Galicia fomos deixándoo abandonado pese á calidade que podemos ofrecer”, apunta Castro.

Xunto ó aproveitamento téxtil, o cultivo de liño tamén se pode destinar para o aproveitamento das súas sementes para a produción de pensos e de alimentación humana. “A liñaza está en auxe, ó igual que outras sementes consideradas como superalimentos, que cada vez teñen maior demanda”, concreta a enxeñeira agrónoma.

O cáñamo ábrese paso cara a novos aproveitamentos

A produción de cáñamo industrial, nas variedades que carecen de THC, o compoñente psicotrópico, é moi puntual en Galicia, aínda que as condicións climáticas e de solo son tamén favorables. Inicialmente non hai referencias históricas a este cultivo en Galicia, como ocorre co liño, porén, no sector apúntase a que xa se puido dar un aproveitamento desta planta, como aconteceu en Portugal, onde si existe constancia dela. Quizais en Galicia non haxa referencias porque se teña englobado dentro da produción de liño, sen chegar a diferenciala cunha terminoloxía específica.

O cáñamo pode empregarse como substituto biosostible do plástico pola resistencia que ofrecen as súas fibras

Hoxe o aproveitamento do cáñamo pode destinarse a unha ampla variedade de usos en distintos campos. A obtención de fibras téxtiles, o cultivo para forraxes, a elaboración de pinturas, aceites, combustibles, así como a elaboración de produtos terapéuticos e medicinais abren diferentes mercados.

Ademais, preséntase como unha alternativa respectuosa co medio ambiente. “A gran resistencia que presentan as fibras de cáñamo fan que se poida mesmo propor como unha alternativa biosostible ó plástico por exemplo na confección de cabos para barcos ou en pezas de automoción”, explica Castro.

canamo-industrial-

Fío de cáñamo. //Foto. CFEA. Guísamo.

Así coma co liño, as sementes do cáñamo teñen propiedades beneficiosas para a saúde e conteñen tódolos ácidos graxos esenciais, servindo como reforzo do sistema inmunitario.

En Galicia, firmas como Naturwear, situada no Baixo Miño, están a aproveitar o cultivo do cáñamo para a fabricación téxtil. O aproveitamento destas fibras é un forte competidor para o algodón, posto que se poden obter fibras con maior suavidade. Ademais, unha hectárea de cáñamo pode producir o dobre de fibra que unha de algodón, tal e como recolle un informe presentado recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que contempla ó cáñamo como un cultivo con potencial de aproveitamento no agro.

Técnicas de cultivo

Atendendo ó uso para o que se vaia a destinar o cultivo de cáñamo, o procedemento a seguir tamén será diferente. Así, se o que se pretende é aproveitar as sementes, follas e flores, ricos en graxas e proteínas, e considerados un alimento moi completo, o seu tratamento é manual. As sementes deben colleitarse ós 80 ou 90 días e despois pasan por un proceso de secado do gran. Neste caso, estímase que se precisan entre 40 e 50 quilos de sementes por hectárea, que teñen un custo de entre 9 e 12,5 euros o quilo.

O custo das sementes supera os 9 euros por quilo, precisándose entre 40 e 75 quilos por hectárea

Porén, se o que se pretende é o aproveitamento das fibras, debe incrementarse o número de sementes ata 60 ou 75 quilos, segundo as recomendacións do informe emitido por Agaca. Tamén a súa recolección se atrasa ata os 120 ou 130 días, cando a planta ten un crecemento xa de entre 2,5 e 4 metros, o que implica que tamén se empregue maquinaria axeitada.

Plantas de cáñamo industrial.

Plantas de cáñamo industrial.

Nos últimos anos, o cultivo de cáñamo está suscitando interese entre comunidades de montes, agricultores ou gandeiros que ven viable un aproveitamento das terras con esta planta. Ademais, fronte a outros cultivos, o cáñamo presenta unha maior resistencia a distintas pragas e ataques da fauna salvaxe. “Os produtores viron que as plantacións non sofren danos polo xabaril”, explica a enxeñeira agrónoma.

O xabaril ignora ó cáñamo, o que reforza o interese do cultivo no campo

O cultivo de cáñamo deixa outras vantaxes, a parte do propio rendemento que se poida obter, posto que se considera unha planta rexeneradora da terra, xa que impide o crecemento doutras herbas e mellora o solo debido á súa raíz pivotante.

Con todo, o cultivo de cáñamo industrial é aínda moi puntual en Galicia. Ademais, a gran semellanza das plantas coa variedade psicotrópica, xa que a simple vista non se chegan a diferenciar, fai preciso que estas plantacións se lle notifiquen á Garda Civil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información