División entre parte do sector apícola e a Xunta pola loita contra a avespa asiática

Á reunión convocada pola conselleira de Medio Rural en Santiago non acudiu a Asociación Galega de Apicultura en protesta por non convocar tamén aos concellos afectados. A Consellería anuncia a posta en marcha dun plan de formación para o persoal de Emerxencias sobre Vespa Velutina e unha campaña de información cidadá

División entre parte do sector apícola e a Xunta pola loita contra a avespa asiática

Ángeles Vázquez na reunión co sector apícola

O combate contra a vespa velutina ou avespa asiática, unha especie invasora que se está expandindo por Galicia, con graves danos para a apicultura ou a fruticultura, está a xerar división entre a Consellería do Medio Rural e unha parte do sector apícola e dos concellos máis afectados.

A nova conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, tiña convocada para esta tarde a súa primeira xuntanza coas asociacións apícolas de Galicia para valorar a problemática deste sector e, en particular, a situación existente respecto á vespa velutina.

Sen embargo a convocatoria xerou un importante malestar na Asociación Galega de Apicultura (AGA), a principal organización do sector xunto coa Agrupación Apícola de Galicia, ata o punto de dar plantón á reunión e non acudir á mesma. O motivo, segundo Xesús Asorey, secretario de AGA “é a negativa da Consellería de convocar á reunión tamén aos concellos e outros sectores afectados pola Vespa Velutina”.

A consellería lamentou o plantón “pois en todo momento mantivo o obxectivo de sentar en torno á mesma mesa a todo o sector apicultor”.

AGA, unha das organizacións máis activas na loita contra a avespa asiática, e preto de 40 concellos, afectados pola avespa asiática -principalmente da Mariña Lucense e do norte da Coruña- elaboraron e consensuaron a finais de agosto un documento que inclúe unha plan de actuación para coordinar os diferentes axentes implicados nesta problemática. “AGA e concellos solicitaron unha reunión coa Consellería de Medio Rural para trasladarlle esta proposta e a resposta da Consellería foi convocar unha reunión só para o sector apícola, sen ter en conta os concellos nin outros sectores afectados”, denuncia Xesús Asorey, polo cal non acudiron á reunión.

Dende os concellos integrados na plataforma con AGA tamén criticaron que non se lles convocara “malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas·.

Medio Rural anuncia un plan de formación específico sobre Vespa Velutina para o persoal de emerxencias

Si acudiron representantes da Agrupación Apícola de Galicia e da Asociación Provincial Lucense de Apicultores. No encontro a conselleira do Medio Rural anunciou un plan de formación específico para facilitar a participación directa dos medios de emerxencias dentro das accións de vixilancia e control da vespa velutina. Ademais, a Xunta levará a cabo unha campaña de información á cidadanía, concellos e sectores afectados, “para asegurar a detección temperá dos niños e para que se coñezan axeitadamente os perigos reais desta especie”.

A maiores, promoverase a investigación na materia, co obxecto de atopar novos medios de loita máis selectivos e efectivos e, ao mesmo tempo, respectuosos co medio ambiente. Tamén se creará un comité de seguimento da problemática da vespa velutina, no que se integren as unidades da administración afectadas (Medio Ambiente, Medio Rural, Vicepresidencia e Sanidade), os representantes do sector apícola, e expertos entomólogos que asesoren nas medidas correctas a tomar, así como os Grupos de traballo que sexan necesarios no marco do dito comité.

Ademais, a conselleira aproveitou para anunciar que no ano 2016 se incrementarán en máis dun 10% as axudas establecidas no marco do Plan Nacional Apícola, como medida de apoio que axude a paliar os danos ocasionados.

A Agrupación Apícola demanda mellores trampas

Dende a Agrupación Apícola de Galicia, a súa portavoz, Esther Ordóñez, que si acudiu á reunión, demandoulle á Consellería que facilite mellores trampas que as que se están distribuíndo, así como que en cada concello haxa persoas encargadas das chamadas relativas aos avisos de niños de vespa asiática, xa que “no 112 os trámites burocráticos son moito máis longos”.

Igualmente, dende a Agrupación Apícola demandaron aumentar a investigación no control desta praga, implicando ás universidades, que se implique aos axentes forestais na detección de niños ou que se cree unha plataforma online para consultar os datos actualizados sobre a situación en cada zona.

Esther Ordóñez tamén defendeu inactivar os niños de Velutina, sen necesidade de retiralos, e marcalos cunha pintura de cores para que se saiba.

AGA reclama máis trampas e coordinación entre as administracións

XESUS_ASOREY_AGA_01

Xesús Asorey, secretario de AGA

Pola súa parte, en declaracións a Campo Galego, o secretario de AGA, Xesús Asorey asegurou que a loita contra a avespa velutina en Galicia “non está a ser suficientemente eficaz”. Así, explicou que “por unha parte, as trampas para capturar raíñas hai que repartilas sobre todo en primavera e recoméndase instalar unha por cada dez colmeas, polo que partindo de que temos unhas 60.000 colmeas deberíanse ter repartido este ano unhas 6.000 trampas, e non creo que a Xunta chegase ás 3.000 ao longo deste ano”.

Tamén coincidiu en reclamar da Xunta de Galicia “que financie algún tipo de investigación para frear esta praga”. E a outra demanda á que se referiu e que motivou o plantón foi a coordinación entre as administracións. “Non entendemos que a Xunta prescinda dos concellos das zonas afectadas pola avespa asiática”, lamentou.

Máis de 6.000 avisos en 2015

Por último, Medio Rural informa de que durante o ano 2015 recibíronse no servizo de Atención e Información á Cidadanía, 012, un total de 6.327 avisos relacionados coa vespa velutina. Despois da correspondente avaliación, como consecuencias das actuacións directas da Xunta de Galicia, retiráronse ou inactiváronse un total de 2.715 niños.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información