Día Mundial das Abellas: Poñede unha colmea na vosa vida!

Artigo de opinión de Ester Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da IX Mel de Galiciad

Día Mundial das Abellas: Poñede unha colmea na vosa vida!

As abellas son claves para o equilibrio natural

Foi en outubro de 2017 cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 20 de maio como Día Mundial das Abellas, coincidindo coa data do nacemento de Anton Janša, quen no século XVIII foi pioneiro nas técnicas modernas da apicultura no seu país natal, Eslovenia, e recoñeceu a estes insectos pola súa habilidade para traballar duramente requirindo á vez moi pouca atención.

Dende aquela cambiou moito o conto… posto que cada vez as Abellas requiren máis atención dos seus coidadores/as, debido sobre todo á man do home: a globalización favorece o desprazamento das pragas, que se moven dun sitio para outro sen ningún problema; o cambio climático repercute na floración e no clima das distintas zonas; os monocultivos fan que en certas zonas as Abellas teñan desequilibrios nutricionais, que coma a nós lles van repercutir gravemente na súa saúde; o abuso, en certos sitios, dos pesticidas e herbicidas tamén pasan factura tanto á biodiversidade, como á saúde das abellas e demais seres vivos.

Por contra, as Abellas seguen a ser esas traballadoras incansables, que parece que lles dá igual que nós queiramos poñer todo este caos no mundo. Elas seguen ao seu… incluso nestes momentos de coronavirus, que nos obrigou a facer un parón na nosa vida, e mesmo nos levou a reflexionar sobre cousas nas que xa había tempo que non pensaramos… Elas seguen ao seu, afanadas en recolectar néctar e pole, en colaborar desinteresadamente a que a nosa Galicia siga sendo tan verde, tan chea de flores, con tantos froitos e sementes que nos serven de alimento tanto aos animais racionais como aos irracionais, elas non fan discriminación.

As Abellas, a apicultura en si, é unha gandaría que como digo moitas veces “engancha”, pero é unha adicción sa. Por se non o sabedes os apicultores maiores van durmir a sesta ao colmear en época de enxames, seica é para que non se lles escapen, pero creo que tamén é porque así teñen outra escusa para ir visitar a estes animaliños tan especiais e que se te paras un pouco a observalas ves que che poden ensinar moitas cousas e que son fascinantes; podes estar toda unha tarde diante das colmeas e non te vas aburrir, vendo o seu ir e vir, como defenden a colmea, como a airean nos días de calor para baixar a temperatura, como se limpan as antenas e as patas (para os que nos as víchedes facelo semellan gatos cando se están a asear). Debe ser por todo isto que a min tamén me “engancharon”, cóntovos un pouco a miña historia con este mundo…

A min dende pequena sempre me gustaron moito os animais e a natureza por iso decidín estudar veterinaria. Durante a carreira tamén me chamou moito a atención o campo da hixiene e tecnoloxía dos alimentos, pero a verdade é que nunca pensei que ía adicarme á apicultura e ao Mel de Galicia. Cando se fala de veterinarios/as, case ninguén pensa en veterinarias apícolas, que é no que me especialicei.

“Atribúeselle a Einstein a frase de que se as abellas desaparecesen á humanidade non nos quedarían máis que catro anos de vida”

Todo foi unha casualidade, ou algo que xa estaba predestinado e que me deparaba o destino, así emprendín este camiño onde se xuntan as tres cousas que máis me apasionan:

1. Os animais: neste caso moi pequeniños, pero moi organizadas e sobre todo moi traballadoras. As Abellas obreiras son as máis traballadoras do mundo animal.

2. A natureza: a apicultura é a gandaría que está máis ligada á natureza, ao igual que o Mel de Galicia, que é un produto intimamente ligado ao territorio.

3. A tecnoloxía e hixiene dos alimentos: posto que as Abellas dan moitos produtos, o máis coñecido é o mel, pero tamén están outros coma: pole, xelea real, própole. E todos teñen propiedades beneficiosas para a saúde.

Por todo isto que contei gustaríame que a partir de agora non vexades as abellas coma uns simples insectos máis, senón como esas prezadas “farmacéuticas aladas”, esas polinizadoras incansables. Atribúeselle a Einstein a frase de que “se as abellas desaparecesen á humanidade non nos quedarían máis que catro anos de vida”. Eu non sei seguro se isto sería así, pero dende logo que teríamos un mundo máis gris, máis apagado, sen flores, sen moitas froitas e sementes e por suposto sen escoitar o encantador zunido das abellas cando están afanadas nas árbores e flores dos campos.

Xa sabedes, poñede unha colmea na vosa vida!!!

#DiaMundialDasAbellas #DiaMundialDeLasAbejas #WorldBeeDay

Ester Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información