Dez medidas para que o negocio eólico deixe máis rendas no rural galego

Os propietarios das terras reciben na actualidade entre o 1,1 e o 2,4% da facturación total dos parques, segundo un informe elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia

Publicidade
Publicidade
Dez medidas para que o negocio eólico deixe máis rendas no rural galego

En Galicia hai 160 parques eólicos, con 3.400 megawatios (MW) instalados. Nos próximos 10 anos, esa potencia pode duplicarse, o que representa unha oportunidade de xerar maiores rendas para o rural galego, segundo subliña un informe que vén de presentar o Observatorio Eólico de Galicia.

Os beneficios que recibe agora o rural da ‘tarta eólica’ son limitados. Os propietarios perciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques. Se se teñen en conta tamén os impostos (IAE, IBI, imposto de construción, etc.) que reciben os Concellos e os ingresos derivados dos parques eólicos municipais, o negocio eólico deixa no rural un 5% da facturación dos parques.

É un escenario mellorable, segundo se valora no informe do Observatorio Eólico de Galicia, un organismo constituído a tres bandas entre a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto. O informe presenta dez propostas para mellorar o impacto da enerxía eólica no desenvolvemento rural, pois cómpre ter en conta que a práctica totalidade dos aeroxeneradores se sitúan en concellos rurais.

1) Limitar os procesos de expropiación de terras

A xeración de rendas anuais para os propietarios polo arrendamento das terras é a fórmula máis beneficiosa para o rural. Se as compañías eléctricas recurren á expropiación das terras, favorecida pola normativa vixente, o negocio eólico deixará menos cartos no terreo.

O Observatorio Eólico de Galicia propón que se recupere a obriga legal de que as compañías enerxéticas teñan que xustificar os motivos de porque non chegaron a acordo cos propietarios dos montes, debendo quedar estes motivos acreditados documentalmente. Proponse tamén o deseño de instrumentos que incentiven os acordos entre as partes.

2) Apostar pola figura de parques eólicos comunitarios

Tal e como se está facendo noutros países de Europa, o informe avoga por crear unha figura específica de parques eólicos comunitarios, que poidan ser promovidos por comunidades de montes, cooperativas, propietarios e pequenas empresas do rural.

De crearse esa figura, a Administración tería que reservar unha parte dos novos megawatios eólicos para os parques comunitarios.

3) Crear a figura dos parques eólicos municipais

En Galicia, impulsáronse ata o de agora 13 parques eólicos singulares, promovidos con participación de Concellos, e hai outros 14 pendentes de execución. Son proxectos de impacto limitado, pois teñen un máximo de 3 MW de potencia, pero demostraron os seus beneficios para as arcas municipais, pois de media xeran 36.000 euros por megawatio e ano para os Concellos promotores.

O informe do Observatorio propón ampliar a figura dos parques singulares, de xeito que non estean limitados a 3 megawatios de potencia.

4) Promover un contrato tipo entre as eléctricas e os propietarios

O informe suxire que a Xunta cree un contrato tipo que aporte maior transparencia e garantías para as comunidades rurais.

5) Base de información pública sobre os prezos pactados nos distintos parques entre as compañías eléctricas e os propietarios das terras

Esta medida favorecería que os propietarios das terras negociasen con maior información e coñecemento do escenario de mercado. Na actualidade, a remuneración que perciben os propietarios é moi variable, oscilando de media entre 1.315 e 8.000 euros por megawatio instalado.

6) Obriga legal de ofrecerlle ós propietarios unha participación no capital das empresas eólicas

En Dinamarca, lexislouse no 2016 para que os propietarios de terras próximas a un parque éolico teñan dereito de acceso ó capital social das empresas eólicas. O informe do Observatorio Eólico propón que ese aspecto se regule tamén en Galicia, establecendo unha obriga legal para que os propietarios de terras cercanas a un parque éolico (4-5 km.) teñan posibilidade de participar no capital social das compañías, establecendo unha reserva de cota dun 20%.

7) Distribuír os beneficios do Canon Eólico nos concellos con parques

O Canon Eólico recaudado pola Xunta das compañías eléctricas reinvístese na actualidade en toda Galicia, reservándose unha parte para os Concellos con parques éolicos. O Observatorio propón que a totalidade do Canon se destine ós municipios con parques éolicos instalados, pero precisa que eses cartos non deben ir só ós Concellos, senón que aposta por establecer tamén programas de financiación de iniciativas para as comunidades locais.

8) Cambiar o deseño do Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental

A Administración cóbralle ás empresas eléctricas un Canon Eólico en función do número de aeroxeneradores. Dado que a maioría dos parques están facendo un proceso de repotenciación, reducindo o número de aeroxeneradores, proponse que o Canon se cobre en función da potencia do parque e non polo número de muíños. Outras comunidades autónomas xa veñen cobrando desde hai anos o Canon en función da potencia.

9) Fomentar impostos locais para os parques ó tipo máximo de gravame permitido

Con esta medida, trataríase de lograr unha maior recadación das arcas municipais en impostos como o IBI, o IAE ou o imposto de construción.

10) Promover unha maior conexión entre os promotores dos parques eólicos e as capacidades das empresas locais para participar na execución do mesmo

Abordada esta cuestión con antelación suficiente, é posible impulsar procesos de formación para que as empresas locais teñan unha maior cota de participación na execución dos parques eólicos.

Tres gráficas que explican a enerxía eólica en Galicia

Distribución dos parques éolicos por concellos

eolicos mapa

A gran maioría dos parques está ubicado en concellos do rural, principalmente na Costa da Morte, na media montaña da Dorsal galega e na Mariña lucense – Serra do Xistral.

Facturación acadada polos parques eólicos

eolicos facturacion

A facturación total dos parques éolicos galegos ronda os 700 millóns de euros anuais, dos cales só uns 27 millóns quedan nas comunidades rurais (12,7 millóns nos Concellos, vía impostos, 10,5 millóns nos propietarios das terras e 1,2 millóns nos parques eólicos singulares promovidos por 13 municipios).

Prezo medio da enerxía eólica

eolicos retribucion media

A enerxía eólica está sometida a un prezo de mercado variable. No 2013, ao retirarse as primas do Goberno ós parques éolicos, houbo unha baixada de rendibilidade, pero desde o 2017 os prezos remontaron por encima dos 80 euros por megawatio hora producido (MWh), manténdose esa situación na actualidade.

Os propietarios das terras perciben cada ano de media entre o 1,1 e o 2,4% da facturación do parque. A maior porcentaxe de ingresos (2,4%) produciuse no 2016, cando o MWh eólico situouse por baixo dos 60 euros, pero nos últimos anos, ó aumentar o prezo da enerxía, a participación dos propietarios nos beneficios reduciuse.

Non semella existir unha correlación entre a produtividade en horas de funcionamento de cada parque e as rendas dos propietarios. Detectáronse casos de parques coas mesmas horas de funcionamento nos que os propietarios das terras dalgúns complexos chegaban a percibir o dobre do que se cobraba noutros. Tamén hai situacións de parques con moi distinta produción nos que os propietarios reciben a mesma renda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información