Destínanse 14,5 millóns de euros a restaurar zonas afectadas por lumes

Destínanse 14,5 millóns de euros a restaurar zonas afectadas por lumes

O Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural acordan impulsar unha actuación conxunta en materia de restauración hidrolóxico forestal de zonas afectadas por lumes. O presuposto total pactado é de 14,5 millóns de euros, dos que 7,5 proceden da Xunta e 7 do Goberno central.

As accións previstas céntranse sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense, en zonas afectadas polos lumes dos últimos anos, entre o 2016 e o 2018. Financiaranse traballos en 11 distritos forestais de toda Galicia: Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia, na provincia de Ourense; Condado-Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-Salnés (Pontevedra); O Barbanza (A Coruña) e A Fonsagrada-Ancares e Terra de Lemos, na de Lugo.

As actuacións centraranse na repoboación e corrección hidrolóxico-forestal, incluíndo descontinuidades preventivas de novos lumes. Son intervencións tales como os tratamentos postincendio de conservación de solos, a eliminación de restos forestais afectados, a reforestación de zonas danadas, a restauración da vexetación cos intereses ambientais
(restauración do hábitat), a restauración de investimentos danados, as instalacións de protección e a construción de obras de enxeñaría necesarias. Entre estas últimas, estarían as obras de hidrotecnia como socalcos, feixes, pontóns, bueiros, cunetas, pasos canadenses e outros para a restauración das zonas afectadas.

A vixencia do convenio esténdese ata o 30 de novembro de 2022 e crearase unha comisión bilateral de seguimento para o impulso e control das actuacións, así como para velar polo seu cumprimento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información