A Xunta permitirá cazar xabaríns sen cupos en 33 concellos ante a sobrepoboación da especie

A Xunta permitirá cazar xabaríns sen cupos en 33 concellos ante a sobrepoboación da especie

Danos dos xabaríns nos cultivos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda declarará a emerxencia cinexética temporal en catro áreas galegas que agrupan máis dunha trintena de concellos galegos. Así o adiantou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha rolda de prensa sobre o plan de medidas de control do xabaril, quen aclarou que esta medida abarca a 33 municipios, 76 tecores (terreos cinexéticamente ordenados) e 10 zonas libres, é dicir, case un 42% da superficie de Galicia, que representa un total de 481.170 ha. As comarcas nas que se declarará esta situación son: Betanzos- Eume, Terra Chá, Viana e Deza.

A directora xeral sinalou que se trata dunha decisión que adopta o Goberno galego tras constatar a existencia de danos ocasionados á agricultura, coa que se permite abater ou capturar exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

Belén do Campo sinalou que o Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética que resulte perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza, poderá declararse como zona de emerxencia cinexética temporal, e determinarse as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións.

Do Campo aclarou que, dada a situación actual, e co fin de incrementar a efectividade no control sobre as poboacións do xabaril outra das medidas previstas pola Xunta será a modificación da normativa actual (Lei de caza), de xeito que se poda autorizar a caza mediante outras modalidades que se adoitan a empregar na caza menor, como a caza “en man” ou “ao salto”; ao tempo que tamén se modifica a Resolución Anual de Vedas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia do vindeiro día 2 de outubro, co obxectivo de que en todos os concellos da Comunidade as autorizacións de caza por danos se realicen de xeito inmediato e así dar unha solución á situación que está a provocar esta especie, cada vez máis habitual nas zonas periurbanas.

Belén do Campo explicou que a Xunta toma esta decisión tendo en conta os datos que reflicten unha sobrepresenza de xabaril na Comunidade, pois ata a data se teñen comunicados 3.907 avisos (a través do 112) por danos de xabaril, se abateron 16.108 exemplares (dentro da tempada hábil e derivadas de accións por danos), se autorizaron 31.724 cacerías e provocaron 1.805 accidentes de tráfico, segundo as cifras reportadas pola Dirección Xeral de Tráfico a principios de setembro.

Medidas nas áreas de emerxencia cinexética

Así, a directora xeral explicou que nos terreos cinexéticos permitirase a caza durante todos os días da semana, salvo nas zonas libres nas que se especifican certas salvedades no relativo aos días permitidos: así no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

En ambos casos deberán realizar unha comunicación previa á correspondente Xefatura Territorial cunha antelación mínima de 10 días naturais. Asemade, os tecores só deberán comunicar as cacerías correspondentes a aquelas xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da tempada 2019/2020.

Tamén se autorizan medidas de agarda ou espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa comunicación. De xeito excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza. Outras das medidas que se habilita con esta situación é que se autoriza aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas.

Esta medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

En todos os casos, os exemplares capturados mediante a aplicación destas medidas nas áreas de emerxencia cinexética temporal deberán identificarse mediante precintos e comunicarse á correspondente Xefatura Territorial no prazo de 15 días.

Implicación das administracións

A directora xeral destacou unha vez máis a necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de maleza, unha colaboración que recordaremos novamente a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), reiterou a directora.

Lembrou que as zonas de maleza incontroladas son idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o que propicia a súa incursión na procura de alimento.

A directora xeral reiterou unha vez máis a necesidade de que o Goberno do Estado poña en marcha canto antes a Comisión de seguimento do xabaril, xa que non é unha situación que afecte exclusivamente a Galicia, co fin de facer un seguimento continuado e fixar uns criterios uniformes e claros para a elaboración dun estudo poboacional e establecer medidas conxuntas e globais que palien a presenza desta especie.

Por último, recordou que o impulso a esta Comisión xa foi solicitado pola conselleira de Medio Ambiente a través dunha carta dirixida á ministra de Transición Ecolóxica, e engadiu que tamén se lle trasladou a necesidade de habilitar fondos para facer fronte a posibles casos de peste porcina africana -que xa se teñen detectado en Europa-, ao tempo que de darse o caso de constatar a presenza de exemplares afectados pola peste porcina africana, solicitaríase a colaboración do Exército que- xunto coa Federación Galega de Caza- poderán formar grupos de cazadores especializados para levar a cabo medidas preventivas e de control da poboación do xabaril.

A continuación, detállanse as comarcas nas que se declarará a alerta cinexética temporal e os concellos que abarca:

Comarca Concellos Superficie
Betanzos- Eume Aranga, Betanzos, Cabanas, A Capela, Coiros, Curtis, Irixoa, Monfero, Miño, Oza dos Ríos, As Pontes, Paderne, Vilasantar, Vilarmaior. 121.550 ha
Terra Chá Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Xermade, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba. 182.310 ha
Viana A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. 74.630 ha
Deza Dozón, Agolada,Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. 102.680 ha

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información