Xunta e Fundación Juana de Vega únense para recuperar terras abandonadas no Val de Lemos

Xunta e Fundación Juana de Vega únense para recuperar terras abandonadas no Val de Lemos

Zona de regadío e de concentración parcelaria en Bóveda, con numerosas plantacións forestais

O Consello da Xunta aprobou este xoves un informe sobre o convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Juana de Vega para rematar o proxecto “Mobilización de terras no Val de Lemos”, onde se pretende poñer á disposición das explotacións interesadas da zona preto de 300 hectáreas abandonadas.

Con este acordo, a Consellería do Medio Rural vai regular o uso e aproveitamento de parcelas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas á disposición de todas aquelas persoas que necesiten terreos para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio, entre outros.

Máis de 2000 hectáreas de regadío que na súa maioría están abandonadas

O plan de regadío do Val de Lemos foi un dos grandes fracasos da política agraria do franquismo en Galicia. As obras de construción dos canais de regadío, que incluíron a construción do encoro de Vilasouto, acometéronse durante os anos 60 e 70, pero contaron con múltiples carencias dende un principio (falta de concentración parcelaria, de estudos de mercado, ou de obras de nivelación do terreo).

Desta forma, o que estaba proxectado como a maior zona de regadío agrícola de Galicia (preto de 5.000 hectáreas do val de Lemos) finalmente quedou en pouco máis de 2.000 hectáreas ás que realmente chega a auga a través da rede de acequias. Sen embargo, en apenas 600 hectáreas se utiliza realmente o regadío, estando abandonadas a maioría das terras agrícolas.

Ganderías e cooperativas de vacún de leite, as máis interesadas

De aí naceu inicialmente o interese da Fundación Juana de Vega, e de cooperativas galegas vinculadas ao sector lácteo, por recuperar estas superficies para a produción de forraxes, como millo forraxeiro.

Neste sentido, o primeiro paso que se levou a cabo foi a selección e caracterización das zonas piloto, rexistradas nos concellos lucenses de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, O Saviñao e Sober debido ao interese agrario que hai na zona.

Seguidamente procedeuse á identificación da demanda efectiva, que se caracteriza por seren granxas e cooperativas de vacún de leite, fundamentalmente. Tamén estarían interesados neste proceso de mobilización de terras, pero, en menor medida, explotacións de vacún de carne e de horta. En calquera caso, os interesados teñen intención de ampliar a súa base territorial e así mellorar a súa competitividade.

Coa sinatura deste acordo, que ten un orzamento de algo máis de 62.000 euros, vaise definir a estratexia a seguir para estimular a oferta destas terras. A Xunta mediará entre os donos e os interesados con diferentes accións como arrendamentos, co obxectivo de ofrecer garantías xurídicas a todas as partes implicadas.

O período de vixencia do convenio rematará o 31 de decembro do 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información