Unións advirte de que parte dos plans de mellora quedan fóra por retrasos burocráticos

Unións advirte de que parte dos plans de mellora quedan fóra por retrasos burocráticos

Nave gandeira. / Arquivo.

Os solicitantes dun plan de mellora da súa explotación agraria teñen de prazo ata o 15 de outubro para presentar as licenzas de obra que precisen, pero hai unha parte que non chegará a tempo, pois os retrasos nas avaliacións medioambientais da Xunta ou na concesión das licenzas municipais deixaraos fóra. Unións Agrarias advirte do problema e pide un cambio do sistema, de xeito que só se pidan as licenzas á hora de certificar a obra e pagar a subvención, non antes da concesión da axuda.

Este ano, a diferenza do anterior, houbo unha prórroga dun mes por parte da Consellería do Medio Rural para presentar as licenzas requeridas, pero é unha solución que desde Unións Agrarias ven insuficiente. “En todo o mes de agosto e setembro, Medio Ambiente só resolveu tres expedientes de plans de mellora. O problema principal rexistrouse na provincia da Coruña, na que desde o 3 de agosto ó 7 de setembro non se publicou ningún expediente de avaliación ambiental de explotacións agrarias”, explica o responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose.

Pose sinala que Medio Ambiente está a publicar estes días novas avaliacións ambientais de plans de mellora, “pero chegan tarde”, critica, xa que os expedientes teñen que estar publicados durante 20 días antes de quedar aprobados. Eses trámites ambientais son imprescindibles en parte dos casos para recibir a correspondente licenza municipal, co cal en ningún caso as licenzas estarán concedidas antes do 15 de outubro, día no que remata o prazo para presentalas.

Desde Unións inciden en que este problema estase a rexistrar tódolos anos, polo que piden a volta á normativa que había antes de cambiar a Lei do Solo, cando só había que presentar as licenzas de obra para certificar a execución do proxecto e cobrar a axuda, non antes da concesión da axuda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información