Primeiros pasos do plan de recuperación de terras abandonadas no Val de Lemos

Na comarca do Val do Lemos púxose en marcha un proxecto piloto para mobilizar as terras desaproveitadas. Agora esta iniciativa encara súa recta final co deseño das áreas para lograr un maior aproveitamento por parte de profesionais agrarios. Coñecemos este plan de mobilidade da terra

Primeiros pasos do plan de recuperación de terras abandonadas no Val de Lemos

Unha das parcelas que se inclúen no proxecto para un maior aproveitamento produtivo da terra.

O Proxecto de Mobilización produtiva de terras no Val de Lemos botou a andar de man da Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC, o LaboraTe, co obxectivo de detectar as necesidades de terra dos profesionais agrarios da zona do Val do Lemos. A importante superficie de terreo abandonado era unha dificultade para o desenvolvemento da actividade produtiva na zona e con este plan pretendían mobilizar superficie improdutiva nos concellos da comarca.

Na actualidade, o proxecto atópase en plena fase de deseño das zonas nas que acadaron o consenso dos propietarios para facilitar o aproveitamento das terras. Estas xestións estanse realizando xa pola Consellería de Medio Rural, logo de que no 2017 se asinara un convenio de colaboración. Nestes momentos están a traballar tanto no procedemento dos futuros arrendamentos destes terreos como na valoración dos custes dun acondicionamento das terras para que resulten axeitadas e atractivas para todas aquelas persoas que necesiten terreos para usos agrícolas e gandeiros.

Traballan sobre un perímetro inicial de 80 ha no Concello de Bóveda para conformar pezas que se poidan aproveitar en continuo

Neste momento, traballan sobre un perímetro inicial de 80 ha no Concello de Bóveda para conformar pezas que se poidan aproveitar en continuo. Procuran ofrecer conxuntos de parcelas que sumen en torno a 5 ou 6 ha para que ademais resulten axeitadas para o seu aproveitamento. “Ao ser un programa voluntario, aínda que teña boa aceptación, como está a ser o caso, é preciso conseguir garantías de participación durante un tempo concreto”, explica María Pérez Folgueira, xefa de servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo, implicada na realización do plan.

Localizar ós propietarios

Un dos retos que afrontou esta experiencia piloto foi localizar ós propietarios. A investigación da titularidade dos terreos improdutivos para poder empregalos supuxo un esforzo importante para o cal botaron man da colaboración do Concello xa que “había xente que ao vivir fóra da zona de actuación, non podía asistir ás convocatorias nin recibía as cartas que se enviaban ós propietarios porque en moitos casos son herdeiros”, explica Pérez.

Pese á dificultade de localizar algúns propietarios, o plan suscitou un interese notable, e boa parte dos interesados contactaron directamente cos encargados da xestión desta experiencia piloto.

Beneficios mutuos

O plan aséntase en conseguir un beneficio mutuo e busca uns beneficios tanto para os propietarios das terras como para aqueles que precisan de base territorial para a súa actividade. “Os propietarios mostráronse moi satisfeitos inicialmente porque, aínda que participar desta iniciativa non lle remita uns ingresos económicos importantes, alomenos reduce os gastos do mantemento destas parcelas para dar cumprimento ás normativas da loita contra incendios, poñendo en valor os seus terreos”, comenta Pérez.

Xestión a través do Banco de Terras

A xestión destas terras abandonadas corresponderá directamente ó Banco de Terras de Galicia para así permitir un intercambio con tódalas garantías, como unha maior protección fronte ós impagos ou facilidades á hora dos pagos. Contemplan que se realicen arrendamentos pactados. En canto á valoración dos terreos, están a traballar para fixar un prezo por hectárea a partir dos prezos de referencia que ten publicado o propio Banco de Terras.

Experiencia piloto

María Pérez destaca ademais que esta experiencia piloto está a proporcionar unha bagaxe na xestión do territorio desaproveitado que se pode incorporar a outros procesos para conseguir que sexan máis áxiles. “Permítenos valorar as dificultades coas que nos atopamos e aprender delas para facer que estas iniciativas cheguen a máis xente e poidamos ir propoñéndolles ferramentas máis axeitadas”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información