Perigan as axudas agroambientais, de incorporación e de plans de mellora no 2020 e 2021

Perigan as axudas agroambientais, de incorporación e de plans de mellora no 2020 e 2021

Temor entre os gandeiros a que nos anos 2020 e 2021 non haxa convocatoria de axudas agroambientais, de incorporación e de plans de mellora, tal e como sucedeu nos anos 2013 e 2014

E é que no ano 2020 rematará o actual período da PAC pero a falta de aprobación do Marco Financiero Plurianual (MFP) da UE 2021-2025  fará que ata o ano 2022, segundo coinciden os expertos, non entre en vigor a nova PAC. Este limbo de dous anos e a falta de orzamento pon en perigo as axudas do segundo piar, afectando a milleiros de gandeiros e agricultores, sobre todo de zonas de montaña e en ecolóxico, pero tamén ás axudas de incorporación e plans de mellora.

En Galicia, existen actualmente uns 4.000 beneficiarios das axudas agroambientais que este recibiron un total de 17 millóns de euros; é dicir, unha media duns 4.000 euros por explotación, principalmente da provincia de Lugo, e en menor medida das zonas de montaña de Ourense.

Sen embargo, e tal e como recoñecen dende a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, que se manteñan as axudas agroambientais nos anos 2021 e 2022 “depende do período transitorio aínda por definir pola Comisión Europea”.

 “A Xunta e o Ministerio poden adiantar o orzamento para que os gandeiros cobren as axudas”

Entre as organizacións gandeiras existe o temor a que volva suceder como no anterior período da PAC, “onde por falta de previsión, durante dous anos, no 2013 e no 2014, e ata que non entrou en vigor a nova PAC no 2015, non houbo axudas agroambientais, daquela chamadas Contrato de Explotación Sustentable (CES), pero tampouco se aprobaron prácticamente plans de mellora e axudas de incorporación”, recorda Javier Iglesias, responsable de ganderías de Unións Agrarias.

A solución, dende Unións, pasa porque “Xunta e Goberno Central adianten os cartos con cargo ao orzamento posterior da PAC que recibirán no 2022”. “Preocúpanos este feito porque estas axudas van ás ganderías máis vulnerables de zonas montaña de Lugo e Ourense, e onde máis compre que estean explotacións porque permiten manter a poboación e loitar contra os incendios”, advirte Javier Iglesias.

Na mesma liña se pronuncia Joan Alibés, gandeiro e fundador da consultora Beealia: “As axudas agroambientais son necesarias pois pagan o incremento de custos que supón para o gandeiro producir cunhas prácticas beneficiosas para o medioambiente”.

Neste sentido, critica “a falta de planificación da administración, pois dende o 2015 sabían que no 2020 e 2021 ía haber un período de carencia destas axuda para os gandeiros”. “A outra incógnita é se a Comisión Europea vai prorrogar o orzamento do segundo piar ou non, si que sabemos que as axudas para pago base vanse prorrogar, pero nas agroambientais é unha incógnita”, advirte.

Como mostra da importancia destas axudas, Joan Alibés lembra que mentres para unha gandería en convencional a media da subvención poden andar nos 4.000 euros no caso das ganderías en ecolóxico sobe ata os 10.000 euros, “o que supón cobrar case tanto como de pago base, polo que se durante dous anos non reciben esta axuda vai supor un descenso moi importante dos ingresos”.

Castela e León prorrogará as axudas agroambientais a 10.000 agricultores e gandeiros

Todos os grupos parlamentarios das Cortes de Castela e León apoiaron recentemente unha iniciativa do PP para pedir á Consellería de Agricultura e Gandaría tome as medidas necesarias para prorrogar as axudas agroambientais europeas que reciben actualmente máis de 10.000 agricultores e gandeiros.

Están en xogo uns 28,5 millóns de euros anuais de axudas aos profesionais do campo, que poden ver como a falta de orzamento da PAC puidese deixar en suspenso unhas subvencións que achegan case 3.000 euros de media.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información