O sector gandeiro empraza á Xunta a garantir as axudas agroambientais tralo 2020

A nova Política Agraria Común (PAC) non se espera ata o 2022 ou 2023, o que xera incertidume no campo. Demándase tamén a continuuidade dos apoios ó asesoramento técnico, que Medio Rural quere suprimir

O sector gandeiro empraza á Xunta a garantir as axudas agroambientais tralo 2020

Os cambios que a Xunta propuxo para o Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 xeraron un consenso en contra da maioría de organizacións do agro. Dous son os asuntos que centran a maioría das alegacións presentadas polo sector. O primeiro, pídese que se garanta a continuidade das axudas agroambientais, que benefician á gandería extensiva, e as axudas para zonas con limitacións naturais ata que comece o novo ciclo de axudas, que se espera para o 2022 ou 2023. En segundo termo, demándase a continuidade das axudas para asesoramento técnico ás explotacións agrarias.

No comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) celebrado a pasada semana, a Xunta confirmara a continuidade das axudas agroambientais no 2020 á custa de reducir os apoios para zonas con limitacións naturais. Sen embargo, os anos 2021 e 2022 quedan polo de agora no limbo, á espera de que a Comisión Europea anticipe fondos da nova PAC por medio dun regulamento de transición.

“Hai que ter un plan B para garantir a continuidade das axudas agroambientais e de ZLN” (Jacobo Feijoo, Unións)

A cuestión que preocupa ás organizacións do agro é que eses fondos non se cheguen a confirmar. “Hai que ter un plan B para garantir a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais (ZLN). Tendo en conta que están sen executar o 50% dos fondos do PDR e que se poderán executar ata o 2023, deben reservarse fondos para as agroambientais e para zonas con limitacións naturais no 2021 e 2022. Se ao final chegan novos fondos europeos para esas axudas, haberá marxe para redistribuír o gasto a outras partidas”, propón o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

É un punto de vista que comparten a maioría de organizacións do agro, que presentaron alegacións nun sentido similar ós cambios do PDR propostos pola Xunta. “Estamos en contra de que se reduzan os apois para zonas con limitacións naturais, ben de montaña, ben zonas desfavorecidas, pois hai que compensar ás persoas que manteñen o tecido social e económico nestes lugares”, expón a secretarial xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

“A Administración deixa desamparadas a granxas que fan un gran esforzo por producir alimentos de calidade respetando o medio ambiente” (Isabel Vilalba, SLG)

“Outra cuestión é que hai que garantir a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais durante o periodo de transición da PAC. Temos moitos profesionais que fixeron un esforzo grande por introducirse na agricultura ecolóxica ou por consolidar un modelo de produción respetuoso co medioambiente e agora vense desamparados tras todo o esforzo feito”, critica Vilalba.

Os mesmos argumentos son expostos por outros colectivos, como a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Ovica ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). “As axudas agroambientais e para zonas de limitacións naturais non poden ter paróns, son necesarias tódolos anos porque representan en conxunto entre o 20 e o 25% da renda dunha gandería extensiva” -explica Joan Alibés, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes-. “Ese dato sabémolo polo servizo de asesoramento técnico que lle estivemos prestando a estas ganderías, que é un servizo que a Xunta quere deixar de financiar”, cuestiona.

“As axudas que están no aire representan entre o 20 e o 25% da renda total das ganderías extensivas” (Joan Alibés, Sociedade Galega de Pastos)

Sen axudas para asesoramento
Tódalas explotacións que se benefician das agroambientais están obrigadas a contar cun servizo de aconsellamento que inclúe visitas e campo e seguemento do pastoreo dos animais. Durante este ano, unha axuda da Xunta permitiu que este servizo se lle prestara gratis ás ganderías, pero para o próximo ano a Administración quere retirar tódolos apoios ó asesoramento técnico, que terá que ser pagado de novo polas ganderías.

“O obxectivo das axudas para asesoramento era que os gandeiros tivesen un servizo gratuíto que lles cubrise tódalas súas necesidades, tanto no aconsellamento ó que están obrigados polas axudas agroambientais coma no asesoramento que precisa toda explotación en cuestións de manexo, alimentación ou instalacións, entre outras cousas” -explican desde Ovica-. “Este ano nós non lle cobramos o servizo ás explotacións socias porque pagouno a axuda, pero se para o ano desaparece esta axuda, haberá que cobralo de novo”, conclúen.

“Este ano non lle cobramos ós socios o servizo de aconsellamento pola axuda, pero para o ano se desaparece, terase que cobrar” (Ovica)

O sector non se explica os motivos da eliminación dos apoios ó asesoramento. “É unha medida de apoio ó sector primario que comezou a funcionar este ano e que estaba prevista por catro anos. Non entendemos como se pode eliminar despois do primeiro ano de funcionamento”, cuestiona Carlos Ares, de Agaca.

“Eliminar o asesoramento é unha medida contracorrente que non entendemos” -engade Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego-. “O noso modelo de apoio ó sector pasaría por servizos públicos de calidade, pero xa que se desmantelaron as oficinas agrarias comarcais e se optou por apoiar un programa de asesoramento técnico, non ten sentido que se convoquen axudas un ano para entidades de aconsellamento e que despois se supriman”, critica.

Desde a perspectiva de Joan Alibés, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, “suprimir o asesoramento é deixar ós gandeiros galegos en desvantaxe cos seus competidores do resto de Europa e de España. En toda Europa e no resto de comunidades autónomas hai un apoio claro á transferencia tecnolóxica, a asesorar ós produtores en novos conceptos e novas prácticas”, conclúe Alibés.

Os colectivos do agro presentaron alegacións individuais ás modificacións do PDR propostas pola Xunta e demandaron tamén amparo da Comisión Europea, solicitando que non se aproben os cambios do PDR propostos pola Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información