Medio Rural comunicará ós mozos incorporados a devolución de impostos lograda polas organizacións agrarias

A Administración informará por carta a tódolos beneficiarios de axudas de incorporación desde o 2014, que deberán reclamar individualmente cada caso. Unións Agrarias calcula que os beneficiarios do 2014 e 2015 recuperarán un 30-40% do pagado no seu día

Medio Rural comunicará ós mozos incorporados a devolución de impostos lograda polas organizacións agrarias

A resolución do Tribunal entende que as axudas destináronse a investimentos, polo que deben tributar de xeito diferencial.

A Consellería do Medio Rural anuncia que informará por carta a tódolos beneficiarios de axudas de incorporación desde o 2014 sobre a posibilidade de recuperar parte dos cartos que lle tiveron que pagar a Facenda. A Administración galega trasladaralle así ós produtores os casos recentemente gañados polas organizacións agrarias ante o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia, indicándolles que deberán cursar reclamacións individualizadas, caso por caso, se queren recuperar as cantidades que Facenda cobrou indebidamente.

O Tribunal Económico – Administrativo Rexional de Galicia doulle a razón recentemente a un gandeiro que consideraba que a súa axuda de incorporación debía tratarse como unha axuda de capital, de xeito que puidera imputarse en varios exercicios e non só nun. O cambio de criterio non é menor, pois as persoas mozas incorporadas no 2014 e no 2015 poderán recuperar de media un 30-40% do que lle pagaron a Facenda no seu día, segundo calculan en Unións Agrarias.

Para os beneficiarios do periodo 2016-2018, a recuperación de cartos será menor, pero a parte deles tamén lles compensará a reclamación, segundo valoran desde Unións.

“Hai que estudar caso por caso. A cuestión é que no 2014 e no 2015, a Administración obrigaba a destinar os primeiros 20.000 euros da axuda a investimentos na explotación, co cal tódolos beneficiarios das axudas poderán reclamar que se computen como axudas de capital e non coma subvencións correntes. A partir do 2016, os primeiros 20.000 euros dábanse a fondo perdido, pero aqueles beneficiarios que cobrasen máis de 20.000 euros, tamén poderán reclamar os impostos pagados polas cantidades que percibiran a maiores deses 20.000”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A organización agraria está a recibir numerosas consultas nos últimos días de mozos incorporados e ten previsto realizar en breve unha serie de charlas comarcais para informar ós afectados.

A esa información súmase a da Consellería do Medio Rural, que notificará por carta a tódolos beneficiarios das axudas de incorporación a posibilidade de presentar reclamacións. Esta foi unha petición expresa do Sindicato Labrego no último Consello Agrario. Desde o Sindicato Labrego sinalan que tamén obtiveron recentemente resolucións favorables no Tribunal Económico-Administrativo. Estas resolucións non sentan xurisprudencia, pero si dan pé a que outros gandeiros afectados na mesma situación logren que os seus recursos sexan aceptados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información