Da bolsa do lixo á horta

Unha trintena de Concellos implícanse no plan da Deputación de Pontevedra para transformar os residuos orgánicos en compost, aproveitable como abono para cultivos

Publicidade
Da bolsa do lixo á horta

Recente visita de técnicos ós composteiros do complexo infantil Príncipe Felipe.

Os residuos orgánicos, principalmente restos de comida, representan arredor do 40% da bolsa do lixo. Se eses biorresiduos non se separan, igual que se fai cos envases de plástico ou co papel, rematan na incineradora de Sogama, cos conseguintes custos económicos e perxuízos ambientais. Un plan da Deputación de Pontevedra implicou xa a unha trintena de Concellos da provincia na separación e compostaxe dos restos orgánicos.

O proxecto consiste na instalación de composteiros comunitarios nos que os veciños poden depositar residuos orgánicos como restos de comida ou material vexetal (polas podadas, césped, etc.). No caso de zonas caracterizadas pola dispersión poboacional, suminístranse tamén composteiros individuais.

En toda a provincia, xa hai 400 composteiros comunitarios instalados con capacidade para absorber máis de 1.600 toneladas ó ano e a súa extensión continuará ó longo do 2017 nos arredor de 30 concellos implicados no plan.

César Mosquera, coas hortalizas producidas con compost.

César Mosquera, coas hortalizas producidas con compost.


Reutilización

Os restos orgánicos convertidos en compost constitúen un abono natural que pode ser usado tanto en cultivos como en parques e xardíns. Estes días, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, ofrecía unha rolda de prensa acompañado das primeiras hortalizas que medraron co compost producido no marco do Plan Revitaliza.

As verduras viñan das hortas da Escola de Hostelería Carlos Oroza e do complexo infantil Príncipe Felipe, que está a compostar os seus residuos orgánicos para logo reutilizar o compost nas súas hortas, nas que monitoras e nenos cultivan un total de 47 hortalizas.

Redución de emisións
O plan de compostaxe da Deputación de Pontevedra presenta un dobre beneficio, por un lado económico, pois reduce os custos do tratamento do lixo; e por outro ambiental, pois minimiza as emisións de gases de efecto invernadoiro, causantes do cambio climático. O organismo provincial calcula que na actualidade o plan de compostaxe está a evitar a emisión dunhas 1.200 toneladas de dióxido de carbono (CO2) ó ano.

Cada habitante produce unha media de 190 quilos de biorresiduos anuais, que co sistema de recollida e incineración provocan unhas emisións de 261 quilos de CO2 . Coa compostaxe, esas emisións redúcense practicamente á metade.

Metas de reciclaxe
A Deputación de Pontevedra lembra que a UE esixe que se reciclen un 50% dos residuos para o ano 2020, se ben en España a porxentaxe actual ronda o 30%, maiormente pola reciclaxe de plásticos e papel, e en Galicia non pasa do 12%, polo que queda moito por facer. A Deputación aspira a que nos concellos implicados no plan se reciclen un 75% dos residuos orgánicos, o que faría minguar a bolsa do lixo un 30%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información