A Deputación de Pontevedra crea unha web para asesorar á cidadanía sobre compostaxe

A iniciativa enmárcase no Plan Revitaliza, que xa achegou a máis de 80.000 veciños da provincia composteiros comunitarios ou individuais para xestionar o lixo orgánico

Publicidade
A Deputación de Pontevedra crea unha web para asesorar á cidadanía sobre compostaxe

Web do Plan Revitaliza.

O Plan Revitaliza da Deputación, que está a promover a compostaxe comunitaria na provincia, vén de estrear unha nova páxina web para achegar a compostaxe á cidadanía. A nova páxina web pretende completar o traballo que está a facer o persoal técnico nos concellos adheridos ó Plan, facilitando información, vídeos e documentación sobre que é a compostaxe, as súas vantaxes ou as vías de participar no sistema.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, destacou que entre finais deste ano e principios do 2019, a cifra de veciños e veciñas que compostan na provincia ascenderá a 85.000 persoas: 25.000 por vía individual e 60.000 en composteiros comunitarios. “Estamos a falar dun volume alto de persoas que demandan información completa e actualizada e, a pesar de que hai persoal técnico que divulga a compostaxe de xeito directo, era necesario e inevitable polos tempos nos que estamos dar información actualizada, precisa, de calidade e simple a través dunha plataforma dixital, cunha páxina web”, subliñou.

A nova web terá dous posibles accesos directos www.revitaliza.depo.gal e www.revitaliza.gal, ademais de estar enlazada coa páxina web oficial da Deputación www.depo.gal.

Entre o contido, as persoas que accedan á páxina poderán saber máis sobre compostaxe (que é e as súas vantaxes, os materiais a compostar, que é o estruturante, as fases, problemas e solucións, así coma outras experiencias como a avicompostaxe e a vermicompostaxe). Tamén haberá información sobre o persoal técnico, convocatorias do Plan Revitaliza e videoguías sobre compostaxe individual e comunitaria.

A web conta ademais con apartados de novidades e axenda, para detallar as diversas accións e actividades organizadas no marco do Plan Revitaliza, e dispón tamén dun apartado de contacto que permite a interacción co persoal técnico, a fin de resolver posibles dúbidas dos usuarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información